Amosando publicacións coa etiqueta conto clásico. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conto clásico. Amosar todas as publicacións

mércores, 15 de febreiro de 2017

El patito feo

Andersen, Hans Christian (1984), El Patito Feo, San Sebastian: Saldaña, col. POP, [6 pp.] (ISBN: 84-7297-078-7).


 
 

Breve descrición do formato e do contido: libro ilustrado de formato rectangular que mide 24 x 17 cm. Está encadernado en cartón brando pero cunha capa de pintura vernizada; non hai diferenza no material co que se fixo a cuberta do resto das páxinas. Na cuberta aparece só o título en letras negras e un debuxo do protagonista na parte central, mentres que na contracuberta se atopan os títulos desta mesma colección, xunto co nome da editorial e o ISBN. 
            O libro conta con 6 páxinas nas que se alterna o texto da narración e as ilustracións, que son móbiles, en formato pop-up, e xorden na parte central de cada páxina completa. O estilo das ilustracións son imaxes nítidas e detalladas, representando o que aparece no texto. Son imaxes con moitas cores. Na parte superior de cada páxina predomina unha tonalidade e na inferior, outra, pero matizando moito nos sobresaíntes, xa que neles hai diversas cores e elementos, destacando animais e flores. A nivel lingüístico utilízase unha linguaxe cotiá pero cun texto denso e pouco estruturado.
            A historia que se conta é a do patiño feo. Nela nárrase a vida dun pato que naceu diferente aos seus irmáns e todos se burlaban del, incluso súa nai. O patiño un día, despois de tanto sufrimento, decidiu marchar da granxa. Cando partiu do corral, andou días e días sen descansar e caeu desvanecido ao lado dun pantano. Ao abrir os ollos pensou que encontrara, xunto a uns patos salvaxes, a tranquilidade e un sitio onde o aceptaran, pero coa mala sorte de que un cazador matou a todos os seus compañeiros e o patiño volveu á súa soidade. Un día viu pasar uns bonitos cisnes e un deles chamoulle “irmán”. O patiño estrañado mirouse no reflexo do estanque e viu que era un bonito cisne. Así foi como encontrou no mundo o seu lugar e a súa felicidade. 

Potencialidades: El patito feo é un dos contos clásicos máis coñecidos pola infancia, que foi escrito por Andersen en 1843. Un dos maiores potenciais que ten este libro é a ensinanza de valores, sobre todo o da exclusión cara a persoas diferentes a nós. Podemos dicir que é un dos libros clásicos cuxa historia está máis viva e presente que nunca debido á intransixencia e intolerancia, manifestadas en actitudes como o racismo, a homofobia, o machismo, o bulling... que existe na sociedade. A ensinanza do conto é que non debemos desprezar a ninguén polo seu aspecto físico, que todos temos sentimentos e que cada vez que ofendemos a alguén esa persoa pásao mal. Traballar con este aspecto da historia promove a empatía e a tolerancia. Outro dos valores que transmite a historia é que todos nos equivocamos, que ao final non sempre temos razón e que aínda que as cousas comecen mal non temos que deixar de loitar para ser felices, tal e como fixo o patiño.
           É importante explicar que non é un libro actual, xa que ten 33 anos, polo que nos chama a atención que sexa un libro pop-up. Grazas a materiais como estes dámonos conta de que este tipo de ferramentas non son tan recentes como pensamos.