Minarik, E.H. (2015). Osiño.
Trad. Sandra e Óscar Senra. Ilust. Maurice Sendak. Pontevedra: Kalandraka. [63
pp.] (ISBN: 978-84-8464-866-6).
Descrición do formato e do contido:
Obra pertencente á
colección Tras os montes. Presenta tapa
dura, cunhas dimensións de 23 x 15 cm. Cuberta e contracuberta están unidas por
un mesmo fondo azul, pero na parte dianteira a maiores do fondo pódense
observar ramas de árbore e no centro un círculo branco onde está o Osiño mais a
súa nai sentados nun tallo, aos que acompaña o
título da obra, o nome do escritor e tamén do ilustrador. Ambas as gardas
son de cor beixe, sen ningún outro contido. Na
portada vese o Osiño con algúns amigos seus sentados á
mesa dispostos a xantar, ademais do nome da obra, da autora, do ilustrador e da editorial. Dende a
portada, todas as páxinas conteñen un bordeado co osiño
como protagonista. A seguir aparece un índice, no que se ve que a obra
está repartida en catro historias: “Que vestirá o Osiño?”, “Sopa de
aniversario”, “Osiño vai á Lúa” e “O desexo do Osiño”. Cada
unha delas narra unha situación diferente, aínda que
nas catro se pon de relevo o amor que a nai do Osiño sente polo seu
fillo e como apoia as súas ideas dentro das súas posibilidades.
O texto é
sinxelo e ao longo de cada historia a estrutura da escrita repítese, para que
así sexa mais fácil lelo e tamén entendelo. Os debuxos son un complemento do
texto, non son moi coloridos, pero si están feitos con perfección para que
neles se poida ver e entender o que está a
suceder en cada páxina.
Potencialidades:
A configuración en historias
independentes permite facer unha lectura tamén fragmentada en diferentes momentos
na aula. De deternos en cada unha delas, “Que vestirá o Osiño” permite traballar
por exemplo o vocabulario sobre a roupa ou incluso tamén sobre o tempo, xa que
ao longo da historia o oso vai xunto á súa nai
en diferentes ocasións porque ten frío. Con “Sopa de aniversario” pódese traballar o vocabulario sobre
os alimentos, os animais ou tamén buscarlle un significado especial ao aniversario
sen ser materialista; por exemplo o que fixo ao
Osiño feliz foi que a súa nai se acordara do seu. Con “Osiño vai á Lúa” pódese traballar o contraste entre a imaxinación e a
realidade, tamén como ambas se poden xuntar; e finalmente con “Os desexos do
Osiño” pódese
traballar a memoria, xa que a nai do Osiño fai unha mención especial a todas as
historias anteriores.
Recursos
NICOLÁS, R. (2015). Os osiños de Else Holmelund Minarik e Maurice
Sendak. Caderno da crítica, 20 de
xullo. Recuperado de: https://cadernodacritica.wordpress.com/2015/07/20/os-osinos-de-else-holmelund-minarik-e-maurice-sendak/ (consultado o 9/5/20).
Ningún comentario:
Publicar un comentario