Núñez, Marisa (2006). Chocolata, ilustr. Helga Bansche. OQO Editorial, [40 pp.]. (ISBN: 84-96573-63-X).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado, con cubertas de cartoné e cunhas dimensións de 25x23cm. Na cuberta aparece a imaxe dunha habitación e dentro unha hipopótama, Chocolata, que é a protagonista da historia, cun curto vestido rosa. Chama a atención porque ten unha grande envergadura, ao seu carón atopamos un paxaro que a vai acompañar en todas as escenas do conto e, ao outro lado están os seus zapatos. Tamén aparece o título do conto, o nome da autora, da ilustradora e da editorial. No lombo podemos observar o título do conto e o logotipo da editorial. Na contracuberta aparece o mesmo escenario de fondo que na cuberta, ademais dunha bañeira e un bikini, os datos da editorial, colección, o ISBN e o código de barras.
No interior, as gardas presentan un fondo de color amarelo pastel e pequenos debuxos xeométricos, que teñen relación coa historia do conto, a cabeza do mono, da hipopótamo, os zapatos, o paxaro etc. Na portada aparecen os mesmos datos da cuberta, o paxaro que acompaña a protagonista cunha mochila e sentado nunha maleta grande, o nome da escritora, da ilustradora e da editorial, acompañado na páxina de título de créditos de todos os datos da edición.
As ilustracións son grandes, sinxelas e vistosas e amplían a información aportada polo texto. Nelas sempre destaca a protagonista porque adoita ser máis grande que o resto. As expresións dos personaxes axudan a entender as emocións que están a vivir e recréanse lugares que remiten cara a unha ambientación en África, xa que algunha das ilustracións están compostas por persoas e vestimentas que nos transportan a ese lugar. A tipoloxía do texto é de letras grandes, que adoitan cambiar cando falan as personaxes a máis grosas, acompañadas por signos para darlle énfases cando así o require a historia. Tanto as ilustracións coma o texto apóianse en todo momento e cada dobre páxina configura unha unidade de sentido, o que fai que as crianzas entendan a historia vendo os debuxos. O narrador en terceira persoa combínase cos diálogos que teñen os protagonistas.
Dende o punto de vista do contido, este conto narra a vida dunha hipopótama que vive na selva e desfruta da vida e dos baños canda os seus amigos, ata que un día o mono Teófilo lle conta que na cidade hai unha casa de baños, así que decide ir para probala. Ao chegar á cidade e ser observada polas persoas decide adaptarse ás normas, visita varias tendas de roupa, zapatos, restaurantes etc. e despois deste percorrido pola cidade visita a casa de baños, onde o pasa moi ben, aínda que descobre que o seu tamaño non se adapta ben á oferta, pero valora sobre todo a compaña doutros animais. Cando xa decide marchar, merca un agasallo para o seu amigo Teófilo, regresando ao día seguinte á selva cos seus amigos, aos que lles contou a súa odisea na cidade.
Potencialidades: a lectura desta historia protagonizada por Chocolata é moi acaída para as crianzas, xa que con ela se poden traballar temas como a amizade, a autoestima, a ilusión, a importancia de non ter medo das novas experiencias, a capacidade para adaptarse a novos contextos, a curiosidade por experimentar... De modo máis secundario poderíanse abordar cuestións como o problema da obesidade que padece a protagonista e a súa capacidade para buscar solución a todo, así como o seu optimismo ante as dificultades. As ilustración axudan a traballar coas crianzas conceptos como os contrarios (alto- baixo, grande pequeno) e permiten recrear historias secundarias ás que non se fai referencia no texto, como o paxaro que acompaña a Chocolata, que atopa unha parella despois de liberala dunha gaiola.
Recursos de interese:
exploradores3a. Chocolata canción [ Arquivo de vídeo]. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=RogBI1rJQKg (consultado o 28/04/2020)
Matemáticas español para niños. Actividades cuento chocolata https://describirmas.blogspot.com/2019/05/actividades-cuento-chocolata.html (consultado o 28/04/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario