mércores, 13 de maio de 2020

A casa da miña avoa

Bruno, Pep (2009). A casa da miña avoa, ilust. Alberto Gubellini, Pontevedra: Editorial OQO. [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-210-0)

Descrición do formato e o contido: A casa da miña avoa é un álbum ilustrado de Pep Bruno (Barcelona, 1971) de 25x23 cm e cunha encadernación de cartoné, a versión que imos analizar está en galego pero tamén hai unha versión en castelán. Na cuberta do libro aparece o título do libro, e o nome do autor, do ilustrador e da editorial; todo sobre unha imaxe de fondo na que encontramos o protagonista do álbum indo por un camiño en dirección a unha casa, tamén observamos un paxaro, un lobo e un oso. Na contracuberta aparecen datos da edición xunto coa imaxe de dous paxaros enriba das pólas de dúas árbores.
No interior do volume, as gardas presentas a un rapaz e a unha anciá voando nunha vasoira, o que lembra os contos de bruxas. A seguir aparece a páxina de dereitos sobre a imaxe do ceo cunha nube, na que se recollen todos os datos da edición, mentres que na portada aparece un paxaro enriba do tellado dunha casa e á esquerda está o título do libro, o nome do autor, do ilustrador e da editorial. Ao longo do volume, as ilustracións acompañan a mensaxe do texto recreando as distintas situacións que se van mencionando no relato. Recórrese a xogos coas tipografías, que empregan as letras grosas para amrcar os diálogos. A linguaxe é sinxela e adaptada á idade dos lectores e lectoras infantís, aos que se dirixen breves acoutacións durante toda a historia para aclarar algúns aspectos. As ilustración ocupan toda a páxina e as cores e materiais semellan estar realizados con pinceis e acuarelas, xogan con distintos planos para mostrar as diferentes emocións que teñen as protagonistas. Grazas ás sombras e ás cores máis suaves, conseguen dar forma e volume a todos os elementos que aparecen na historia.
En canto ao contido, preséntanos a un neno que está de aniversario, a súa avoa vai celebralo á súa casa, pero esquécese de levar a torta. Debido a isto o neno ten que ir á casa da avoa buscar a torta, para o que é preciso que supere o medo que lle producen diferentes personaxes que atopa polo camiño e na casa da súa avoa. Un narrador heterodiexético presenta a historia do neto e a súa avoa, introduce o conflito e pecha a historia.


Potencialidades: mediante a lectura deste álbum, podemos traballar o misterio, o suspense, a tensión e os medos. De esta maneira, pódese traballar a súa superación. Tamén traballariamos os prexuízos e as primeiras impresións, xa que ao principio o neno teme aos compañeiros da súa avoa e acaba facéndose amigo deles. Ao longo deste álbum podemos recoñecer personaxes clásicos como poderían ser Frankenstein ou Drácula, polo que poderiamos traballar a lectura destes clásicos que posiblemente algúns dos nenos e nenas xa coñezan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario