Amosando publicacións coa etiqueta os temores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta os temores. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

As tres curuxiñas

AS TRES CURUXIÑAS


Waddell, Martin (2017): As tres curuxiñas, ilust. Patrick Benson, trad. Sandra e Óscar Senra Gómez. Pontevedra: Kalandraka, col. Tras os montes [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-319-7)


Descrición, formato e contido: álbum ilustrado de lectura convencional. No seu formato físico (26x21,5 cm) ten unha cuberta de cartoné onde figuran na parte superior o título da obra, o nome do autor e do ilustrador. No centro da cuberta atópanse tres curuxiñas brancas con expresión de medo e preocupación. Ao redor delas, a ilustración fainos entender que están nun bosque e é de noite. Estas tres curuxiñas son as protagonistas do conto: Iria, Antón e Mara, tres irmáns que se atopan no seu niño, nunha árbore. Súa nai marchou cazar a elas comezan a ter medo e sentirse moi soas… Entre elas comezan a falar mentres agardan preocupadas polo regreso da proxenitora. 
As ilustracións do conto son moi escuras e sombrías, para semellar a negrura da noite e semellar tamén un pouco máis angustiosa a situación na que se atopan as tres curuxiñas. Elas teñen un aspecto moi agarimoso e inocente, coas súas plumas brancas e esponxosas. Os seus grandes e abertos ollos, moi característicos destas aves, fannos apreciar ese sentimento de medo e angustia pola separación da súa nai. A medida que imos avanzando as páxinas do conto apreciamos como é a personalidade de cada curuxiña, unha máis valente outra algo máis preocupada e a última que bota moitísimo de menos a súa nai, nunha clara semellanza cos sentimetos que poden experimentar nenos e nenas.


Potencialidades: a lectura deste álbum propicia múltiples hipóteses de traballo. Entre elas, salienta o sentimento de abandono e soidade, pola ausencia da figura paterna/materna ou da persoa de apego, así como tamén os temores aos que se enfrontan nenas e nenos na súa infancia. Amósanos tamén as diferentes emocións, a relación entre irmáns, a familia e aspectos da natureza. Este último é moi interesante, dado que as curuxas son animais presentes na fauna galega, aves moi misteriosas e pouco coñecidas, as cales poderían espertar interese nos nenos e nenas. As curuxas tamén están moi presentes na cultura galega, dando vida a moitas lendas e crenzas populares. 


Traducións a outros idiomas e recursos:
O idioma orixinal deste conto é o inglés, sendo o seu título orixinal Owl babies (1992), presenta traducións en numerosos idiomas: francés, alemán, italiano, irlandés, éuscaro, catalán, castelán e galego. Tamén se pode atopar en versión pop-up, versión de cartón, versión do conto máis un boneco de curuxiña de agasallo, versión de peto, versión electrónica e versión interactiva na rede.