Amosando publicacións coa etiqueta estimula a observación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta estimula a observación. Amosar todas as publicacións

martes, 4 de abril de 2017

MI PRIMER RELOJ


Libsa, (1998), MI PRIMER RELOJ, Ilust. F.Noriega, Madrid: Libsa [28pp.], (ISBN: 84-7630-739-X).



Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado interactivo de tamaño mediano e de formato rectangular (20 x 22), con cubertas e páxinas de cartón duro e de cantos redondeados. As páxinas están unidas por medio de argolas. Na cuberta aparece o título en letras grandes negras, un montón de reloxos e mais un dos personaxes da obra. No centro hai un reloxo que está incrustado no propio libro. Pola súa banda, na contracuberta aparecen máis personaxes, cada un cun reloxo diferente,  un breve resumo da finalidade do libro do que estamos a falar e outros títulos da mesma colección. 

As ilustracións son a toda páxina. Trátase de imaxes moi coloridas e divertidas para chamar a atención dos nenos e nenas. O texto aparece en forma de  pequenas frases en todas as páxinas do libro. Non está localizado sempre no mesmo sitio, unhas veces atópase na marxe superior da páxina, outras na inferior, e outras no medio da páxina, ou nos tres sitios á vez. 

A finalidade deste libro é que os nenos aprendan as horas dunha maneira sinxela e divertida. Para isto, contaremos coa axuda do reloxo que está incrustado no volume, o cal ten agullas móbiles e números vistosos para que os nenos poidan ir marcando nel as horas. Tamén contaremos a axuda de Rudi e os seus amigos. Rudi, o noso protagonista, é un canciño ao que acompañaremos durante a súa xornada, nun día de colexio coma outro calquera. No libro comézase explicando as funcións das agullas do reloxo, despois explícanse as horas en punto, logo as horas e media e despois as horas e cuarto. Por último faise o percorrido polo día a día de Rudi, durante o cal se lles van plantexando aos lectores diversas preguntas, como por exemplo: que hora marca o reloxo que leva Rudi? Estas preguntas son moi útiles para reforzar o aprendido.



Potencialidades: O tempo é un concepto abstracto, difícil de comprender para os mais cativos. Aos nenos e nenas resultaralles máis fácil e divertido familiarizarse co funcionamento do reloxo con este libro, xa que poden interactuar con el, ademais de aprender novos conceptos ou repasar, ao mesmo tempo, conceptos xa adquiridos como as formas, os números, os animais etc. polo que se trata dun material de gran utilidade para traballar cos máis pequenos, tanto na aula como na casa. 

martes, 14 de marzo de 2017

Ola adeus


Chedru, Delphine (2014), Ola Adeus, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra, Kalandraka, [24 pp.] (ISBN: 978-84-8464-937-3).

 

Descrición do formato e do contido da obra: álbum ilustrado interactivo, de tamaño grande e de formato rectangular, (28,5x 23,5) encadernado en cartón duro. Na cuberta aparece o título do libro e unhas imaxes que representan moi ben o contido do mesmo. 

As ilustracións, que sempre aparecen nas páxinas impares, móstrannos dúas imaxes distintas superpostas, cada unha dunha cor para así poder diferencialas, por exemplo, a que representa o inverno aparece en cor azul e a que representa o verán en cor vermella. Durante todo o libro xógase unicamente con estas dúas cores opostas. 

Pola súa banda, o texto aparece nas páxinas pares, e está formado sempre por dúas palabras antónimas, as mesmas que representan as imaxes da páxina seguinte. Cada palabra está escrita en cor vermella ou azul, a mesma cor que a súa imaxe correspondente.



O tema do que trata o libro son os contrarios. Como xa dixemos, nas páxinas pares aparecen dúas palabras opostas, como noite e día, unha en azul, (noite) e outra en vermello, (día) e na seguinte aparecen dúas imaxes superpostas, unha en azul (neste caso a noite) e outra en vermello (neste caso o día) e cada unha representará a palabra correspondente. Se as miramos ao mesmo tempo, posiblemente non as entendamos, pero aí está o truco  deste libro. Conta cunha lámina de cartón con dous cachos de celofán incrustados, un de cor vermella e outro de cor azul e segundo miremos o libro a través dunha cor ou da outra, o que vemos cambia radicalmente, por exemplo, o día verémolo a través da cor azul, e a noite a través da cor vermella. 




Potencialidades: este libro paréceme unha maneira moi orixinal e divertida de traballar os contrarios cos nenos, xa que é unha ferramenta coa que poden interactuar. É axeitado para empregar tanto na casa como na escola porque se podería traballar con toda a clase ao mesmo tempo fabricando unhas gafas para cada neno ou nena. Poderíamos poñerlle por exemplo un ollo de celofán de cada cor, un azul e outro vermello e así só terían que tapar coa man un ollo ou o outro para ver as dúas realidades distintas. Con este libro tamén estariamos traballando a percepción, ao tratarse dun libro no que as imaxes aparecen mesturadas unhas con outras, e poderíamos aproveitar para tratar varios temas a partir das diferentes imaxes que aparecen no libro. 


luns, 27 de febreiro de 2017

El hijo del leñador


Grafalco (1991), El hijo del leñador, Madrid: Grafalco, [32 pp.] (ISBN: 84-7773-347-3).



Descrición do formato e do contido da obra: libro ilustrado de tamaño medio e de formato cadrado (22x22cm), encadernado en cartón duro. A cuberta e a contracuberta móstrannos unha imaxe dun monte que ten continuidade. Na cuberta aparece o título en letras grandes e os dous personaxes principais da historia, o fillo do leñador e mais o seu pai. Na contracuberta explícase a finalidade e o contido da obra e aparece o nome da colección á que esta pertence.

As ilustracións aparecen sempre nas páxinas impares e o texto nas pares, ocupando toda a páxina. As letras son grandes para facilitar a lectura do conto. 
O protagonista da historia é o fillo dun leñador moi humilde, o cal traballaba día e noite para que o seu fillo puidese estudar e así conseguir un bo traballo. Cando o leñador xa reunira bastante diñeiro mandou ao seu fillo a estudar á cidade. O rapaz era moi aplicado e íalle ben no colexio, porén o diñeiro acabouse antes do esperado e tivo que volver á casa a cortar leña co seu pai sen rematar os estudos. Un día, cando pararon para descansar despois dunha dura mañá cortando leña, o fillo do leñador atopou algo que lles cambiaría a vida a ambos...

Potencialidades: este libro está destinado a nenos e nenas que xa se iniciasen ou que se estean iniciando no proceso lector. Para facilitarlles a lectura, as letras son de gran tamaño e presentan un formato fácil de comprender. Ademais, nas últimas páxinas do libro aparece un pequeno anexo cun vocabulario que contén, explicadas dunha maneira moi sinxela, aquelas palabras que poden resultar difíciles de entender para os máis pequenos, así como uns exercicios para estimular a observación e a curiosidade dos nenos.