Ballesteros, Xosé (adapt.) (2000). Tío Lobo, ilust. Roger Olmos, Pontevedra: Kalandraka (ISBN: 84-846-49-113).
Descrición do formato: álbum ilustrado de forma cadrada e cartoné de Xosé Ballesteros, ilustrado por Roger Olmos. Composto por 40 páxinas, na cuberta aparece unha nena que está comendo un doce nunha paisaxe deserta, cunha pequena casa ao lonxe, e o título da obra na parte superior dereita. Na contracuberta aparece a vista superior dunha mesa onde está apoiada unha tixola. As ilustracións son a dobre páxina, de cores escuras, con personaxes realistas e ambientadas en paisaxes da vida cotiá.
Descrición do contido: este álbum ilustrado conta a historia de Carmela, unha nena moi larpeira que lle pide a súa nai que lle faga unhas chulas. Cando a súa nai vai facelas, dáse de conta de que non ten unha tixola e pídelle a Carmela que vaia ata a casa do Tío Lobo a pedirlle unha. Cando Carmela chega á casa do Tío Lobo, acepta darlle a tixola coa condición de que de volta lle leve unha ducia de chulas, un anaco de pan de millo e un pouco de viño. A nai de Carmela fai as chulas e pídelle a Carmela que devolva o que pediu pero como Carmela é moi larpeira pápase todo polo camiño e decide substituír os alimentos por caca de burro, auga sucia e pedras. No momento que o Tío Lobo proba todo o que trouxo Carmela e anóxase moitísimo, polo que a ameaza con que a vai papar.
Potencialidades: a lectura deste álbum ilustrado permite traballar a importancia de non actuar de maneira egoísta, de cumprir coas nosas obrigas e de non mentir. Tamén aborda a ensinanza a través do medo, que nalgúns aspectos remite cara a outros contos universais como son a Carapuchiña vermella.
Ningún comentario:
Publicar un comentario