Amosando publicacións coa etiqueta o respecto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta o respecto. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de abril de 2020

Orellas de bolboreta


Aguilar, L. (2007). Orellas de bolboreta, ilust. André Neves, trad. Manuela Rodríguez. Pontevedra: Kalandraka,col. Minilibros, [32 pp.]. (ISBN 978-84-8464-662-4)

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado con texto de Luísa Aguilar, ilustracións de André Neves e tradución á lingua galega de Manuela Rodríguez. A edición manexada pertence á colección “Minilibros”, polo que o seu formato presenta capa branda e unha dimensións de moi reducido tamaño. A cuberta contén o título do libro e os nomes da autora, ilustrador e editorial. Tamén se aprecia unha ilustración dunha nena con moito pelo e ca cabeza máis grande que o resto do corpo, xunto cun fondo verde con flores e unha bolboreta como se estivera no campo. Isto pódemos dar a ver que a historia tal vez trata máis da súa cabeza por iso aparece máis grande aquí. Na contracuberta aparece a ilustración do campo coas flores, pero sen a nena nin a bolboreta. Na portada atopamos unha ilustración de casas, como se fose un pobo, ademais do título do libro e os nomes da autora, ilustracións e aditorial. Este libro foi traducido ao galego por Manuela Rodríguez (2007). A historia que se conta é a dunha nena da que se burlan os e as súas compañeiras e desde que a nai lle dá un consello, en vez de aprecialas como cousas feas apréciaas de mellor maneira e sempre ten unha resposta para cada burla. 
É un álbum ilustrado narrativo no que as ilustracións son necesarias. Nelas podemos ver que as personaxes son redondeadas coa cabeza máis grande que o corpo. Cada burla vaise desenvolvendo nunha páxina. Nas ilustracións podemos ver que utiliza seres da natureza ademais dos personaxes e unha bolboreta, ademais de cores claras, sobre todo, a laranxa e a verde. É un libro que esixe a implicación do lector para interaccionar coa historia que vai avanzando a través das diferentes burlas. O texto asenta no campo semántico do corpo e referentes da natureza ou da contorna máis inmediata da infancia, de grande interese para o lectorado potencial. Esta obra foi finalista do IV Premio Nacional Cittá di Bella (Italia, 2008), foi seleccionada polo Ministerio de Educación (Arxentina, 2015), forma parte do Plan Nacional de Lectura (PNL) e do Programa “Leggere senza Stereotipi” (Italia, 2015).

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permite que nenas e nenos reflexione sobre o que lle ocorre á protagonista e entendan o importante que é traballar a autoestima e respectar a diversidade. Ademais falar sobre as características persoais permite entender que somo seres únicos, cunha personalidade, estilo e características físicas que nos individualizan. De modo paralelo, unha lectura atenta das imaxes da obra permítennos facer unha lectura máis profunda ao redor da interculturalidade, da situación social que viven as persoas de cor e da falta de recursos que, moitas veces, as condena á marxinalidade. Por outra parte, o pequeno tamaño desta edición é un elemento estimulante, dado que se adapta ao manexo das pequenas mans dos potenciais destinatarios.



martes, 14 de abril de 2020

A CASA DA MOSCA CHOSCA



MEJUTO, Eva e Sergio MORA (2008). A casa da mosca chosca. Pontevedra: Kalandraka. [40 pp.]. (ISBN 13: 978-84-8464-155-1).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado en galego de Eva Mejuto e Sergio Mora,que é unha adaptación dun conto popular ruso. Os temas principais do álbum son a diversidade de personaxes que se presentan na obra, a amizade, a bondade, a xenerosidade, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a igualdade e a inclusión. Non só se atopan temas positivos senón tamén o egoísmo ou os celos. Trátase dun álbum acumulativo, que asenta en estruturas paralelísticas e reiterativas.
Dende o punto de vista formal, trátase dun libro de tapa dura de formato mediano e cadrado 22 x 22 cm. Na cuberta vese o título da obra e a imaxe dunha mosca conlentes voando, que se caracteriza polo seu sorriso de orella a orella. A contracuberta recrea a manta da cama da mosca chosca e do mantel da mesa que utiliza para comer a torta co resto dos animais.

Dende o punto de vista do contido, cóntase a historia dunha mosca que vivía no bosque e decidiu construír unha casa. Para inaugurar o seu fogar preparou unha torta de amora e o seu arrecendo foise espallando polo bosque. Entón comezou a recibir visitas de distintos animais atraídos polo aroma da torta. Así, un escaravello, un morcego, un sapo, unha moucha, unha raposa, un lobicán pasan a ser os convidados da mosca chosca, pero cando se dispuñan a merendar chegou o oso, que non estaba convidado, e e comeu toda a torta dun bocado!
As ilustracións están deseñadas con cores moi rechamantese con elementos paródicos, que provocan a risa. O foco central da obra ten lugar na casa da mosca chosca e cada personaxe ten asociado un adxectivo, que remarca unha característica da súa personalidade. O estilo deste álbum caracterízase por ser un conto rimado, o que favorece a memorización, e por un encadeamento que incide no xogo de inferencias.

Potencialidades: a lectura desta obra permite traballar rima, a memorización, o ritmo e a cadencia sonora da lingua. Con este tipo de obras foméntase a conciencia fonolóxica dos máis novos e a súa consciencia dos mecanismos da propia lingua, ademais de facelo dende o ludismo e a diversión. Outra potencialidade é aprender os números cardinais e ordinais,dado que se xoga con enumeracións e secuenciacións, propio da linguaxe matemática. Coa mosca chosca tamén se poden coñecer diferentes animais e observar os seus tamaños. Tamén se abordan valores como a solidariedade, bondade e honestidade, así como a xenerosidade e hospitalidade da que fai gala a protagonista, que promove unha convivencia harmónica na diferenza.

Recursos educativos:
Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=CfzEpFwj1_E (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=lXFgnQTawqk (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra https://www.youtube.com/watch?v=wuaZm2ttRrw (consultado o 13/04/2020).

Versión animada da obra con imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=_N82tboBtNw (consultado o 13/04/2020).

Versión animada do álbum por alumnos/as de 6º de infantil. https://www.youtube.com/watch?v=CyL1fCiQ26Q (consultado o 13/04/2020).

mércores, 1 de abril de 2020

Cuerdas




Solís, Pedro (2016). Cuerdas, Barcelona: Editorial Bruño, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-696-2055-7).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura do autor Pedro Solís. A cuberta amosa varias imaxes que aparecen no interior do libro. Na contracuberta obsérvase unha imaxe dos protagonistas do conto. As gardas presentan unha cor amarela con varias imaxes dun neno e dunha nena xogando a distintos xogos (cunha bicicleta, cun balón e cunha corda). Na portada, ao lado esquerdo, aparece a imaxe da fachada do orfanato e na parte dereita observamos unha imaxe máis pequena acompañando ao texto inicial. A temática é a inclusión, o respecto, o amor e a vocación. Despois da súa lectura pódese reflexionar co alumnado sobre valores como a amizade, a axuda, o respecto e a solidariedade. Sobre todo coas persoas que máis o necesitan, ademais de fomentar a conciencia de que todos somos diferentes e que ás veces non todas as persoas poden facer as mesmas actividades por si soas, pero si se poden adaptar para as necesidades individuais de cada un/unha.
Cuerdas conta a historia de dous grandes amigos que estudan no Orfanato Provincial. Nicolás Solís é un neno con parálise cerebral, todos e todas din que é unha persoa “especial”. Porén, para unha rapaza da súa clase chamada María é un neno que necesita amigos/as. Polo que ela, a pesar de escoitar comentarios como “que rara es María”,se achega a Nicolás e encontra a forma de integralo nos xogos. Grazas a iso, Nico experimenta coa axuda de María, o que é xogar ao fútbol, mover os brazos, saltar á corda e incluso chega a se converter en pirata. A entrega da nena fai que Nico sexa feliz ata a noite que falece. Esta noticia é moi dura para María, marcándoa para sempre. Despois dos sucesos acontecidos María toma a decisión de converterse en mestra de educación especial, ataviada sempre no seu pulso cunha corda, a modo de pulseira, que lle lembra o seu amigo Nico.
Este libro é un claro exemplo do poder da amizade, de que non hai discapacidade que impida xogar a nenas e nenos se hai vontade por parte das persoas que as rodean. O texto presenta un narrador autodiexético que é María, que narra a súa propia historia e para iso emprega parágrafos curtos, acompañados por ilustracións que apoian o texto.
As ilustracións varían en cada folla do conto. A disposición vai mudando de páxina en páxina, en ocasións aparecen nas páxinas pares, noutras nas impares, por veces son ilustracións a toda páxina e noutras de tamaño máis reducido. O texto aparece incluído en diferentes posicións, pero sempre buscando crear efecto no lectorado, ao combinar imaxes e texto de modo que xogan coas emocións do lector. Utilízanse múltiples cores durante toda a historia, predominando as cores escuras.
Potencialidades educativas: Este álbum fainos reflexionar sobre a diversidade que hai nas aulas, sendo todos diferentes e precisando de diferentes adaptacións tanto a nivel aula como na estruturación do colexio para que o proceso de ensinanza-aprendizaxe sexa beneficioso e exitoso para cada un deles/as. Tratar a temática da diversidade é fomentar a igualdade e o respecto. Cada neno/a necesita atención e axuda diferente. Isto enriquece o potencial nas aulas porque canta máis variedade, máis valores se poden transmitir aos pequenos/as. É moi interesante traballar este tipo de obras nas aulas dende idades temperás porque así os nenos/as aprenden a respectar os seus iguais e poden poñerse no lugar dos personaxes, actuando como transmisores de accións solidarias, tal como representa María, axudando aos compañeiros/as que presentan máis dificultades. Coas imaxes que aparecen ao longo da historia, os nenos/as poden sentir diferentes emocións (felicidade, tristeza, alegría).
Recursos educativos:
Curtametraxe de Pedro Solís García, gañador do Goya 2014 na catregoría de ¨Mellor curtametraxe de animación española¨. Represéntase a obra completa de ¨Cuerdas¨, en https://www.youtube.com/watch?v=4INwx_tmTKw (consultado o 28 de marzo de 2020).