Amosando publicacións coa etiqueta mentira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mentira. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de abril de 2020

A cousa que máis doe do mundo

LIVÁN, P y R. OLMOS (2018). La cosa que más duele del mundo. Pontevedra: OQO Editora (ISBN: 978-84-987471-5)

Breve descrición do formato e do contido: Trátase dun álbum, escrito por Paco Liván e ilustrado por Roger Olmos, publicado por OQO editora no ano 2005 por primeira vez. Está composto por un total de 36 páxinas, con encadernación en cartoné. O conto está dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre 3 e 8 anos. É unha historia baseada nun conto tradicional africano, cunha clara orientación educativa e transmisora de valores. Na cuberta aparecen a lebre e a hiena, personaxes que protagonizan a historia, subidas enriba dunha montaña. Na imaxe a hiena aparece ao lado dereito, abrindo a boca e berrándolle á lebre dunha maneira agresiva, mentres que a lebre é representada á esquerda, inclinando o seu corpo un pouco cara a atrás ao recibir os berros do outro animal. Os nomes do autor e do ilustrador aparecen no lado esquerdo e o nome da editorial na parte debaixo ao lado dereito e en vertical. O título da obra aparece en cor branca sobre a montaña. É un título que, antes de comezar ler o conto, nos convida a reflexionar sobre que é aquilo que máis nos doe, o que dá xogo para traballar cos cativos e cativas antes de somerxernos na historia. Na contracuberta atopámonos con máis montañas debuxadas e unha cabra enriba. Tamén aparecen de novo o nove da editorial, a colección e o ISBN xunto ó código de barras. Ao abrir o álbum observamos na garda inicial un ceo azul e un grupo de moscas no lado esquerdo; na garda final aparece de novo o ceo azul e o grupo de moscas, pero esta vez o séquito é mais numeroso e apréciase claramente que están voando cara ao lado dereito onde figura un pastel de excrementos. A historia que se narra comeza coa pregunta que lle formula a lebre á hiena: ¿sabes cuál es la cosa que más duele del mundo?; tras ela formúlanse diferentes hipóteses, como a pisada dun elefante, unha dor de moas ou a picadura dunha avella. Pero a lebre aclara que o que máis doe é a mentira e para demostralo decide, coa axuda do séquito de moscas, tramar un plan, deixando na porta de palacio un tremendo pastel. Decide culpar a hiena, que non tivo nada que ver, para facerlle ver que no mundo, a cousa que mais doe, é a mentira. A historia segue unha estrutura lineal e emprega un vocabulario sinxelo, o que fai que resulte comprensible para nenas e nenos. O narrador da historia é un narrador hetereodiexético, xa que presenta a situación, as personaxes e o conflito, coñece e relata os feitos e pecha a historia As voces dos protagonistas, que no texto aparecen remarcadas en letra grosa, expoñen os seus sentimentos e pensamentos. Mediate ás ilustracións represéntanse as personaxes dunha maneira moi expresiva, o que permite unha lectura visual da obra. Mentres que a lebre aparece representada con cores cálidas, coloretes nas meixelas e unhas longas orellas como sinal da súa astucia, a hiena móstrase con cores escuras, coa boca aberta en moitas ocasións, os pelos de punta e nunha perspectiva de superioridade. Sobre as demais personaxes cabe mencionar o rei, quen aparece representado nun tamaño moi pequeno pero cunha enorme coroa na cabeza símbolo do seu poder.

Potencialidades educativas:  A través da lectura deste conto podemos traballar diferentes sentimentos como a dor, a mentira ou a empatía. Tamén nos permite reflexionar sobre que consecuencias ten a mentira, en especial a dor que pode ocasionar a outras persoas ou seres. Tamén visibiliza outros valores, como a amizade, a lealdade ou a xustiza. O xogo de palabras que se empregan ao longo da historia para designar tan suculento pastel, permite tratar temas escatolóxicos, moi pouco presentes na literatura para os máis novos e permite abrir estes xogos a outras palabras ou conceptos, de maneira que se achegue ós nenos e nenas ao nivel simbólico da linguaxe, ás metáforas e aos eufemismos.

Recursos de interese: 
Lectura dramatizada polo alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Lugo), que se pode escoitar en http://bibliotecavirxedocarme.blogspot.com/2018/02/radiuvin-cousa-que-mais-doe-do-mundo.html (consultado o 8/4/20)

venres, 17 de marzo de 2017

A cousa que máis doe no mundo

Liván, Paco (2005), A cousa que máis doe doe no mundo, ilust. Roger Olmos, Pontevedra: OQO (+3 anos) [30 pp.] (ISBN: 84-96573-13-3).

Breve descrición do formato e contido: O conto preséntasenos cun formato cadrado e tapa dura, no que a imaxe que da cor á cuberta e á contracuberta é continua, é dicir que  é unha mesma imaxe.


Na cuberta amósansenos as dúas personaxes principais da historia, a hiena e a lebre, e o título da mesma. Nela tamén aparecen o nome do autor e o ilustrador da obra. Na contracuberta observamos unha pequena paisaxe do mundo no que se desenvolve a obra e un dos seus habitantes, unha cabra.  
As ilustracións que este libro nos amosa son moi imaxinativas e pouco comúns, con  formas esaxeradas, cores que fan resaltar certos puntos das imaxes que poden pasar desapercividos, escenas que non teñen que ver ca realidade, e demais detalles polos que merece a pena ler o libro.
A obra é unha adaptación que Paco Liván fixo dun conto orixinario de Costa de Marfil, no cal se lles amosan aos nenos valores como é o de non mentir.
As personaxes desta historia son un claro reflexo da nosa sociedade e da hipocresía que podemos alcanzar os seres humanos.  Neste caso, a lebre plantéxalle á hiena unha cuestión: cal é a cousa que máis doe no mundo?. A lebre dille que é a mentira, e a hiena, non a cré. Entón, a lebre decide argallar un plan para demostrarlle que si, que a mentira é o que máis doe no mundo.

Potencialidades: O principal motivo polo que escollín este libro foi polo ilustrador, xa que é un dos meus favoritos e me sorprendeu atoparme con este libro por casualidade ilustrado por Roger Olmos. Ao ler o libro, decateime de que era fantástico, xa que nunca lera unha historia plantexada deste modo ao redor da mentira.

Paréceme que é un libro moi recomendale para lerlle e que lean os máis cativos, xa que a historia está feita nun ton humorístico que fai que os pequenos lectores se enganchen a esta peculiar argallada.
A maneira na que o autor nos transmite a dor que produce a mentira, creo que é moi significativa para os nenos e nenas, poñéndose na pel tanto da hiena coma da lebre poderán sentirse identificados se alguén lles mentiu algunha vez ou se eles mesmos mentiron e deste modo saberán o moito que doe.
A historia claramente educa en valores, algo moi importante nesta etapa da vida dos nenos e nenas, á vez que se nos propón unha divertida historia para ler tanto en familia, coma na escola, ou incluso facer unha representación da mesma, xa que deste modo os pequenos lectores levarían a cabo unha dramatización coa que interiorizarían mellor o proposto na historia.