Amosando publicacións coa etiqueta compracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta compracións. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de marzo de 2017

VESTIDA CO ARCO DA VELLA

Cortizas, Antón, (2008). Vestida co arco da vella, ilust. Spela Trobec, Ferrol: Embora, col. Fardeldossoños. (+ 3 anos), [20 pp.]. (ISBN: 978-84-95460-93-6).



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo escrito en verso con rima, de formato cadrado (21x21 cm), con pouca voluminosidade, tapa dura e encadernado con cartoné. A cuberta presenta, sobre un fondo de cor branca, a cara dunha nena á dereita e, á esquerda, unha serie de cores colgadas en vertical que semellan diferentes tipos de teas. Entre estas dúas cousas podemos ver o título da obra con letras en gran tamaño, mentres que na parte superior están o nome do autor e a ilustradora. Pola contra, a contracuberta ten un fondo máis impactante pola presenza, case na súa totalidade, da cor vermella.
O interior da obra presenta ilustracións orixinais e de calidade a toda páxina, con cores variadas e rechamantes representadas con distintas técnicas (colaxe, lápiz, acuarelas…), que completan o narrado polo texto. En case todas as páxinas, dependendo da cor da que se estea a falar, ésta aparece representada caso por completo. Tamén emprégase a voz poética mediante un texto “asentado na anáfora e o paralelismo” que “se dirixe a un receptor en segunda persoa”, tal e como comentan Roi, Blanca-Ana., Neira, Marta., Agrelo, Eulalia. (2009: 85) no capítulo "A poesía infantil no século XXI en Galicia" da obra A poesía infantil no século XXI (2000-2008). Finalmente, dicir que os textos están situados nas páxinas pares, impares ou en ambas, e neles xógase co tamaño das letras e utilízanse sobre todo as comparacións.
Ademais, as ilustracións, tal e como aparece na publicación O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010) de Blanca-Ana, Isabel Soto e Marta Neira (2011), poden chegar a emocionar ao lector máis novo pola beleza coa que están feitas e constrúen un código que provoca que o lector ou lectora teña que recodificar para así unir o código lingüístico co icónico nunha relación de complementareidade.
O contido trata dunha nena que vai describindo diversas prendas de roupa de diferentes cores comparándoas con elementos da natureza e obxectos cotiás. Ao mesmo tempo dinos que si algún día chegas a vestirte con algunha destas prendas, finalmente “ti a corda poderás choutar co arco da vella collido das mans”.

Potencialidades: é unha obra coa que os nenos e nenas poderán aprender fundamentalmente as cores, pero tamén diferentes prendas de roupa e adxectivos con máis facilidade grazas a axuda que nos proporcionan as rimas e comparacións, recursos que ao mesmo tempo favorecen a memorización e estimulan a concienciación fonolóxica ao presentar palabras con sons semellantes. Ademais, este último aspecto resulta imprescindible desenvolvelo dende os primeiros anos, pois é un prerequisito básico para posteriormente aprender a ler e escribir. Da mesma forma este conto pode ser moi útil para que se introduzan na lectura en lingua galega a medida que van aprendendo e aumentando o seu vocabulario para que sexa máis rico e variado.
Outro feito a destacar é que achega unha forma innovadora de que os cativos e cativas aprecien as cores, as obras artísticas e outras calidades das cousas a través das fermosas ilustracións, introducíndose así na linguaxe visual e comprendendo que unha imaxe ás veces pode dicir moito máis que mil palabras. 
A complementación dos textos coas ilustracións tamén é un bo modo de deixar voar a imaxinación, xa que a medida que se van pasando as páxinas e se vai narrando a historia comezan a aflorar na mente miles de escenas de como poderías estar vestido coas prendas descritas e choutando así co arco da vella. 
En definitiva, esta obra é un instrumento con múltiples utilidades coa que se pode traballar a través da súa lectura, complementando a mesma con expresións artísticas elaboradas polos nenos/as e mesmo coa elaboración dunha representación teatral.
Se queres saber máis só tes que coller este álbum e sumerxirte nel, pois non hai mellor forma de introducir aos neniños/as na lectura e na aprendizaxe que a través da diversión que podemos atopar no interior dun conto.