Amosando publicacións coa etiqueta maduración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta maduración. Amosar todas as publicacións

luns, 6 de abril de 2020

A cebra Camila

A cebra Camila by María Luisa Núñez Álvarez;Óscar Villán Seoane ...

Núñez, M. (2004): A Cebra Camila. Ilust. Villán, O. Pontevedra: Kalandraka [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-126-1)

Breve descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de cartoné, cunhas medidas de 22x22cm. Na cuberta aparece o título da obra, en cor negra, nun fondo redondo branco, sobre un fondo marrón. Tamén aparece Camila, a protagonista, que leva postos os seus cueiros morados cos seus tirantes vermellos. Está sobre o céspede verde, e predomina ao seu redor o ceo azul. Ao lado de Camila están os nomes dos autores da obra, en cor branca e negra. Na contracuberta, tamén de cor marrón, aparece o caracol que nun momento determinado, axudou á nosa protagonista. Está colocado sobre unha bola verde, semellando o céspede. No interior, as ilustracións son de dobre páxina, e predomina sempre o mesmo escenario, o ceo marrón e o céspede verde.
Este conto é unha obra narrada, acumulativa e rimada, na que Camila vestía sempre os seus cueiros morados e os seus tirantes vermellos, ata que se lle quedaron pequenos, e ela xa non os quería pór, pero a súa nai non a deixaba saír sen eles. Un día, desobedeceu e saíu a rúa eles, polo que o vento lle levou as raias do seu corpo. Entón comezou a chorar e foi pedindo axuda a distintos animais para recuperar as súas raias. Cando chegou á casa, a súa nai regaloulle a última fita e confesoulle que xa era maior, polo que non tería que volver levar os tirantes e os cueiros.

Potencialidades educativas: coa lectura deste álbum ilustrado podemos traballar coas nenas e nenos de Educación Infantil a importancia de axudarse os uns aos outros, sobre todo cando unha persoa ten un problema e precisa da nosa axuda. Tamén é importante reflexionar sobre o proceso de maduración, as distintas etapas nas que configuran a vida e os procesos de aprendizaxe que a eles van asociados.

Recursos de interese:

mércores, 15 de febreiro de 2017

A Cebra Camila

Núñez, Marisa (1999), A cebra Camila, ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka Editora, [32 pp.] (ISBN: 978-84-8464-126-1).




Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura, forma cadrada (22 x 22 cm) e encadernado en cartoné. A protagonista desta historia é unha cebra chamada Camila a cal, tras non facerlle caso aos consellos da súa nai, decide saír da casa sen as súas vestiduras. Debido a isto o vento borrou as súas raias e Camila botouse a chorar. Ante a súa tristura, diversos animais vanlle recompoñendo ou seu corpo liso con diferentes recursos para que Camila pare as súas bágoas. Cando chega á casa, a súa nai decátase de que Camila xa non é a mesma, xa medrou, e que polo tanto non precisa de levar tirantes e cueiro.





Potencialidade: este conto paréceme axeitado para nenos e nenas da partir dos catro anos de idade. A autora é mestra de educación infantil polo que coñece ben a maneira de atraer a atención dos máis cativos. A historia é unha metáfora do paso da etapa da infancia, de modo que se ficcionaliza o proceso de crecemento, a fugacidade do tempo, dos problemas que van xurdindo etc… O texto presenta unha estrutura encadeada e utilízanse nel recursos propios dos contos tradicionais: xogos de preguntas e respostas, rimas... acompañado de ilustracións moi expresivas en cada unha das súas páxinas, que axudan os cativos a comprender mellor a mensaxe escrita nelas.