luns, 11 de maio de 2020

Pedra, pau e palla




Ana Presunto (2006). Pedra, pau e palla, ilust. Josep Rodés. Pontevedra: OQO, [48 pp.]. (ISBN: 84-96573-35-4).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con tapas duras feitas de cartoné e un tamaño de 22x24 cm e no que se recrea unha versión dun conto popular feita por Ana Presunto e ilustrada por Josep Rodés. Na cuberta podemos observar unha imaxe de tres nenas que parece que sinalan o título, pero en realidade están sinalando a pedra, o pau e a palla que aparecen debaixo. De fondo aparecen unhas árbores ao carón dos nomes da autora e do ilustrador. Na contracuberta aparecen troncos, pedras e ramas e nas gardas aparecen de novo as árbores da cuberta. Xa no interior aparecen ilustracións orixinais e grandes, de cores principalmente apagadas, xunto a textos sinxelos e breves, que favorecen a comprensión por parte do potencial lectorado.
O tema principal da obra xira ao redor de como solucionar os erros facendo uso da imaxinación e da astucia, pois a obra trata dun leñador que vai ao bosque e que ten tres fillas. Para que o atopen mellor cando lle levan a comida, este deixa un rastro, un día de pedras, outro día de paus e outro día de palla. Pero ese rastro tiña unha trampa, pois cando volvían á casa de levarlle a comida ao pai, o rastro acababa na cova dun oso. Unha vez as tres fillas na cova do oso elaboran un plan para escapar da cova.

Potencialidades: a lectura desta obra permítenos tratar temas como a familia, a astucia, os animais, a resolución de problemas, a autonomía persoal e a colaboración.

Recursos:
-CRTVG (2011). Os contos do camiño: Pedra, pau e palla. Recuperado de: http://www.crtvg.es/infantil/programas/os-contos-do-camino/capitulo-18-pedra-pau-e-palla (consultado o 27/04/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario