martes, 12 de maio de 2020

Vacas na cidade?



Alfaya, An (2008). Vacas na cidade?, Ilust. Jacobo Fernández. Vigo: Editorial Galaxia, col. Ovos duros, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-015-0).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de tapa dura da autora An Alfaya e Jacobo Fernández. A cuberta está ocupada na súa totalidade pola imaxe da cara dunha vaca rosa sorrindo, mentres que na contracuberta aparece unha vaca de cores, gris, branca e rosa e un breve resumo do conto. Nas gardas hai nove vacas diferentes, tres marróns e seis brancas con manchas grises, sobre un fondo verde. Na portada e páxina de créditos aparecen dúas vacas de diferentes cores recibindo aos seus lectores e toda a información técnica do conto.
As temáticas que se abordan nesta obra van dende a familia, a infancia, a arte ata a diferenza. Vacas na cidade? conta o que sucedeu un día na cidade onde vive Paulo, un neno ao que lle encantan as vacas. A súa tía Catarina leu no xornal que na alameda da cidade había unha exposición de vacas, polo que non dubidou en levar o seu sobriño. Nun primeiro momento a Paulo non lle gustaron porque dicía que non eran reais pero despois de que a súa tía lle dixera que as vacas decorativas tamén nos fan soñar, o neno observou a cada unha delas e deulle a razón á tía dicindo que esas vacas son máxicas.
Con este conto, o alumnado pode reflexionar sobre a variedade de cousas que nos pode transmitir a arte, a importancia da familia, reflectida na relación entre Paulo e a súa tía; a diferenza, observando a cada unha das vacas, de estilos moi diversos; e a infancia, representada por Paulo. O texto presenta un narrador heterodiexético en terceira persoa, que presenta ao protagonista e pecha a historia. As frases que aparecen no transcurso da historia son curtas e serven de apoio ás ilustracións, as cales teñen unha disposición de dobre páxina. O estilo é infantil e todas as escenas son sinxelas, con busca de movemento para animar ao lectorado a seguir avanzando. Empréganse moitas cores de diferentes tons, o que propicia o contraste entre cores claras e escuras.

Potencialidades educativas: a lectura desta historia permite que nenos/as reflexionen sobre o importante que é compartir bos momentos coa familia, neste caso o vínculo que se establece entre Paulo e a súa tía, realizando unha actividade do seu interese. Isto, pode conciencialos e involucralos máis nas súas relacións familiares. Tamén axuda a que coñezan diferentes obras artísticas, permitíndolles potenciar a creatividade e a súa imaxinación por medio das diferentes vacas que aparecen. Neste conto moitos nenos/as poden sentirse identificados co protagonista e compartir cos seus iguais os seus gustos.



Ningún comentario:

Publicar un comentario