Díaz Reguera, Raquel (2017). Cuando las niñas vuelan alto, Barcelona:
Lumen (4-8 anos).
Descrición do formato: álbum ilustrado de Raquel
Díaz Reguera (Sevilla, 1974) escrito en lingua castelá, cuxa lectura é
convencional. Ten 48 páxinas e fabricouse en cartoné. A cuberta presenta a tres
nenas vestidas con prendas de diferentes cores, vivas e luminosas. Cada unha porta
diferentes obxectos, o que leva a pensar que realizan actividades diversas. De
esquerda a dereita, a primeira toca un violín, a do medio ten unha avioneta no
alto da cabeza e vai caracterizada como unha piloto e a terceira ten un libro
na man que está espallando letras e un paxaro no pelo, elemento que podería
simbolizar a imaxinación. Cada unha representa un mundo diferente: o da música,
o da literatura e o da aventura. O feito de que sexan tres leva a pensar na
simboloxía que ten este número na tradición contística europea, onde moitas
obras empregan este mesmo elemento, caso de Os tres porquiños ou Os
tres desexos. Están sobre un chan con matices ocres, escasa vexetación e un
fondo branco cun tenue estampado de puntos. Tamén atopamos o título, o nome da
autora, da editorial e un adhesivo que nos informa de que é a 6º edición,
acompañada dunha frase: “Las alas de las niñas no se ven, pero te harán volar
muy alto”. A contracuberta está caracterizada por unha cor azul suave que
representa o ceo. Nel están as tres rapazas sobrevoándoo nunha avioneta, cada
unha coas súas calidades, como na cuberta. Debaixo delas aparece un fragmento
da obra, o seu resumo e a editorial. Nas gardas, tanto iniciais coma finais,
atopamos unha ilustración de moitas ás de bolboreta xuntas, de diversas cores,
todas moi vivas, o que está adiantando o contido do libro. O animal
seleccionado para ilustrar e acompañar este álbum é a bolboreta, xa que esta
simboliza a liberdade e é considerado belo e “bo” pola sociedade. Na portada repítense
os datos da cuberta e unhas ilustracións de ás do animal anteriormente nomeado
e un paxaro. Á esquerda atopamos os datos bibliográficos sobre unha cor lisa e
clara tamén. O texto do conto está en minúsculas. As verbas importantes ou
destacables, aparecen en maiúsculas ou nun maior tamaño. As cores empregadas
son da mesma gama que as da cuberta e contracuberta.
Contido: O título de Cuando las niñas
vuelan alto pódenos levar a pensar na imaxinación e nos soños que teñen as
nenas. Está relacionado co contido do texto. Primeiro presenta a tres nenas
(Adriana, Jimena e Martina) con cadanseu soño. Despois contrapón a un señor
chamado SIQUIERESPUEDES, que é o que tece as súas ás. É curioso que a autora
reflectise nun home a figura redentora. Tal vez lle quixese dar o sentido de
“aliado” feminista. As figuras dos antagonistas representan as dificultades e
barreiras invisíbeis que sufrimos as mulleres. Estes son: DON NOLOCONSEGUIRÁS,
SR. REFLEJOS, Señor-ITA, SRA. BELLEZAEXTERIOR e SR. DESIGUALDAD. O que fan estas
personaxes é colocar pedras nas posesións das nenas para que non poidan voar.
Estas pasan por unha crise pero ao liberarse das rochas, voan outra vez ben
alto, alcanzando así os seus soños.
A historia cóntaa un narrador
heterodiexético, xa que presenta aos personaxes, introduce o conflito e pecha a
historia. Tamén hai diálogos entre as personaxes. Estes reflicten como se
senten as mozas e como van mudando o seu parecer. Carece de saltos no tempo,
polo tanto posúe unha arquitectura textual lineal. O texto ten comparacións
(ex: “ligera como una pluma”) e metáforas. A máis destacable é a das pedras.
Estas representan todos os prexuízos e estereotipos que sofren as mulleres, que
fan que nos vaiamos ancorando. Fan xogos de palabras, especialmente significativas
en casos como o do responsable de coser as ás sexa das rapazas,
SIQUIERESPUEDES.
As ilustracións constan de
diferentes tipos de perspectivas: plano xeral, medio curto, enteiro e detalle,
nos que aparecen todas as personaxes. A gama de cores é similar á da cuberta,
sendo estes tons vivos e luminosos, menos os dos antagonistas. Eles e elas
están representados cunha vestimenta negra e a pel azul, violeta e verde (coma
as de bruxas, ogros ou outros monstros). Atopamos entón unha dualización,
asimilando as cores brancas ao bo e as escuras ao malo. Ademais, os corpos
destes son bicudos, carecen de formas redondeadas. Isto transmite rudeza e
frialdade. Os antagonistas tamén teñen ás, pero estas pertencen a animais peor
vistos pola sociedade, como son o morcego e a libélula. A lectura das
ilustracións achéganos imaxes simbólicas, como a das protagonistas reflectidas
distorsionadamente no espello, a aparición de animais ou obxectos que evocan a
liberdade (paxaros, bolboretas, avionetas, nave espacial de marcianos…). As
expresións faciais non son moi representativas, non se observan con claridade
os seus sentimentos. Tamén hai debuxos a dobre páxina e outros que non e algúns
que transmiten movemento, coma o das nenas correndo.
Potencialidades educativas: a lectura deste conto é moi
útil para traballar o empoderamento feminino, a superación das barreiras
patriarcais, a abolición dos estereotipos de xénero, a idea social de
desigualdade e beleza exterior, a autoimaxe, o autoconcepto e incluso a
sororidade. Salientan todos estas temáticas polo enfoque de contraposición e
perspectiva dicotómica: bo-claro, malo-escuro, que tamén pode ser
cuestionado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario