Amosando publicacións coa etiqueta constancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta constancia. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de abril de 2020

Os tres porquiños

os tres porquiños-xose ballesteros-marco soma-9788484642787

Ballesteros, X. (adapt.) (2016): Os tres porquiños. Ilust: Somà, M. Pontevedra: Kalandraka [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-278-7)

Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de tapa dura, cunhas medidas de 22x22 cm. Na cuberta aparece o título da obra, en cor vermella, por debaixo dos nomes dos dous autores. Tamén aparecen os tres porquiños camiñando polo bosque, levando cada un a súa maleta. O primeiro deles, que é o maior, leva na man un mapa para facer de guía; o mediano ségueo detrás; e o último, o pequeno, é o que máis dificultade ten para seguir o camiño. Na contracuberta aparece o lobo, que leva posto un vestido vermello. Está detrás dunha árbore, vixiando con audacia, o que fan os porquiños. No interior, as ilustracións son a dobre páxina, e o escenario principal de toda a obra é o bosque.
É unha obra narrada en terceira persoa, na que tamén hai diálogo, onde tres irmáns porquiños teñen que marchar da casa da súa nai porque xa creceron. Marcharon vivir ao bosque, pero como non se puñan de acordo, fixeron tres casas: o irmán pequeno fíxoa de palla, o mediano de madeira, e o maior de ladrillo. Pero non sabían que nese bosque había un lobo que os quería comer. Este atacou primeiro a casa do irmán pequeno, e dun sopro derruboulla. Entón o porquiño correu a meterse na casa do irmán mediano. O lobo volveu a facer a mesma estratexia e derruboulle a casa de madeira dun sopro. E os dous porquiños correron a refuxiarse na casa do seu irmán maior. Pero cando o lobo quixo derrubar a deste soprando, a casa non se moveu nin un pouquiño, posto que estaba feita de ladrillos. Entón o lobo decidiu entrar pola cheminea, pero o irmán maior decatouse e pediu axuda aos seus irmáns para pór a ferver unha pota con auga quente. O lobo caeu nela e escaldou o cu, polo que marchou correndo e xurando que xamais volvería ir a aquela casa. Os tres irmáns fixeron unha festa para celebralo.
Potencialidades educativas: coa lectura deste álbum ilustrado podemos traballar coas nenas e nenos na etapa de Educación Infantil o papel que xoga a familia nas nosas vidas, e o importante que é manterse unidos para axudarse nos momentos máis difíciles, como cando os irmáns se axudaron os uns aos outros cando foron atacados polo lobo. Por outra parte podemos reflexionar sobre o importante que é a constancia e o tempo no traballo, porque por querer acabar antes, o porquiño pequeno, fixo a casa máis débil. É importante a posta en valor do esforzo e o afán de superación como exemplo para os máis pequenos.
Recursos de interese:
Canción para animar o conto: https://www.youtube.com/watch?v=HpySbgEZ3SQ

domingo, 30 de abril de 2017

LA ARAÑA HACENDOSA


Carle, Eric (2006), La araña hacendosa, ilust. Eric Carle, trad. Esther Rubio Muñoz. Kókinos Editorial. (de 3 a 7 anos) [32 pp.] (ISBN: 978-84-8834-296-6) MADRID



Descrición de formato e contido: A presente obra é un álbum ilustrado de tamaño 21,5  x 29 cm. cunha encadernación de tapa dura. O formato repítese ata o final do conto situando nas páxinas pares o debuxo dos animais e nas páxinas impares a valla de madeira onde a araña tece a súa tea. As ilustracións coloristas están realizadas mediante a técnica do collage. O texto situado na parte superior de cada páxina é moi sinxelo e está construído con estruturas repetidas ritmicamente para dar ao conxunto maior axilidade e permitir aos infantes  anticipar parte do contido de cada dobre páxina. Ademais esta estrutura fai que os/as nenos/as poidan seguir a historia a través das ilustracións polo que se ainda non saben ler ou non len ben, as ilustracións facilitan que, despois de ser lido por unha persoa adulta, os/as nenos/as poidan redescubrir a historia autonomamente.





Este é un conto que transcorre un día nunha granxa á que acaba de chegar unha araña. Adícase a tecer sen parar. Non tiña tempo para cabalgar co cabalo, nin para comer coa vaca, nin para correr coa ovella…Ata que apareceu unha unha mosca... A ela si lle prestou a súa atención… ¡Para atrapala!



Potencialidades: Este conto móstranos a importancia de prestar atención as nosas tarefas, ser perseverantes e realizalas con constancia para chegar ata o final, ainda que teñas que esforzarte moito para logralo. Polo tanto fomenta o desenvolvemento dos valores da constancia, a paciencia, o esforzo e a amizade.Tamén se desenvolven as capacidades de atención e memoria ao poder contar
de novo o conto a través das ilustracións

xoves, 30 de marzo de 2017

Minilibros para soñar imperdibles 2


VV. AA. (2017) Colección Minilibros para soñar imperdibles 2: Orellas de bolboreta / A cebra Camila / Os ratos da casa / Gato Guille e os monstros / Un agasallo diferente / Xaime e as landras / Os de arriba e os de abaixo. VV. ilust., Pontevedra: Kalandraka, (+ 3 anos) (ISBN: 978-84-8464-307-4).
        


Breve descrición do formato e contido da obra: Trátase dun estoxo de minilibros de 7x7 Cm. que contén os seguinte álbums ilustrados: Orellas de bolboreta, A cebra Camila, Os ratos da casa, Gato Guille e os monstros, Un agasallo diferente, Xaime e as landras e Os de arriba e os de abaixo. Os libros son exactamente iguais que os orixinais pero en miniatura. O estoxo pertence á Colección Minilibros para soñar de Kalandraka. É o número 2 pero a colección conta cunha totalidade de sete estoxos. O estoxo é de cartón e presenta un formato cadrado. Os cantos son rectos e formando puntas. Na parte dianteira vese plasmada a cuberta do álbum ilustrado Orellas de bolboreta. Na parte de atrás pódese ver un listado dos sete libros que se atopan no interior. A caixiña abre polo lateral dereito e deste xeito xa se pode acceder ós minilibros. O estoxo é de cor laranxa.

Potencialidades: A primeira potencialidade que atopo é o diminuto tamaño dos libros. As nenas e nenos están acostumados a ler e ver libros dun gran tamaño que, ás veces, ata lles pode resultar difícil soster. O feito de que estes libros lles collan nas mans fai que os poidan manipular con máis facilidade e sintan que están feitos especialmente para eles. É dicir, adáptanse ós corpos dos nenos. Sae do convencional.
Outra das potencialidades é de tipo económico. Este estoxo custa 10 euros e contén sete obras que por separado custan de 10 a 15 euros cada unha. Por isto, está á man de moitas máis persoas.
Por outra banda, o tamaño pequeno fai que se podan levar dun lado a outro nun peto, nun bolso, nunha mochila... É un bo recurso xa que se poden ler nunha sala de espera de calquera lugar, por exemplo.
Por último, paréceme que o estoxo recolle unha serie de libros nos que se tratan diversos temas moi importantes para traballar con nenas e nenos: A autoestima e a imaxinación (Orellas de bolboreta); a constancia e o medio natural (Xaime e as landras); os animais, as cores e os números (A cebra Camila); o xogo de palabras e as rimas (Os ratos da casa); a superación dos medos e as partes da casa (Gato Guille e os monstros); a utilidade dos obxectos do día a día como xoguetes e a amizade (Un agasallo diferente); e a diversidade (Os de arriba e os de abaixo).