Chedru,
Delphine (2014), Ola Adeus, trad. Xosé
Ballesteros, Pontevedra, Kalandraka, [24 pp.] (ISBN: 978-84-8464-937-3).
Descrición
do formato e do contido da obra: álbum ilustrado interactivo, de tamaño grande e de formato rectangular, (28,5x
23,5) encadernado en cartón duro. Na cuberta aparece o título do libro e unhas
imaxes que representan moi ben o contido do mesmo.
As ilustracións, que sempre aparecen nas páxinas impares,
móstrannos dúas imaxes distintas superpostas, cada unha dunha cor para así
poder diferencialas, por exemplo, a que representa o inverno aparece en cor
azul e a que representa o verán en cor vermella. Durante todo o libro xógase
unicamente con estas dúas cores opostas.
Pola súa banda, o texto aparece nas páxinas pares, e está
formado sempre por dúas palabras antónimas, as mesmas que representan as imaxes
da páxina seguinte. Cada palabra está escrita en cor vermella ou azul, a mesma
cor que a súa imaxe correspondente.
O tema do que trata o libro son os contrarios. Como xa
dixemos, nas páxinas pares aparecen dúas palabras opostas, como noite e día,
unha en azul, (noite) e outra en vermello, (día) e na seguinte aparecen dúas
imaxes superpostas, unha en azul (neste caso a noite) e outra en vermello (neste
caso o día) e cada unha representará a palabra correspondente. Se as miramos ao
mesmo tempo, posiblemente non as entendamos, pero aí está o truco deste libro. Conta cunha lámina de cartón con
dous cachos de celofán incrustados, un de cor vermella e outro de cor azul e
segundo miremos o libro a través dunha cor ou da outra, o que vemos cambia
radicalmente, por exemplo, o día verémolo a través da cor azul, e a noite a
través da cor vermella.
Potencialidades:
este libro paréceme unha
maneira moi orixinal e divertida de traballar os contrarios cos nenos, xa que é
unha ferramenta coa que poden interactuar. É axeitado para empregar tanto na
casa como na escola porque se podería traballar con toda a clase ao mesmo tempo
fabricando unhas gafas para cada neno ou nena. Poderíamos poñerlle por exemplo
un ollo de celofán de cada cor, un azul e outro vermello e así só terían que
tapar coa man un ollo ou o outro para ver as dúas realidades distintas. Con
este libro tamén estariamos traballando a percepción, ao tratarse dun libro no
que as imaxes aparecen mesturadas unhas con outras, e poderíamos aproveitar
para tratar varios temas a partir das diferentes imaxes que aparecen no libro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario