Amado, A. C., & Trobec, Š. (2008). Vestida co arco da vella. Ferrol, A
Coruña: Embora Edicións, 28 pp. (ISBN: 978-84-95460-93-6).
Descrición do formato
e contido: álbum ilustrado de formato
cadrado, con tapa dura e 28 páxinas.
Orientado para nenos e nenas de máis 3 anos. Na
cuberta observamos sobre un fondo de cor branca a cara dunha nena pintada en cor negra e situada á dereita, mentres
que á esquerda aparece unha serie de teas de distintas cores, organizadas
verticalmente, na orde das cores do arco da vella. Ademais, entre estas dúas
imaxes podemos ver o título da obra, Vestida
co arco da vella, e na parte superior os nomes do autor e
da ilustradora centrados, con letra cursiva en
negro.
Pola contra, na contracuberta o
fondo é de cor vermella, seguindo a última cor que se describe no conto. As gardas
presentan distintas cores que representan o arco da vella, elemento que aparece
case ao final do conto. As ilustracións destacan pola súa orixinalidade, por
utilizar cores moi variadas
e rechamantes e utilizar diferentes técnicas, como a acuarela,
a colaxe... Ademais, é curioso
que case todas as páxinas
se caracterizan pola cor que se trata no texto e nelas as
ilustracións están feitas construíndo un código visual que completa o texto.
Trátase dun texto poético
de carácter narrativo que recrea a historia dunha nena que vai
probando distintas pezas de roupa de distintas cores e que acaba por vestirse
con tantas cores como ten o coñecido arco da vella. Este texto resalta pola
utilización de recursos como a anáfora, o paralelismo ou a comparación, por
utilizar unha narración en segunda persoa que se dirixe ao lector/a e por xogar
visualmente con varios tamaños e cores de letra.
Deste modo, a temática central da obra son as cores, aínda que tamén aparecen temas
secundarios como as prendas de roupa e os adxectivos.
Potencialidades: a
lectura deste poemario permite que nenos e nenas aprendan as cores de modo
lúdico, as diferentes prendas de roupa e diversos adxectivos. Ademais, as rimas
e comparacións que contén este álbum favorecen a memorización e estimulan a concienciación fonolóxica. Este álbum pode ser moi útil para que os nenos e as nenas se
introduzan na lectura en lingua galega a medida que van aprendendo e aumentando
o seu vocabulario.
Recursos de
interese: Blanco, R. (2015). Vestida co arco da vella [vídeo].
Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=0KutXgGdev8 (consultado
o 28/02/2018).
Ningún comentario:
Publicar un comentario