Emocionario.
Núñez Pereira, Cristina e R. Valcárcel, Rafael (2013). Emocionario. Varios ilustradores. Madrid: Palabras Aladas, [92 pp.]. (ISBN: 978-84-945782-5-0).
Descrición do formato: álbum ilustrado de Cristina Núñez Pereira con cubertas de cartoné e tamaño de 22x24 cm. Na cuberta principal aparece un debuxo abstracto onde se aprecian diversas cores e pinceladas de partes do rostro e doutras de temática emocional, como son os ollos, os beizos, un corazón, varias bágoas... O fondo é de cor verde clara e mostra o título en formato bicolor, unha mestura entre o vermello e o gris. Ademais, tamén se pode observar que aparece un subtítulo “Di lo que sientes”, xunto co dato de que se trata dunha edición escolar. Na marxe esquerda aparece unha listaxe cos nomes de todas as persoas que realizaron ilustracións na obra. A contracuberta, tamén de cor verde clara, contén un pequeno resumo do contido, acompañado dunha imaxe similar á da cuberta, na que se emprega a abstracción e a mestura de cores vivas. Na portada aparecen de novo os datos da cuberta, agora en fondo branco.
No interior as follas son grosas e resistentes. As ilustracións son de carácter figurativo, con moito detalle e de estilo infantil. A disposición é de empregar a páxina esquerda para poñer o texto nun fondo branco, e a dereita para o debuxo no que se recrea a emoción definida, mostrando moitas cores e moitos elementos rechamantes para calquera lector/a.
O texto mostra as diferentes emocións, dedicándolle unha páxina a cada unha delas, onde se define de modo detallado e poético, á vez que se dá resposta a diversas preguntas que poden facer nenas e nenos. A linguaxe é moi sinxela para o lector adulto, aínda que pode entrañar algunha dificultade para a comprensión dos nenos e nenas.
Potencialidades: a lectura desta obra trata principalmente de describir, con sinxeleza, corenta e dous estados emocionais para que os nenos/as lectores/as comprendan as súas características e implicacións, de modo que contribúan para o autocoñecemento, a identificación e xestión destas emocións. Esta lectura tamén permite reflexionar sobre a importancia que teñen nas nosas vidas as emocións, contribúe á adquisición de vocabulario e facilidade da expresión oral. O emocionario ofrece unha oportunidade integradora ao ser humano dende a máis tenra infancia, xa que lle axuda ao neno/a a coñecer as súas emocións e a dialogar sobre elas e os seus sentimentos. De este xeito, poderá xestionalos de maneira adecuada e sentir a súa vida con todo o seu potencial, sen reprimirse de ningunha das súas capacidades. Cabe destacar que este dicionario de emocións é un apoio pedagóxico moi interesante para docentes e familias.
Recursos de interese:
Palabras Aladas (s. d.). Fichas de actividades: Emocionario. Recuperado de: https://www.palabrasaladas.com/di_lo_que_sientes/fichas_de_actividades.html (consultado o 22/04/2020)
Aula elena (2014-2020). Proyecto emocionario- Diario de una maestra. Recuperado de: http://www.auladeelena.com/p/proyecto-emocionario.html (consultado o 22/04/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario