Valdivia, Paloma (2009). Os de arriba e os de abaixo, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka Editora [36 pp.]. (ISBN: 978-84-84646-91-4)
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de Paloma Valdivia (Chile, 1978) de 22x22 cm e cunha encadernación de cartoné, esta historia está publicada en lingua galego pero tamén conta con versións en castelán, catalán, portugués, inglés e éuscaro. Na cuberta do libro aparece o título en maiúsculas, o nome da autora e da editorial sobre un fondo vermello con imaxes que imos encontrar no libro, como unha xirafa e unha casa, en tons máis suaves. Na contracuberta observamos unha liña que divide á metade o libro, esta liña tamén aparece na cuberta atravesando así todo o volume e que representa a separación dos dous mundos, os de arriba e os de abaixo.
No interior, as gardas son sinxelas e planas, de cores claras, como o ocre, a páxina de dereitos ten as mesmas tonalidades e acolle unha dedicatoria que vai no bico dun paxaro, ademais da información da edición. A portada ten o título no medio da páxina separando os habitantes enriba e debaixo del, en sentidos contrapostos, estilo que se manterá en todo o volume, ademais dos nomes da autora e da editorial. As ilustracións son sinxelas, as cores semellan estar realizadas con cera densa, os personaxes teñen formas xeométricas e as súas roupas son máis escuras, contrastando coa súa pel branca e co fondo que é ocre. As ilustracións ocupan toda a páxina e as letras vanse intercalando de arriba a abaixo durante toda historia sen interpoñerse ás ilustracións
En canto ao contido, o álbum presenta dúas realidades, a do pobo dos de arriba e a dos de abaixo. A lectura visual permite observar que os dous viven da mesma maneira, a pesar de que eles pensen que son diferentes.
Potencialidades: a lectura deste álbum permítenos traballar a multiculturidade e a diversidade que hai en todo o mundo, investigando sobre outras culturas e países. Tamén permite reflexionar sobre a igualdade e a convivencia, a superación de prexuízos e visións estereotipadas, aprendendo a valorar estas diferenzas dunha maneira positiva.
Ningún comentario:
Publicar un comentario