Amosando publicacións coa etiqueta creatividade. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta creatividade. Amosar todas as publicacións

xoves, 14 de maio de 2020

Leotolda


Leotolda

 Leotolda, de Olga de Dios - Pekeleke

DE DIOS, Olga (2016). Leotolda. España: Silonia (ISBN: 978-84-943134-9-3 )

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado no que se narra unha historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné, presenta na cuberta, que é de cor rosa clara, o título en maiúsculas e en cor azul. Este sitúase na parte superior. Debaixo do título, aparece un debuxo dos tres personaxes relevantes da obra: os amigos de Leotolda. Estes móstranse en diferentes cores rechamantes. O nome da autora aparece na parte inferior da cuberta de maneira centrada e na mesma cor que o título. Por outra banda, a contracuberta preséntase tamén con diferentes cores, nun fondo branco e amarelo aparecen diferentes palmeiras e plantas en cor rosa, verde e azul, na parte superior esquerda aparece un círculo amarelo imitando o sol e no centro un texto en cor azul cun resumo do conto. Na parte inferior e de maneira centrada aparece o nome da editorial, mentres no lado dereito aparece o sinal de CC (Creative Commons). No interior aparece a páxina de dereitos de cor azul e cunha dedicatoria da autora a todos e todas os nenos e nenas que debuxan, desexando que Leotolda lles axude a sacar a súa creatividade. As gardas iniciais teñen un fondo de cor branca e un texto breve en cor azul, algúns trazos e o debuxo de tres lapis desas cores: amarelo, azul e rosa. Na páxina dereita preséntanse os tres amigos de Leopolda, que se forman coas cores mencionadas anteriormente. Estes tres personaxes chámanse: Tuto, Catalina e Kasper. Na parte inferior dereita aparece a presentación co texto: “Nos falta lo más importante…”. As gardas finais usan a cor branca e puntos coas de cores como fondo, nelas tamén aparecen os amigos de Leotolda saltando e mirando cara a arriba, xa que por encima deles aparece un breve texto de agradecemento por axudar a encontrar a Leotolda. A portada e nela aparece o nome da protagonista, Leotolda, en letras maiúsculas e en cor branca, nun xogo de continuidade coa páxina precedente.
O libro componse de 42 páxinas de 22x25 cm. Están impresas en offset CMYK, tal como nos informa a autora na súa páxina web e na páxina de dereitos. Respecto ás ilustracións e o texto, podemos observar como as ilustracións levan todo o protagonismo ocupando ambas as páxinas, mentres que o texto simplemente desenvolve un papel de guía ocupando os laterais das páxinas ou nalgunhas ocasións o centro destas. Os debuxos, que son pouco realistas, aparecen sobre un fondo de cor branca ou sobre fondos escuros combinando tonalidades. Son sinxelos eimitan trazos realizados con acuarela. As diferentes cores que aparecen son resultado de mesturas. O texto emprega dúas cores diferentes: branco e azul. Este é de fácil comprensión e mestura a voz do narrador con diferentes diálogos dos personaxes. Recórrese ao xogo de tipografías para destacar palabras ou fragmentos, que aparecen en maiúsculas, como é no caso das onomatopeas. Nas esquinas dalgunhas páxinas aparecen pequenos fragmentos con posibles preguntas que se lles pode facer aos nenos e nenas durante a lectura do conto. Un exemplo disto é na páxina na que aparece a balea, xa que na súa barriga podemos observar diferentes obxectos debido ao lixo existente no mar. Na esquina da páxina pregúntase que fan aí todas esas cousas.
En canto ao argumento, os amigos de Leotolda van pasar a tarde á súa casa, pero non a encontran. Búscana por toda a casa, dentro do armario, nun parque de dinosauros, nunha praia de sereas, dentro dunha balea, sóbense a un faro e van ata o espazo, pero a pesar de buscar por diferentes sitios e de preguntarlle a distintos personaxes, non a encontran. Sen saber que facer, os personaxes pídenlle ao lector ou oínte que debuxe a Leotolda na seguinte páxina en branco, xa que durante o conto foron dando diferentes características da súa amiga: grande, redonda, alegre, sincera, de moitas cores e que canta mal.

Potencialidades: a lectura e narración desta obra permite desenvolver a creatividade e a imaxinación. A súa vez, as cores, os diferentes espazos mencionados e, en xeral, o tipo de ilustracións que se empregan durante toda a obra permiten distanciarse da realidade, favorecendo así a procura no mundo do imaxinario. Ademais dos xogos que a obra propicia, é de sinalar a temática da contaminación e o respecto pola natureza e os animais, fomentando unha visión crítica e propiciando unha actitude activa de defensa do medio natural.

Recursos: Páxina web da autora, en https://olgadedios.es/ (materiais, ilustracións e información sobre as súas obras) (consultada o 11/05/2020).

Paxaro Amarelo

Paxaro amarelo

 Pájaro Amarillo, Apila Ediciones

DE DIOS, Olga (2015). Paxaro Amarelo. Zaragoza: Apila Ediciones (ISBN: 978-84-943476-0-3)

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado pertencente á colección “Monstro Rosa”, no que se narra unha historia orixinal da autora e ilustradora Olga de Dios. Composto en cartoné, presenta na cuberta o título en cor amarela. Este sitúase na parte superior. Debaixo do título, aparece con letra cursiva o nome da autora e ilustradora da obra: Olga de Dios. O logo da editorial aparece no lado inferior dereito. A cuberta é de cor azul claro e nela móstrase o protagonista da obra: un paxaro de cor amarela. Esta non presenta máis debuxos que o protagonista agarrando un desaparafusador mentres á súa esquerda hai tres ferramentas no chan. Por outra banda, a contracuberta aínda que é da mesma cor, nela aparecen imaxes doutros personaxes da obra: un oso polar, un pingüín, unha galiña, un paxariño de kiwi e unha avestruz. Así mesmo, no lado esquerdo inferior aparece o código de barras e unha breve síntese da historia. No interior, as gardas son de cor beixe e a dobre páxina. No lado esquerdo aparece un debuxo do globo terráqueo sinalando diferentes zonas como Europa, África ou Asia. Pola contra, o lado dereito carece de debuxos, só aparece no inferior da páxina unha pequena dedicatoria a todos e todas os que comparten o seu coñecemento. En relación coas gardas finais, as cales son de cor azul, recollen o final da historia. Na páxina esquerda amósase a carta que o protagonista lle envía ao seu amigo Teo e unha pregunta que vai destinada ao lector ou o oínte: Que che gustaría inventar para mellorar a túa vida e a dos que te rodean?. Na páxina esquerda aparece outro debuxo do globo terráqueo relacionando cada zona cun animal da obra. A páxina de dereitos aparece entre as gardas e a portada. É de cor beixe e recolle información relevante da obra e das normas Creative Commons. A portada é de cor azul e está composta por un debuxo da terra co protagonista situado encima. No centro do debuxo aparece o título en cor amarela e debaixo deste o nome da autora en cor branco e cursiva. Finalmente, debaixo do nome amósase o logo da editorial.
O libro componse de 40 páxinas de 22x25 cm. Estas están formadas de papel ecolóxico e impresas en offset CMYK, tal como nos informa a autora na súa páxina web. Respecto ás ilustracións e o texto, podemos observar como as ilustracións levan todo o protagonismo, ocupando ambas as páxinas, mentres que o texto simplemente desenvolve un papel de guía e apoio. Os debuxos, que aparecen sobre un fondo de cor azul, son sinxelos e coloridos, imitando trazos realizados con acuarela. En canto ao texto, empréganse dúas tipografías diferentes, Bookend e Alright_scrapbooky, as cales se nomean na páxina de créditos. O texto é sinxelo e moi breve, agás no final no que se mostra unha carta que envía o protagonista ao seu amigo Teo.
En canto ao argumento, a historia comeza coa observación de diferentes ovos e das súas respectivas aves. A continuación, un narrador en terceira persoa explica que o protagonista, un paxaro de color amarelo non pode voar. Pola contra, é moi habilidoso, arranxa moitas cousas e fai inventos que comparte cos seus amigos. Co tempo, todos os amigos que sabían voar marcharon para outros lugares pero sempre lle mandaban postais. Un día, o seu amigo Teo, o carteiro, preguntoulle porqué non inventaba algo para poder voar. Xuntos traballaron no invento e á mañá seguinte o paxaro amarelo puido voar. Na súa viaxe coñeceu diferentes lugares e animais e compartiu o seu invento con todos os que querían voar. Finalmente, envíalle unha carta ao seu amigo Teo, contándolle as súas vivencias, o lugar no que quedou a vivir e os novos amigos que coñeceu.

Potencialidades: a lectura desta historia favorece a aprendizaxe de diferentes animais e lugares, así como a relación entre estes. Por outra banda, poténciase a creatividade, xa que anima os/as nenos/as a ser imaxinativos como o protagonista. Tamén se pon en valor a capacidade de compartir e a toma de consciencia de que todas/os temos unha habelencia que nos fai destacar.

Recursos: Páxina web da autora, en https://olgadedios.es/ (materiais, ilustracións e información sobre as súas obras) (consultada o 11/05/2020).

mércores, 13 de maio de 2020

Un agasallo diferente


Azcona, Marta de (2005). Un agasallo diferente, ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-527-6).

Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Marta Azcona, con ilustracións de Rosa Osuna, no que as imaxes son necesarias para seguir o fío da historia. Na cuberta preséntase unha imaxe dos protagonistas, Marcel e Tristán, no que se pode observar o que será o comezo da historia: Marcel abrindo o agasallo que Tristán lle fixera polo seu aniversario. Na parte superior da cuberta atópase o título, en tipografía de cor negra. A cuberta incorpora formas xeométricas, ao igual que no resto do álbum. Na contracuberta pódese apreciar a imaxe do can de Marcel, presente ao longo de toda a historia, sentado enriba dunha rocha.

No interior do álbum a tipografía é sinxela e de cor negra, ademais de empregar o espazo dispoñible, adaptándose á colocación das imaxes. As ilustracións non son realistas e a ilustradora emprega gamas de cores apagadas como grises ou azuis, aínda que tamén emprega cores máis vivas, como o vermello ou o amarelo para crear contraste. Ao longo das páxinas pódese observar o emprego de formas xeométricas e abstractas nas ilustracións. A historia está contada a través de diálogos entre os dous protagonistas, aínda que a autora tamén recorre a un narrador en terceira persoa. En canto á arquitectura textual, ao longo do álbum a autora emprega repeticións; ademais, cando se lles presenta un problema ás personaxes, déixase en mans das ilustracións a interpretación da solución a ditos problemas. 


En canto ao contido do álbum, está protagonizado por Marcel e Tristán, dous amigos. No seu aniversario, Marcel recibe un agasallo do seu amigo Tristán, este agasallo é un anaco de tea sobrante dunhas cortinas e Marcel dille ao seu amigo que el preferiría unha buxaina. Despois, Marcel convida a Tristán a merendar e como non querían mancharse utilizan a tea como pano para limparse. A continuación, marchan dar un paseo e ao longo da súa camiñada, danse de conta da infinidade de usos que ten un anaco de tea: emprégano para taparse do sol, utilizárono como vela para cruzar o río ou para chegar voando de volta a súa casa. Ao final da historia, Marcel recoñécelle a Tristán que lle gusta máis ese agasallo que a buxaina que el quería.
Potencialidades: este álbum ilustrado ofrece moitas posibilidades para traballar en Educación Infantil. A lectura desta obra transmite valores como a amizade, a importancia de compartir e sobre todo, o poder da imaxinación e a creatividade, xa que os protagonistas conseguen darlle moitísimas funcións e utilidades a un anaco de tea. Ademais, trátanse temas como a humildade, a cooperación ou o agradecemento, valores que é moi importante tratalos dende a infancia.


Traducións a outros idiomas e premios: a versión orixinal deste álbum ilustrado está en castelán e publicouse no ano 2005. Ademais da tradución ao galego por Manuela Rodríguez Lorenzo, publicouse no ano 2008 unha tradución ao inglés por Esther Sarfatti Bacolas e no ano 2016, unha tradución ao catalán por Ignasi Centelles.

Recursos educativos
A historia contada por nenos e nenas de 4 anos do CEIP Plurilingüe de Covas, en Lugo: http://covastk.blogspot.com/2017/06/os-nenos-e-nenas-de-4-anos-contannos-un.html (consultado o 26/04/20)
Vivir entre versos (2016). Un regalo diferente (comentario sobre a obra): http://vivirentreversos.blogspot.com/2016/03/un-regalo-diferente_6.html (consultado o 26/04/20)
Un punto curioso (2014). Un regalo diferente (dramatización da obra): https://www.youtube.com/watch?v=_iR5Q938vOw (consultado o 26/04/20)

venres, 1 de maio de 2020

Un becho estraño



DAPORTA, Mon (2009). Un becho estraño, ilustr. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka Editora, (a partir de 3 anos), [17 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-434-7).

Descrición do formato: álbum ilustrado en lingua galega, cuxa primeira edición é de 2009. Está encadernado en cartoné con dimensións 22 x 18 cm. O formato presenta unha cuberta de cor gris co título situado no centro, por enriba as patas dun becho e por debaixo a parte superior da cabeza. Na contracuberta, da mesma cor que a cuberta, aparece o rabo do becho que vai dende arriba ata o centro, os dereitos e o código de barras co ISBN do álbum.
Este álbum ilustrado non contén nin gardas nin portada; dende a cuberta e a contracuberta comeza inmediatamente o texto.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda a aparición dun ovo que experimenta cambios en cada páxina ata converterse nun becho estraño e cando chega ao final do conto e o texto invita a xirar o conto (“e ao darlle a volta ao conto atopeime cun...”). Cando se lle dá a volta ao libro, o becho estraño convértese nun rato que, con diferentes accións, vai perdendo as partes do corpo ata converterse de novo nun ovo. Ao chegar de novo á paxina de inicio, o texto volve convidarnos a ler de novo o conto.

No relacionado coa lingua, predomina o campo semántico das partes do corpo (pés, brazos, dedos, nariz...), pero tamén aparece o campo semántico da meteoroloxía (raio, vento e choiva) e de diferentes características como: redondo, liso, pelado....

As ilustracións: son un elemento estrutural do conto, que segue sempre a mesma secuencia: na páxina impar aparece a ilustración (o ovo que se vai convertendo nun becho estraño e, agás na primeira páxina, sempre aparece o rabo, que se alonga ata a páxina par); e na páxina par o texto, disposición que pasa a inverterse ao darlle a volta ao libro. O texto aparece na parte inferior de ambas as páxinas, que na primeira e última se estende tamén pola parte lateral para remarcar a circularidade da historia e permitir a transición ao sentido inverso, convidándonos a xirar o conto de forma lúdica e seguir lendo.
 

Potencialidades: este álbum ilustrado pertence aos chamados contos sen fin, debido a que invita unha e outra vez a darlle a volta e continuar a lectura; presenta unha linguaxe sinxela que se mantén ao longo de todo o relato, destacando a rima e o ritmo. Con este álbum achégaselles aos nenos e nenas o coñecemento da lectura lúdica traballando as partes do corpo. Outro aspecto interesante é que a obra fomenta a creatividade do alumnado que intentarán adiviñar de que becho estraño se trata.
 
Recursos:
Ceip Arua (2016). Nós contamos “Un becho estraño”. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=v3WH4n6HkEE (consultado o 23/04/2020).
Li DiÑa Larpeira (2017). Un becho estraño. Vídeo – conto. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=fe2GjeoaHFc&t=35s (consultado o 23/04/2020).

xoves, 23 de abril de 2020

Un bicho extraño




Daporta, Mon (2009), Un bicho extraño, ilust. Oscar Villán, trad. Chema Heras, Vigo: Faktoría K de libros, (+3 anos), [14 pp.]. (ISBN: 9788496957671).

Descrición do formato da obra: trátase dun álbum ilustrado cun tamaño de 18x22 cm, unha encadernación de tapa dura e esquinas redondeadas. A cuberta é gris e nela podemos observar o título con letras grandes e brancas nun fondo negro, acompañado de dúas imaxes dun animal; na contracuberta, aparece un rabo longo en proporción ao animal que se atopaba na cuberta. 
Con respecto á tipografía, a letra está en maiúsculas e é bastante grande, o que a fai máis lexible para os nenos/as. O feito de que teña frechas que vaian indicando por onde hai que seguir a lectura, convérteo nun álbum aínda máis fácil de ler e manipular. É un texto que está escrito en verso e é rítmico, o que anima a seguir a lectura e a memorizala. Empréganse palabras familiares, sinxelas e nalgunhas ocasións repítense. A estrutura deste conto é circular, xa que empeza e termina no mesmo punto, de modo que se podería ler infinidade de veces. Esta característica fai peculiar esta obra e chama aínda máis a atención dos cativos. Podemos consideralo un libro-xogo, xa que o eixe central é unha historia sen fin, é dicir, un conto que non se termina nunca de contar xa que o seu final está conectado co seu principio.

Dende o punto de vista do contido, nada máis empezar a obra, comezamos observando un bicho moi raro, parece un ovo. Segundo imos avanzando as páxinas, iremos vendo como lle aparecen mans, nariz, rabo ou orellas. Ao chegar ao final da historia, a obra convídanos a virar o libro e seguir lendo o texto para deconstruír a caracterización do animal que acabamos de coñecer: un rato. Unha vez que viramos o libro poderemos ler todas aquelas liñas que antes nos aparecían boca abaixo. Así o que semellaba un ovo e se converteu nun rato, agora vai perdendo todos os atributos por mor dun raio que caeu e do susto foi perdendo partes ata quedar como o vimos ao principio.
As ilustracións son absolutamente necesarias e moi atractivas (aínda que non sexan moi coloridas), xa que reflicten o relatado no texto. Non é unha obra que chame moito a atención a primeira vista polos tons apagados e a aparencia estática do elemento central de forma redondeada que é primeiro un ovo e despois un rato. 

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos traballar diferentes aspectos como as partes do corpo, os diferentes tamaños, os fenómenos meteorolóxicos etc. A linguaxe sinxela favorece que os nenos/as adquiran dunha maneira mais fácil os coñecementos. A obra axúdanos a aumentar a nosa imaxinación e creatividade ao ter que adiviñar quen pode ser o animal, este segredo non se resolverá ata o final do libro. Isto acaba influíndo na incerteza dos cativos/as e aumenta o desexo de seguir lendo e manipulando o libro.

Recursos educativos:
Vídeos da narración da historia en castelán: https://www.youtube.com/watch?v=Qu2VJi84t4A (consultado o 21/04/2020)
Vídeos da narración da historia en castelán con diversos recursos: https://www.youtube.com/watch?v=1nWQHTyBoPs (consultado o 21/04/2020)

domingo, 30 de abril de 2017

¿QUÉ VEO?



Verplancke, Klaas & Sanctobin, Veroniek (2002) ¿Qué veo? Ilust. Klaas Verplancke, Barcelona: Editorial Combel, col. ¿qué hace? (de 0 a 3 anos), [16 pp.] (ISBN: 84-7864-387-7)


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado de pequeno tamaño, con cantos redondeados e impreso en cartón duro. A historia que se conta neste volume da comezo na cuberta, xa que a imaxe que ten representada está relacionada co texto que aparece na primeira páxina impar, e remata na contracuberta. O texto, que aparece soamente nas páxinas pares, indica o que se ve na páxina anterior. As ilustracións son moi atractivas para os máis cativos xa que ocupan toda a páxina.
O contido deste álbum trata os antónimos xa que cada palabra que aparece reflexada na páxina par vai acompañada da ilustración correspondente e outra contraria. Un exemplo disto poden ser: grande-pequeno, curto-longo, mollado-seco...


Potencialidades. Como xa mencionei no contido, a obra que estamos a tratar axúdalle aos nenos e nenas a entender os contrarios e a aprender a buscar os antónimos das palabras. Se imos un pouco máis alo, podemos traballar con el a capacidade creativa do noso alumnado xa que podemos crear unha historia mediante as ilustracións presentadas. Isto é posibel grazas a que no texto aparece unha pequena frase como pode ser “el cerdo está sucio” e a tarefa dos nenos e nenas será inventar porqué este animal está manchado.

venres, 21 de abril de 2017

Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro)

Campanari josé (2007) Sígueme! (unha historia de amor que non ten nada de raro), trad. Marisa Núñez, Pontevedra: OQO Editora.[24pp.] (ISBN: 978-84-96788-04-6).

Breve descrición do formato e contido da obra: A forma deste conto é cadrada con orientación horizontal cun tamaño de (25.5x24.5 cm). As ilustracións son creativas e imaxinativas, con espazos irreais e cores que destacan coas imáxes que emprega o autor.



Sígueme é un libro ilustrado que conta a historia dun elefante gris con lunares morados que vivía na selva e vendo pasar as formigas, namorouse dunha que tiña a cintura de avespa.
O amor é mutuo, polo que a formiga o invita a seguirla. O elefante ten un largo camiño ata poder chegar a onde está a formiga. Pero o amor é tan forte que o elefante acabou vivindo coa formiga nun formigueiro que está medio e medio da selva, que está no cuarto da formiga, que está no fondo dun cesto de costura, que está na beira dun camiño, que está no fondo dunha botella, nun caracol mariño.

Potencialidades: É un conto fácil de entender xa que emprega palabras sinxelas. As ilustracións enriquecen o texto, xa que nunha primeira lectura a aventura do elefante por chegar á formiga é inverosímil e o debuxos, sendo tan creativos e fora do real, envolvente na lectura convertendo este conto, nun conto fantástico.
No texto podemos atopar moitos adxetivos, nomes e relacións espaciais.
Nunha segunda lectura, Sígueme é unha historia de amor verdadeiro entre dous animais de diferente raza e sexo que é capaz de superar calquer barreira ou obstáculo para poder estar xuntos.
É un conto entrañable que axuda aos pequenos a aprender ou recordar vocabulario, os hábitat dos animais (elefante e formiga), a crecer sen prexuízos e estimula a imaxinación.

sábado, 15 de abril de 2017

Os tres amigos

Mercé, Viana (2004), Os tres amigos, ilust. Xan López Dominguez, trad. Ignacio Chao, Pontevedra: Xerais, col. Paseniño, [22 pp]. (ISBN: 84-9782-153-X).


Breve descrición do formato e contido da obra: Libro ilustrado poético no cal os protagonistas son unha fada e unha anguía que saen xuntas a xogar ao mar, ata que un día atopan a un golfiño que os leva de excursión e amósalles cousas fermosas que esconde e pasan unha bonita experiencia.
En primeiro lugar, destacar esta forma de poesía, estrofa con dous versos pareados con rima consonante, sempre se encontra nas páxinas pares, e preséntanse dobremente, en letra manuscrita e en maiúscula. No medio destas, encóntrase o debuxo dunha anguía que cobra animación se pasamos as páxinas de corrido. Nas páxinas impares están as ilustracións a toda cor que relatan o texto de forma gráfica.

Potencialidades: É unha historia breve e entretida en forma de poesía, que introduce ao alumnado neste xénero revalorizando a súa calidade e presenza na literatura infantil. Ensina valores de amizade e valentía para vivir experiencias novas. Introduce aos máis pequenos no mundo mariño, transportando e deixando voar a súa imaxinación. A técnica estilística que utiliza co debuxo das páxinas pares co que se as pasas de corrido, recobra movemento, resulta divertido para eles, estimulando así o seu funcionamento cognitivo. As ilustracións moi gráficas, son un complemento que permiten comprender a historia e captar as ideas principais do texto.
Desde o meu punto de vista o que máis me gusta é o final aberto, xa que estimula a imaxinación e creatividade do lector, aspecto que considero importante para os máis pequenos e pequenas. Debe estar presente nas aulas, o alumnado debe poder ter autonomía para decidir e expresar as súas opinións. Por iso, penso que é un bo conto para que pensen no final que cada un lle queira dar segundo o seu criterio. Pode ser un punto de partida, para unha asemblea sobre o final no que cada persoa aporte as súas ideas.
Por outro lado a temática do mar. No conto faise unha viaxe dicindo algunhas cousas coas que nos podemos atopar no fondo mariño. Resultaría interesante traballar vocabulario neste campo, por exemplo os nomes dos peixes, as partes do barco…
O formato facilita o recoñecemento de diferentes tipos de modalidades para o inicio da lectura, dando tamén ao lector, autonomía para elixir que ademais mostra a dimensión lúdica asociada ao proceso da lectura (texto en relación as imaxes), entendido este como un xogo produtivo e dinámico.

martes, 11 de abril de 2017



Tan Grandes, Tan Pequenos


Puig, Tere (2008), Tan grandes, Tan Pequenos, ilust. Isao, trad. María Lado, Pontevedra:Cumio, [ 28.pp] (ISBN: 978-84-8289-247-4).

Breve descrición do formato e contido da obra: É un álbum ilustrado dunha historia orixinal, este  quere transmitir unha idea en particular, axúdannos a ver a realidade dende diferentes perspectivas, ten tamaño medio onde tanto a cuberta como a contracuberta son de cartón duro e as paxinas de cartulina.Na cuberta mostrase a imaxe da cara do protagonista, Lucas ,cos ollos cerrados, e imaxinándose algo sobre a noite isto danos unha pequena pista.

Tamén hai que destacar que a cara que aparece no protagonista vaise alternando, comeza nas páxinas impares, logo pares e así, podéndose observar o que está imaxinando, que é o que conta o texto. O texto soe aparecer no lado contrario a ilustración. Ademais as páxinas onde aparece a ilustración son verdes igual que as letras do texto e o fondo onde aparece o texto que é negro igual que a cor que aparece nos pensamentos de Lucas, facendo referencia a noite. Polo que hai unha conexión imaxe-texto.

Neste narrase a historia de Lucas un neno que non podía durmir, a nai para axudalo decide contarlle unha historia onde el é o protagonista, este tense que imaxinar que vai agarrado da súa nai por un paseo cheo de árbores, é de noite e vese a lúa, o paseo acaba xunto a unha árbore, alí os dous se sentan a carón desta observando a Terra , os animais, a herba... ela dille unha frase que é ¡Que grandes somos!, logo pensan ao observar a lúa como os mirara a lúa entón a nai de Lucas di ¡Que pequenos somos! Logo observan unha estrela e vaille contando como eles forman parte da estrela, desa luz que entre eles comparten nesa noite escura.
 






Potencialidades: É  un conto que lle ensina aos nenos/as que depende de onde e de que perspectiva observemos o mundo unhas veces nos imos sentir grandes e outras pequenos. Ademais disto, é un conto que serve para traballar cando os nenos teñen medo a escuridade ou non queren durmir só, ou tamén cando non dean durmido, incluso para relaxalos.
Reflicte a importancia da afectividade, para poder soñar e conseguir o que un se propón que o mundo é grande pero que nós dependendo do momento tamén o somos. Mostra así a importancia de ter soños na vida.