venres, 1 de maio de 2020

Un becho estraño



DAPORTA, Mon (2009). Un becho estraño, ilustr. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, (a partir de 3 anos), [17 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-434-7).

Descrición do formato: álbum ilustrado en lingua galega, cuxa primeira edición é de 2009. Está encadernado en cartoné con dimensións 22 x 18 cm. O formato presenta unha cuberta de cor gris co título situado no centro, por enriba as patas dun becho e por debaixo a parte superior da cabeza. Na contracuberta, da mesma cor que a cuberta, aparece o rabo do becho que vai dende arriba ata o centro, os dereitos e o código de barras co ISBN do álbum.
Este álbum ilustrado non contén nin gardas nin portada; dende a cuberta e a contracuberta comeza inmediatamente o texto.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda a aparición dun ovo que experimenta cambios en cada páxina ata converterse nun becho estraño e cando chega ao final do conto e o texto invita a xirar o conto (“e ao darlle a volta ao conto atopeime cun...”). Cando se lle dá a volta ao libro, o becho estraño convértese nun rato que, con diferentes accións, vai perdendo as partes do corpo ata converterse de novo nun ovo. Ao chegar de novo á paxina de inicio, o texto volve convidarnos a ler de novo o conto.

No relacionado coa lingua, predomina o campo semántico das partes do corpo (pés, brazos, dedos, nariz...), pero tamén aparece o campo semántico da meteoroloxía (raio, vento e choiva) e de diferentes características como: redondo, liso, pelado....

As ilustracións: son un elemento estrutural do conto, que segue sempre a mesma secuencia: na páxina impar aparece a ilustración (o ovo que se vai convertendo nun becho estraño e, agás na primeira páxina, sempre aparece o rabo, que se alonga ata a páxina par); e na páxina par o texto, disposición que pasa a inverterse ao darlle a volta ao libro. O texto aparece na parte inferior de ambas as páxinas, que na primeira e última se estende tamén pola parte lateral para remarcar a circularidade da historia e permitir a transición ao sentido inverso, convidándonos a xirar o conto de forma lúdica e seguir lendo.
 

Potencialidades: este álbum ilustrado pertence aos chamados contos sen fin, debido a que invita unha e outra vez a darlle a volta e continuar a lectura; presenta unha linguaxe sinxela que se mantén ao longo de todo o relato, destacando a rima e o ritmo. Con este álbum achégaselles aos nenos e nenas o coñecemento da lectura lúdica traballando as partes do corpo. Outro aspecto interesante é que a obra fomenta a creatividade do alumnado que intentarán adiviñar de que becho estraño se trata.
 
Recursos:
Ceip Arua (2016). Nós contamos “Un becho estraño”. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=v3WH4n6HkEE (consultado o 23/04/2020).
Li DiÑa Larpeira (2017). Un becho estraño. Vídeo – conto. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=fe2GjeoaHFc&t=35s (consultado o 23/04/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario