Carle, E. (2018). La pequeña oruga glotona. Trad. Esther Rubio. Madrid: Kókinos, [a partir de 3 años], [30 pp.]. (ISBN: 978-84-16126-34-7).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado recomendado para nenas e nenos a partir de 3 anos. Este álbum ilustrado ten unhas medidas de 17x23 cm, conta con 30 páxinas e está encadernado con tapa dura feita de cartón. A cuberta presenta a protagonista da historia, a pequena eiruga lambona sobre un fondo branco, onde predomina a cor verde e vermella do seu corpo. Ademais, está acompañada do título da obra, escrito en letras maiúsculas e grosas nunha esquina, sen restar protagonismo á eiruga, así como o nome do autor e a editorial á que pertence, escritos tamén en maiúsculas. Na contracuberta, tamén con fondo branco, aparece unha folla cun pequeno burato polo que sae a eiruga, acompañada do sol, que aparece nun recuncho. Tamén está presente o código de barras co seu respectivo ISBN e de novo o nome do autor, pero esta vez cunha tipografía diferente, representando a súa sinatura. No lombo do álbum volve aparecer o título da obra, a editorial e o nome do autor. As gardas están representadas con moitas formas e cores rechamantes, que están cheos de buratos, o cal nos está dicindo que por aí pasou a protagonista comendo. Na portada aparecen, na parte inferior, unha chea de círculos pequenos que se asemellan aos bocados que se comeu previamente a eiruga, acompañados da información do libro na parte superior esquerda, xunto co título da obra, o nome do autor e a editorial na parte superior dereita. A continuación da portada, aparece unha páxina cunha fotografía do autor e unha breve referencia ás súas obras.
No interior, as páxinas están feitas de cartón, para que sexan máis resistentes á manipulación, sobre todo dos máis pequenos e, a excepción da primeira páxina, todos os fondos son brancos e o tipo de letra que se utiliza é sempre a mesma, é dicir, en maiúsculas. Os textos son curtos e están acompañados dunhas ilustracións coloristas e rechamantes, moi ben feitas, doces e expresivas. En todas as páxinas aparece a eiruga, acompañada de diferente comida, en función do día que é. A medida que avanza a historia vai aparecendo máis cantidade. A maioría das páxinas son dobres e algunhas delas teñen buracos, simulando por onde pasa a protagonista comendo. As páxinas onde aparecen as froitas son de tamaño inferior, acorde co número de froitas que hai e, a medida que pasan os días, esas páxinas vanse facendo máis grandes, desta forma, cando empeza a semana, ven todas as froitas que come de luns a venres.
En canto á historia, trata sobre unha pequena eiruga que nace moi pequena dun ovo nunha folla. A medida que pasan os días e o seu tamaño aumenta, vai comendo máis cantidade de comida: ao principio aliméntase só de froita, pero sempre quedaba con fame. Cando chegou o sábado, comeu alimentos menos saudables, como piruletas e salchichas e moita máis cantidade, polo que á noite estaba empachada e tiña dor de tripa. O domingo, despois de estar empachada, comeu só unha folla fresca e, posteriormente, como xa era unha eiruga grande, construíu unha casiña, unha crisálida, na que estivo varios días ata que se converteu nunha bonita bolboreta.
Potencialidades educativas: con este conto pódense tratar unha chea de temas interesantes en Educación Infantil, entre eles están os días da semana, os números do 1 ao 5, o día e a noite, as cores, diferentes tipos de froita e comida, o tamaño (pequeno – grande, delgado – gordo). Dende o meu punto de vista as temáticas máis relevantes da obra son o ciclo de vida dunha eiruga, é dicir, a metamorfose, dende que nace en forma de eiruga, ata que se transforma nunha bolboreta; e os hábitos saudables na alimentación, facendo ver o importante que é comer froita e non alimentos menos saudables, como as larpeiradas.
Recursos:
- Audioconto que se pode escoitar en A Jugar (2017). La pequeña oruga glotona. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=X7DDhD0poPQ (consultado o 25/04/2020).
- Representación do conto con monicreques, versión en galego, en Concello de Teo (2020). Alejandra Pérez cóntanos o conto Unha eiruga moi larpeira. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=YRRK52zRj7c (consultado o 25/04/2020).
- Na páxina web de Kókinos podedes atopar moitas edicións diferentes desta historia, entre elas hai con monicreques de dedos, para pintar, cun peluche da pequena eiruga... Para atopalas tedes que buscar o nome de Eric Carle (vai por orde alfabética) onde pon autores. https://editorialkokinos.com/catalogo# (consultado o 25/04/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario