mércores, 20 de maio de 2020

¿De qué color es un beso?


Bonilla Raya, Rocío (2015). ¿De qué color es un beso?, Alzira: Algar Editorial, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9845-784-1).

Descrición do formato: álbum ilustrado con tapa dura escrito por Rocío Bonilla. As súas dimensións son de 20 x 21cm. Na súa cuberta atopamos a unha nena de pelo liso negro, ollando cara a arriba cun dedo pousado nos seus beizos. Podemos deducir desa posición que está pensativa, tentando buscar unha solución ao problema que se presenta xa no título: ¿De que color es un beso?, cuxa tipografía en letra grosa destaca as palabras “color” e “beso”, escritas en maiúscula, focalizando os dous eixos centrais do conto. O fondo é de cor branca con manchas de pintura de diferentes formas e tamaños, que se relacionan coa imaxe dunha nena rodeada de botes de pinturas con distintos pinceis. A medida que avanzamos en cada páxina as ilustración son da tonalidade da cor que está explorando. Son moi expresivas e describen a variedade de elementos que vai nomeando e as sensacións que estes lle transmiten.

Descrición do contido: a historia está narrada en primeira persoa pola protagonista, unha nena chamada Mónica, que se presenta dicindo que o que máis lle gusta é pintar. Sabe que cor usar para colorear cada cousa, ata que un día se decata de que nunca debuxara un bico debido e non sabe de que cor representalo. Ao longo do conto vai repasando cada cor para ver se son apropiados para definir o que sente ao dar un bico. Vai asociando cada cor a unha emoción, estado de ánimo, obxectos, animais etc. Con cada cor que vai experimentando busca elementos cos que relacionala e aínda que algúns son positivos desbota todas as opcións porque ningunha se asemella ao que a ela lle transmite un bico. Finalmente, pídelle axuda a súa nai, quen lle dá bico e descobre a gran variedade de emocións positivas que sente, o que lle transmite a idea de que un bico pode ser de todas as cores.

Potencialidades: a lectura deste conto fomenta a creatividade e imaxinación dos nenos e nenas. Aprender as distintas cores e que as identifiquen con obxectos pertencentes á súa contorna. Traballar coas emocións, que saiban diferencialas e sexan capaces de identificar como se senten en distintas situacións da súa vida. Ademais de coñecer e asociar as expresións faciais a unha determinada emoción. Ensinarlles que para expresar sentimentos a través do debuxo e a pintura non hai cores establecidas. A maiores, tamén aprenden moito vocabulario, como os diferentes animais, alimentos e obxectos que se nomean. Finalmente, pódese reflexionar sobre a mesma pregunta do título e abordar a creatividade a través da expresión artística.

Recursos:
[A jugar]. (2016, agosto 29) ¿De que color es un beso? Rocío Bonilla Editorial Algar Libro infantil. Cuento infantil [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=OGeNIIuSTcY (Consultado o 6/5/20).

Ningún comentario:

Publicar un comentario