Valdivia, P. (2009). Os de arriba e os de abaixo, trad. Manuela
Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka, col. Minilibros, [32 pp.]. (ISBN
978-84-8464-691-4).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado co texto e ilustracións de Paloma e tradución á lingua
galega de Manuela Rodríguez. A edición pertence á colección “Minilibros”, polo
que o seu formato presenta capa branda e de dimensións moi reducidas. A cuberta
contén o título da obra e os nomes da autora e editorial. Ademais apréciase
unha ilustración na que podemos ver o título da obra e unha liña divisorioa que
sitúa a uns personaxes enriba e outros en sentido inverso debaixo. Estas
personaxes son animais, entre os que salienta a xirafa que é a única capaz de
superar a liña que os divide co seu longo pescozo. Na contracuberta podemos ver
a mesma liña divisoria na que enriba hai unha personaxe humana e abaixo un
animal, ademais do nome da colección “Minilibros”. Na portada atópase o título
da obra e o nome da autora do texto e ilustración e o nome da editorial,
ademais enriba do título pódense apreciar unhas personaxes moi abrigadas e
abaixo case sen roupa. A historia que conta este álbum é que os de arriba viven
igual que os de abaixo, pero viven en distintas estacións, cando arriba vai
calor, abaixo vai frío e cando arriba é tempo de sementar, abaixo é tempo de
colleita, aínda que todos comparten o mesmo soño que é voar.
É un álbum ilustrado narrativo no que as ilustracións son moi necesarias.
Nelas podemos ver personaxes de forma redondeada e algunhas de forma
rectangular, nas que a autora utiliza moito as cores vermella, negra, e verde.
Pódense apreciar como personaxes tanto a seres humanos coma a animais, como
pode ser un paxaro, unha xirafa, un elefante ou o can, ademais de seres da
natureza como as árbores. Nas ilustracións pódese apreciar en todo momento un
fondo de cor crema e que emprega lápices como material maioritario. É un libro
que esixe a implicación do lector para interaccionar coa historia, que se conta
a través das ilustracións e do texto, os cales van avanzando a medida que
pasamos as páxinas e se pode saber que pasa cos de arriba e os de abaixo.
Potencialidades: a lectura desta obra permite que nenos e nenas reflexionen sobre as
relacións sociais e a diversidade, que aínda que se viva en diferentes sitios
se poden manter relación sociais. Con este álbum tamén se pode traballar o medo
ao descoñecido, polo feito de que os de arriba pensan que os de abaixo son diferentes
a eles e viceversa. Para iso é importante traballar a empatía e a capacidade
para se poñer no lugar do outro, o que contribuirá a eliminación de
estereotipos e prexuízos. A obra tamén contribúe a poder falarlle das
diferenzas climatolóxicas no planeta, ao se referir o texto á sementeira e
colleita; dos continentes que conforman o mundo ou das súas características
xeográficas e físicas dentro do globo. A propia configuración física do libro
tamén axuda a percibir a contraposición de perspectivas, pois se lemos o álbum
na posición convencional os de abaixo están cara a abaixo, pero se lle damos a
volta ao libro veremos que ocorre o contrario cos que estaban arriba. Este xogo
de perspectivas conflúo na última páxina , na que se pode ler dos dous lados e
poden describir o que cada un percibe, xa que o seu pequeno tamaño se adapta as
pequenas mans dos potenciais destinatarios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario