Amosando publicacións coa etiqueta diferenza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta diferenza. Amosar todas as publicacións

martes, 12 de maio de 2020

Vacas na cidade?



Alfaya, An (2008). Vacas na cidade?, Ilust. Jacobo Fernández. Vigo: Editorial Galaxia, col. Ovos duros, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-015-0).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de tapa dura da autora An Alfaya e Jacobo Fernández. A cuberta está ocupada na súa totalidade pola imaxe da cara dunha vaca rosa sorrindo, mentres que na contracuberta aparece unha vaca de cores, gris, branca e rosa e un breve resumo do conto. Nas gardas hai nove vacas diferentes, tres marróns e seis brancas con manchas grises, sobre un fondo verde. Na portada e páxina de créditos aparecen dúas vacas de diferentes cores recibindo aos seus lectores e toda a información técnica do conto.
As temáticas que se abordan nesta obra van dende a familia, a infancia, a arte ata a diferenza. Vacas na cidade? conta o que sucedeu un día na cidade onde vive Paulo, un neno ao que lle encantan as vacas. A súa tía Catarina leu no xornal que na alameda da cidade había unha exposición de vacas, polo que non dubidou en levar o seu sobriño. Nun primeiro momento a Paulo non lle gustaron porque dicía que non eran reais pero despois de que a súa tía lle dixera que as vacas decorativas tamén nos fan soñar, o neno observou a cada unha delas e deulle a razón á tía dicindo que esas vacas son máxicas.
Con este conto, o alumnado pode reflexionar sobre a variedade de cousas que nos pode transmitir a arte, a importancia da familia, reflectida na relación entre Paulo e a súa tía; a diferenza, observando a cada unha das vacas, de estilos moi diversos; e a infancia, representada por Paulo. O texto presenta un narrador heterodiexético en terceira persoa, que presenta ao protagonista e pecha a historia. As frases que aparecen no transcurso da historia son curtas e serven de apoio ás ilustracións, as cales teñen unha disposición de dobre páxina. O estilo é infantil e todas as escenas son sinxelas, con busca de movemento para animar ao lectorado a seguir avanzando. Empréganse moitas cores de diferentes tons, o que propicia o contraste entre cores claras e escuras.

Potencialidades educativas: a lectura desta historia permite que nenos/as reflexionen sobre o importante que é compartir bos momentos coa familia, neste caso o vínculo que se establece entre Paulo e a súa tía, realizando unha actividade do seu interese. Isto, pode conciencialos e involucralos máis nas súas relacións familiares. Tamén axuda a que coñezan diferentes obras artísticas, permitíndolles potenciar a creatividade e a súa imaxinación por medio das diferentes vacas que aparecen. Neste conto moitos nenos/as poden sentirse identificados co protagonista e compartir cos seus iguais os seus gustos.



martes, 28 de febreiro de 2017

Perdido?

Jeffers, Oliver (2009). Perdido?, ilust. do autor, trad. Laura Saéz, Mónica Pazos, Saleta Fernández, Vigo: Patasdepeixe, [30 pp.] (ISBN: 978-84-936842-1-1).

Breve descrición do formato e contido da obra:
Perdido?

Libro de tapa dura, de 27x26cm, con ilustracións que retroalimentan a historia que se narra no texto, permitindo unha mellor comprensión. Na cuberta aparece o pingüín e un neno embarcados cara á súa aventura. Debaixo dos protagonistas, encóntrase o título da obra e o nome do autor do conto. Con respecto á contracuberta, obsérvase a continuación do mar e un breve resumo. A narración está en galego.







Un neno atopa diante da porta da súa casa un pingüín. Pregunta onde se perdeu e a onde pertence pero ninguén ofrece axuda. O neno busca información dos pingüíns e decátase de que vén do Polo Sur. Embárcanse cara ao seu destino. Cando o abandona e volve cara á casa nota soidade, polo que dá volta e búscao de novo. O pingüín xa non estaba. De volta á casa encóntrao polo camiño e regresan xuntos.



Potencialidades: Neste libro amósasenos a importancia da amizade, o descubrimento de novos amigos e as segundas oportunidades. Móstranos que realmente o que nos fai felices está ao noso lado, non fai falta ir lonxe para atopalo. O personaxe do neno encarna o valor de superación e a actividade, xa que está atento a todo o que acontece e busca solucións; o pingüín simboliza a fidelidade. Unha historia de amizade e sobre todo de atención cara aos sentimentos e  ás necesidades dos demais.