mércores, 13 de maio de 2020

La ventana infinita




PI ANDREU, Andrés e AMATE, Kim (2009). La ventana infinita. Premio Destino Infantil – Apel·Les Mestres. Barcelona: Editorial Destino Infantil & Juvenil e editado pola Editorial Planeta, (ISBN: 978-84-08-09109-7).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Andrés Pi Andreu e de Kim Amate que foi recoñecido co Premio Destino Infantil – Apel·Les Mestres. Este libro de tapa dura con 14 páxinas e dimensións de 22 x 22 cm, presenta unha cuberta na que domina a cor azul en diferentes tonalidades. A ilustración ocupa todo o espazo, representa unha persiana e un cativo que se agocha tras ela. Na parte central podemos ver, en letras maiúsculas e brancas, o título da obra, o cal debuxa unha onda ascendente. A esquina inferior dereita amósanos os nomes do escritor e o ilustrador e máis un selo que acredita que esta obra foi galardoada co premio Destino Infantil – Apel·les Mestres.
No caso da contracuberta atopamos máis color e ilustracións. Na metade superior, sobre un ceo azul con nubes, podemos ler unha pequena reflexión sobre esta historia e é na parte inferior, onde vemos máis cantidade de debuxos. Observamos que se representa unha ringleira de edificios, todos eles da mesma cor, entre azul e violeta, e sen moito detalle, xa que esta non é a parte que se quere destacar. No centro fórmase unha praza pola disposición destes edificios e nela atopamos aos protagonistas desta historia, xogando a manterse en pé uns sobre os ombreiros dos outros para así poder atrapar unha cometa con forma de morcego coa que xogan e que é turrada por un can. Finalmente, na parte máis baixa da contracuberta temos a páxina web da editorial Destino, o logo da Fundación Antena 3 e o código de barras.
Xa no interior, tanto as gardas iniciais coma as finais son de cor laranxa clara, aínda que con ilustracións diferentes. No caso das gardas iniciais, estas contan cunha pequena ilustración na esquina superior esquerda na que se ve representado un morcego colgado boca abaixo dunha cordiña e lendo un xornal, ao seu lado colga un pequeno espertador. A ilustración das gardas finais vémola na parte superior dereita das mesmas, e representa dous morcegos, un, coma no caso anterior, pendendo da corda e o outro perseguindo un mosquito. Referido á páxina de dereitos, vemos que achega información relevante como o ISBN ou o número do depósito legal, así como os datos das editoriais responsábeis da edición. A portada resulta máis simple se a comparamos coa cuberta e a contracuberta. Nela, sobre un fondo clariño de cor area, vemos unha pequena fiestra, a cal ten unha persiana que parece chegar ao infinito e na que vemos unha luz amarela. O título é o que máis destaca nesta parte do libro, xa que está escrito en negro e con maiúsculas de gran tamaño, xusto en baixo do mesmo noméanse ao escritor e o ilustrador desta historia.
No interior do libro as ilustracións dispóñense a dobre páxina variando a situación do texto. Estas ocupan toda a superficie, sen deixar ocos baleiros. Os debuxos mostran moitos detalles relacionados co texto, facendo que sexa inevitable pararse a miralos. Porén, moitos destes detalles non serán percibidos polos máis pequenos se antes non se fai unha explicación do tema do que se fala. Aínda así, penso que arredor do último curso de Educación Infantil serán capaces de facer esta relación.
Desde o punto de vista do argumento, este álbum ilustrado achégalle ao lectorado a historia dun cativo que chega novo ao barrio. O rapaz nunca sae da súa casa, o que fai que os demais teñan diferentes hipóteses de cal é o motivo polo que non quere saír a xogar. Finalmente chegan á conclusión de que o neno é un vampiro e artellan un plan para acabar con el. A historia remata cando a irmá pequena dos protagonistas lles di o verdadeiro motivo que o neno ten e tras isto, todos se achegan á súa fiestra para ofrecerlle a súa amizade. O texto conta cun narrador en primeira persoa, xa que é un dos protagonistas quen conta o sucedido, mentres que as intervencións recollen os diálogos dos irmáns.

Potencialidades educativas: este álbum brinda a posibilidade de traballar arredor dos prexuízos, xa que como vemos, os pequenos irmáns tiñan unha idea errada sobre o neno da fiestra; do medo ao descoñecido, sentimento que abruaba ao pequeno neno triste e que finalmente logrou superar; e reforzar valores como a empatía, o respecto ou a amizade, que son a base da temática do libro.






Ningún comentario:

Publicar un comentario