Amosando publicacións coa etiqueta mundo mariño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mundo mariño. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de marzo de 2020

Acuario




Canosa.M, Padrón.D (2012). Acuario. Ferrol:edicións embora, col. Fardel dos soños [33pp.]. (ISBN: 978-84-92644-44-5)

Descrición de formato e contido:
Acuario é un libro de poesías infantil. É de tapas duras e cun papel satinado, que permite ver moito mellor as imaxes do interior. Ten un tamaño mediado e é cadrado. A cuberta é totalmente branca cunhas burbullas de auga azuis e unha nena colgando dun amocelo, mentres que na contracuberta aparecen unhas poucas burbullas máis de auga. As imaxes que aparecen no libro queren imitar aos peixes de verdade. E as cores que predominan son en tons terra. Todo o libro segue unha mesma organización: a páxina da esquerda sempre é dunha cor (tons roxizos e terra) e está o poema acompañado cun letreiro co nome do peixe que lle corresponde. Na páxina da dereita está o debuxo do peixe ou molusco do que se fala no poema, coa súa cor e forma característica.
Os poemas versan sobre uns amigos que queren saber sobre o fondo mariño pero como non se poden meter no mar deciden ir visitar un acuario. Nese acuario hai todo tipo de peixes e moluscos e van inventando unha historia en verso para cada un. Cada poesía describe fisicamente o peixe ou molusco e tamén nos ensina os seus costumes e formas de actuar. Son instrucións para entender que é o que hai debaixo do mar e o papel que ten cada peixe dentro del. Recórrese a figuras como as personificacións coma “que presumidas son estas sardiñas”, símiles como “brilla a faneca como unha raiola” e algún que outro hipérbato coma “moito lle gusta na auga nadar”.


Potencialidades educativas:
Grazas a este libro os nenos poden coñecer segredos que o mar esconde, os animais que nel habitan, coma a solla, o polbo, as sardiñas etc. Salienta polo apoio visual das imaxes recreadas, pois ao carón de cada poesía hai un debuxo do personaxe ao que se refire a composición, de modo que nenos e nenas poden asociar o peixe ou molusco do que se esta a falar coa imaxe e tamén adquiren novos coñecementos e valores estéticos. Ao ser un libro de poesías ofrécenos aínda máis potencialidades educativas, como estimular a memoria auditiva e rítmica, como o fan tamén as cancións; favorecer o desenvolvemento da linguaxe, potenciar a expresión verbal grazas ás rimas, fomentar a creatividade, a imaxinación, potenciar a aprendizaxe artística a través do ritmo e a musicalidade que está presente nestes versos e favorece tamén as aprendizaxes significativas de novos coñecementos que axudan a asimilar novos conceptos.

Recursos de interese:
Canción infantil sobre o poemario: [ceip coiron Dena] (2013, Junio 16). Adiviñas do mar. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=vl74uxpYXD8

Roig, B.-A., Soto, I., & Neira, M. (2009). A poesía infantil no século XXI (2000-2008). Vigo: Edicións Xerais de Galicia/LIJMI. Recuperado de: https://www.usc.gal/gl/proxectos/lijmi/modules/libros/libro_0011.html


sábado, 15 de abril de 2017

Os tres amigos

Mercé, Viana (2004), Os tres amigos, ilust. Xan López Dominguez, trad. Ignacio Chao, Pontevedra: Xerais, col. Paseniño, [22 pp]. (ISBN: 84-9782-153-X).


Breve descrición do formato e contido da obra: Libro ilustrado poético no cal os protagonistas son unha fada e unha anguía que saen xuntas a xogar ao mar, ata que un día atopan a un golfiño que os leva de excursión e amósalles cousas fermosas que esconde e pasan unha bonita experiencia.
En primeiro lugar, destacar esta forma de poesía, estrofa con dous versos pareados con rima consonante, sempre se encontra nas páxinas pares, e preséntanse dobremente, en letra manuscrita e en maiúscula. No medio destas, encóntrase o debuxo dunha anguía que cobra animación se pasamos as páxinas de corrido. Nas páxinas impares están as ilustracións a toda cor que relatan o texto de forma gráfica.

Potencialidades: É unha historia breve e entretida en forma de poesía, que introduce ao alumnado neste xénero revalorizando a súa calidade e presenza na literatura infantil. Ensina valores de amizade e valentía para vivir experiencias novas. Introduce aos máis pequenos no mundo mariño, transportando e deixando voar a súa imaxinación. A técnica estilística que utiliza co debuxo das páxinas pares co que se as pasas de corrido, recobra movemento, resulta divertido para eles, estimulando así o seu funcionamento cognitivo. As ilustracións moi gráficas, son un complemento que permiten comprender a historia e captar as ideas principais do texto.
Desde o meu punto de vista o que máis me gusta é o final aberto, xa que estimula a imaxinación e creatividade do lector, aspecto que considero importante para os máis pequenos e pequenas. Debe estar presente nas aulas, o alumnado debe poder ter autonomía para decidir e expresar as súas opinións. Por iso, penso que é un bo conto para que pensen no final que cada un lle queira dar segundo o seu criterio. Pode ser un punto de partida, para unha asemblea sobre o final no que cada persoa aporte as súas ideas.
Por outro lado a temática do mar. No conto faise unha viaxe dicindo algunhas cousas coas que nos podemos atopar no fondo mariño. Resultaría interesante traballar vocabulario neste campo, por exemplo os nomes dos peixes, as partes do barco…
O formato facilita o recoñecemento de diferentes tipos de modalidades para o inicio da lectura, dando tamén ao lector, autonomía para elixir que ademais mostra a dimensión lúdica asociada ao proceso da lectura (texto en relación as imaxes), entendido este como un xogo produtivo e dinámico.