mércores, 1 de marzo de 2017

Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis.

Heras, Chema (2015), Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis, ilust. Kiko Dasilva, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, (+ 3 anos). [34 pp.] (ISBN: 978-84-8464-612-9). 8ª edición.


Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado con pouco volume e formato cadrado. A cuberta presenta un fondo azul cunha ilustración que continúa na contracuberta e nos amosa alguha pista do contido da obra: o protagonista nú correndo mentres lle persigue unha gran coroa e tras él un rastro de agasallos que levan a unha fiestra onde están os tres reis magos mirándoo. O título, situado na parte superior da cuberta, ten letras de distinta fonte. Xusto debaixo do título en enrriba da coroa aparecen o nome do autor e ilustrador, mentres que debaixo da coroa está o nome da editorial. Finalmente, na parte superior da contracuberta está o nome da colección á que pertence a obra.  No interior, os textos están tanto nas páxinas pares como nas impares, cunha narración chea de humor e parodia. As ilustracións son do máis orixinais e incluso presentan unha certa plasticidade, onde o que prima son as cores oscuras, pois representan a noite que está a vivir o pequeno Martiño. As cores máis vivas resáltanse na carta aos reis magos e no propio agasallo do neno, pois é o tema central da historia e o que máis lles interesa aos nenos e nenas.
O contido trata sobre un neno chamado Martiño que está a esperar o seu agasallo na noite de reis, e para iso tiña que se deitar cedo, pois “os reis non entran nas casas dos nenos que non están durmidos”. Pese a todo, Martiño tivo un pequeno inconveniente: entráronlle ganas de facer pis e tivo que levantarse para ir ao baño. Recibiría o que esperaba?

Potencialidades: Atopámonos ante un conto de autor pouco común e cheo de enxeño que permite o xogo co libro e amosa a inxenuidade e visión dos máis cativos e cativas do acontecemento tan especial que supón a noite de reis. Nel, a maiores da propia temática do nadal, trátanse diversos temas. Un deles é a paciencia, pois a medida que transcurre a historia os/as nenos/as terán que esperar para saber se realmente Martiño recibiu o agasallo que quería. Outro é a busca da naturalidade ao tratar temas escatolóxicos como é o pis, algo que non soe frecuentar nos contos infantís. En xeral, é unha historia de nadal do máis divertida coa que as nenas e nenos poderán deixar voar a súa imaxinación acompañados/as da súa familia ou da súa mestra ou mestre e os seus compañeiros e compañeiras na aula.
Finalmente, é recomendable comentar que se pretendemos traballar a lectoescritura a obra vai máis ben dirixida a nenos/as cunha certa competencia adquirida, pois as letras do texto poden presentar dificultade para nenas e nenos de menor idade á hora de intentar lelo.
                                                                                      

Ningún comentario:

Publicar un comentario