Ruillier, J. (2014). Por cuatro esquinitas de nada, trad. Elodie Bourgeois Bertin. Barcelona: Editorial Juventud. [a partir de 3 años], [32 pp.]. (ISBN: 978-84-261-3447-9).
Descrición do formato e contido: Por cuatro esquinitas de nada é un álbum ilustrado recomendado para nenos a partir de 3 anos. Este conto infantil ten unhas medidas de 21x21 cm, conta con 32 páxinas e está encadernado con tapa dura feita de cartoné. As páxinas son de papel resistente, o que fai que sexa adecuado para ser manipulado por pequenos/as. A cuberta na que predomina a cor verde preséntanos a dous dos protagonistas da historia, Cuadradito e un dos seus amigos Redondito, entrando na súa casa, a cal ten a porta redonda. Ademais, están acompañados do título da obra en grande nunha esquina, así como o nome do seu autor e a editorial á que pertence. Na contracuberta aparecen outra vez os mesmos tons de verde que na cuberta, pero esta vez aparece Cuadradito con outro dos seus amigos, o cal está a suxeitar unha serra coa que quere cortar a Cuadradito, que adianta o fío da historia. Ademais, tamén está presente o código de barras co seu respectivo ISBN e a páxina web da editorial.
No interior, os fondos non seguen un patrón concreto, en cada páxina o fondo é dunha cor distinta e o tipo de letra que se utiliza é sempre a mesma. Ademais, en todas as páxinas os textos son curtos e están acompañados dunhas ilustracións coloristas e sinxelas, moi expresivas.
En canto á historia, trata sobre Cuadradito e os seus amigos Redonditos, os cales están a xogar no exterior, pero, cando chega a hora de ir á casa grande, todos pasan perfectamente, a excepción de Cuadradito, posto que a porta é redonda e iso pono moi triste porque non pode ir cos seus amigos. Estes, no interior pensan que poden facer para que Cuadradito poida pasar e deciden que lle cortarán as esquinas para facer unha forma redonda e sexa coma eles, pero Cuadradito di que non, que iso lle doería moito. Polo que despois de volver pensar durante moito tempo, danse conta de que quen ten que cambiar non é Cuadradito, senón a porta, á que lle recortan catro esquiniñas de nada e fan unha forma cadrada que permite o acceso a todos.
Potencialidades educativas: Con este conto pódense tratar gran variedade de temas moi importantes e interesantes na etapa de Educación Infantil. O primeiro é a integración social, xa que é moi importante que os alumnos e alumnas acepten e respecten a todos os seus compañeiros. O segundo é un aspecto matemático, ao abordar figuras xeométricas como o círculo e o cadrado. Outros aspectos tamén serían as cores, a aprendizaxe ou afianzamento dos números do 1 ao 4, a aceptación dun mesmo, o respecto á diversidade e a importancia da amizade.
Recursos educativos:
- Solís Sáez, M. G. (2018). Por cuatro esquinitas de nada. Juan Rafael Muñoz Muñoz (Canción do conto, acompañada de Mabel, unha intérprete para persoas sen audición). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=PeVSXnFVqrc (consultado o 29/04/2020)
- Montero, B. (2017). Por cuatro esquinitas de nada. Cuentos infantiles por la igualdad (Audioconto interpretado por). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=_aoF0RYp2lE (consultado o 29/04/2020)
- La jirafa diminuta (s.d.). Por cuatro esquinitas de nada (actividades relacionadas coa historia). Recuperado de: https://lajirafadiminuta.wordpress.com/2016/02/25/por-cuatro-esquinitas-de-nada/ (consultado o 29/04/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario