OS BOLECHAS QUEREN SABER COMO NACEMOS
Carreiro, Pepe (2009), Os Bolechas queren saber... como nacemos, ilust. Pepe Carreiro, Vigo: Edicións A Nosa Terra, [29 pp] (ISBN: 978-84-96403-73-4).5
Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de forma rectangular, de tapa dura. Na cuberta podemos ver a imaxe de toda a familia Bolechas no médico, acompañando a súa nai que está embarazada. O título está escrito en partes; atopamos á primeira vista a sinatura do logotipo "Os Bolechas" de seguido "queren saber" en cor branco e por último, dentro da imaxe principal, "como nacemos" en cor verde. Na marxe esquerda do libro aparecen en fila cara arriba os diferentes membros da familia protagonista. Na contracuberta aparece unha imaxe dos seis fillos e a súa mascota.
Todas as páxinas contan con ilustracións, que axudan a unha lectura guiada.
En canto ó contido do libro, imos a presentar nun primeiro lugar, a esta familia tan peculiar, que é protagonista dunha colección de libros infantis. Trátase dunha familia de nove membros, que conta cunha nai, cun pai, cunha mascota, e con seis fillos. O primoxénito da familia é Carlos,un rapaz algo robusto, pelirroxo e co pelo algo longo que vai seguido das dúas irmás xemelgas, Loli e Pili, son iguais, só presentan unha diferenza no seu pelo loiro, xa que Loli é un pouco máis clara que Pili . O cuarto fillo é Brauilio, un rapaz pelirroxo que leva gafas. Sonia ocupa o quinto posto, e caracterízase polo seu pelo negro, a diferenza dos seus irmáns.Tatá foi o último que chegou a esta familia, é un bebé que sempre leva chupete e vai vestido de azul.
Chispa, é a mascota desta familia, trátase dun can, concretamente dun "husky siberiano". Sempre aparece acompañando a estes seis pequenos en todas as súas aventuras.
Neste libro de "como nacemos", atopamos toda a información sobre cómo chegan as persoas ao mundo. Tocando os diferentes procesos polos que pasa, relación sexual dos pais, embarazo, fases do embarazo, parto, lactancia e crecemento. Nas últimas páxinas atopamos todos os embarazos da nai dos diferentes fillos da familia, un por un.
Potencialidades: Moitas veces, nos nenos/as de educación infantil, xurden dúbidas e curiosidades no tema de cómo chegamos a este mundo, sobre todo cando teñen que afrontar a chegada dun irmán ou irmá. A maioría dos adultos tendemos a explicalo de forma enmascarada, é dicir, recurrimos a extratexias como a da gaivota que trae os bebés de París, ou que os nenos saen dos ovos, como as pitas. Nunca contamos a verdade ata que son maiores, e chegan a etapa adolescente onde descubren a sexualidade. Esto non está ben feito, xa que o único que facemos é inscribilos nunha mentira, polo que, libros como este axudaránnos neste proceso. Dende as primeiras follas, explica de forma correcta e intelixible para os máis pequenos todo o proceso, relacións sexuais, sen tabús, concepción do embrión, embarazo, parto, lactancia e crecemento. Chámalle a cada cousa polo seu nome, xa que outra cousa que tendemos a facer e poñer pseudónimos, en vez de ensinárlles xa dende pequenos as cousas claras e a falar sen tabúes.
A través das diferentes imaxes, poden observar como se forma a barriga, como crece o feto e incluso que se desenvolve cada mes.
Ten a letra bastante grande e clara, inda que para nenos moi pequenos, é dicir, de 3-4 anos, que non saben ler, pois necesitarán axuda da familia ou das mestras. As súas imaxes axudan a unha lectura autónoma por parte do neno/a.
En conclusión, é unha forma divertida de coñecer e explorar este mundo, da nova vida, a través desta fermosa familia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario