Amosando publicacións coa etiqueta imaxinación.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta imaxinación.. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de abril de 2017

UN AGASALLO DIFERENTE

Azcona, Marta (2005), Un agasallo diferente, ilust. Rosa Osuna, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, (de 3 anos en adiante), [34 pp.] (ISBN: 978-84-8464-527-6). 


Breve descrición do formato e contido da obra: Este conto é un album ilustrado, encadernado en cartoné, de forma cadrada cun tamaño de 22 x 22, con láminas grosas. 


Na cuberta aparece o título do libro en cor negro e en minúscula, o nome da autora, o nome de quen fixo a tradución ao galego e a editorial. Destacamos a ilustración dos dous protagonistas da obra. Na contracuberta podemos ver o nome da colección, a web da editorial e o ISBN. 
O conto ten 34 páxinas, con texto pouco abundante, sinxelo e de fácil comprensión. As ilustracións son imaxes atractivas, cunha mestura de cores e debuxos rechamantes e moi divertidos. 

En canto ao contido, nárrase a historia de Marcel un pequeno monstro que está de aniversario e invita ao seu amigo Tristán quen o obsequia cun agasallo un tanto peculiar: un trozo de tela. Nun primeiro instante non lle fai moita ilusión a Marcel pero a medida que vai transcorrendo o conto vamos vendo que lle dan moita utilidade a ese pano: límpanse con el ao comer pasteliños con nata, ao saír a dar un paseo protéxense do sol...




Podemos mencionar tamén que aparece un personaxe paralelo, que sempre os está vixiando, atento a todo o que fan con ese trozo de tela. Ao rematar a historia aparece cunhas tixeiras e unha cortina toda desfeita. 




Potencialidades: A través desta obra podemos traballar moitos aspectos como a amizade. o aprecio cara as cousas que nun primeiro momento as vemos como algo insignificante e de pouco valor, a reciclaxe, e incluso a capacidade de imaxinación xa que calquer cousa pode ser algo extraordinario e moi útil e para iso, temos que deixala voar. 

sábado, 18 de febreiro de 2017

Nicomedes o pelado

Pinto e Chinto (2013), Nicomedes o pelado, ilust. dos autores, Pontevedra: Kalandraka, (de 3 a 12 anos), [48 pp.]( ISBN :978-84-8464-697-6).



Breve descrición e formato da obra: Este albúm ilustrado de tapa dura e formato rectangular (17x31 cm) ofrécenos unha historia moi divertida nunha obra que chama a atención dende o formato ata as fermosas ilustracións. Ao longo do albúm atopamos un único plano que cambia páxina tras páxina, só en pequenos detalles segundo o texto, xunto a un gato na outra páxina que tamén muda de actitude, ante as ocorrencias do personaxe principal. Só precisamos humor para abrilo e gorzar con el, mentres asistimos ás peripecias do protagonista, Nicomedes, que trata de disimular a caída do seu cabelo dos xeitos máis insospeitados. 






Potencialidades: a historia surrealista de Nicomedes axuda a reflexionar sobre a excesiva importancia que lle damos ao noso aspecto nesta sociedade na que a imaxe exterior é máis importante cá interior, e a excesiva importancia que damos ó noso aspecto físico, e que ás veces  fai que non nos sintamos a gusto con nós mesmos. 
O repertorio imaxinativo que este mesmo home desprega para facer fronte á súa nova situación ( a perda da súa espléndida cabeleira), fará que bote man de todo tipo de enxeñosas alternativas para ocultar a súa prematura calvicie. 
Esta obra está pensada para primeiros lectores polo que a historia é sinxela e directa, vai ao miolo para achegala aos máis pequenos. É esa dimensión lúdica a que facilita que o libro funcione moi ben cando se conta en voz alta, convidando a unha escenificación participativa. 


Dentro das súas páxinas hai moito humor, cunha estructura de xogo co lector, na que ademais dun desafío para a imaxinación, a sorpresa que atopamos en cada páxina, na procura dunha nova imaxe do personaxe que poida ser a solución definitiva ao seu problema (ata chegar ao insopeitado final), convértese grazas ao humor nunha parodia xenial do gusto de maiores e nenos. 

A historia que plantexa este albúm, ademais, amósalles que os problemas da vida hai que tomalos con humor e a buscarlles solucións creativas.
Por iso esta obra tamén é unha ferramenta moi útil para traballar cos nenos á hora de crear novas solucións para Nicomedes nas que eles participen e espertar así a súa imaxinación e creatividade, podendo crear con eles producións de todo tipo: monicreques do personaxe, debuxos, obras teatrais, etc. 
En definitiva, trátase dunha obra aparentemente moi sinxela, pero que nos abre un sinfín de posibilidades creativas e imaxinativas, como as que nos plantexan os autores.