sábado, 18 de marzo de 2017

LEJOS, CERCA... ¿DÓNDE ESTÁN?

Jänti, Mariana (2007). Lejos, cerca…¿dónde están?, ilust. Osvaldo P. Amelio-Ortiz. Montevideo: nicanitasantiago, col. Cuentos Cierta Duda, (+ 5 anos) [24 pp.] ISBN: 84-933955-6-0.

Breve descripción do formato e contido da obra: álbum ilustrado narrativo da vida cotiá que, tal e como menciona Mónica Domínguez (2015) no seu traballo Tipos de álbumes ilustrados en galego dende 1998, conta unha historia orixinal dentro da cotidianeidade da vida dos nenos e nenas onde o máis importante é amosar ao lectorado infantil o mundo no que vive coas súas posibilidades, diferentes ambientes e ocasións.
O álbum presenta unha pouca voluminosidade e  forma máis ben rectangular (20x23 cm). A cuberta está formada por unha ilustración que semella estar pintada con témperas. Nela podemos observar o debuxo dun neno enriba dun gran círculo amarelo e rodeado por liñas onduladas de distintas tonalidades de cor violeta e amarelo que continúan na contracuberta. O título da obra, situado na parte inferior, xa nos amosa unha pequena pista do contido que imos tratar na lectura: a palabra “lejos”, ao ser de menor tamaño, parece estar afastada, a palabra “cerca” é máis grande e nos da a sensación de estar preto a nós, e a pregunta “¿dónde están?” fainos pensar de súpeto onde pode estar situada calquera cousa. Finalmente, na contracuberta aparece a colección á que pertence a obra, un breve resumo do que se pretende conseguir coa súa lectura e o resumo doutra obra da mesma colección.
O interior da obra está conformado por ilustracións variadas a toda páxina que nos introducen de cheo na historia. Nelas se empregan diversas técnicas como son pinturas con témperas, debuxos, colaxe de materiais diversos… que semellan os debuxos que fan os nenos e nenas na infancia, con cores moi vivas e diversas, formas desproporcionadas e trazos imprecisos que semellan diferentes texturas, incluso chegando a parecer que podes sentilas ao tocalas. Os textos atópanse situados nalgúns casos nas páxinas pares e noutros nas impares e todos están correlacionados coas ilustracións que se mostran. Hai que dicir que estes textos van máis ben dirixidos a cativos e cativas con unha certa bagaxe na lectoescritura, pois non están adaptados para os máis pequenos/as.
O contido da obra está narrado en primeira persoa. O que fala é un neno chamado Francisco, que vai explicando ónde están situados diferentes lugares con respecto a súa ubicación e a complexidade de localizar lugares que están máis lonxe, o cal lle plantexa moitas dúbidas.

Potencialidades: esta obra ten como principal obxectivo que os nenos e as nenas se inicien na aprendizaxe da localización espacio-temporal do contorno que os rodean. Ensinarlles este aspecto ten especial relevancia no seu desenvolvemento cognitivo e psicomotriz, pois é indispensable para saber quenes son e cal é a súa ubicación no mundo, ademais de para saber da existencia doutros lugares que non se atopan preto deles. Oriéntaos para crear unha representación mental do seu contorno e que así poidan lograr situarse e encontrar obxectos, persoas, lugares… Ademais, todo isto presenta unha gran complexidade para as meniñas e meniños, e iso é algo que tamén reflicte esta obra cando o protagonista amosa unha gran confusión ao intentar entender que poida haber outras cidades a parte da súa, que as cidades están dentro de países e que os países xunto co mar forman a terra. Neste sentido tamén o neno fai unha alusión  ao feito de que os adultos pretenden facer entender estes conceptos aos máis pequenos e pequenas dunha forma moi acelerada, o que tampouco resulta doado na súa aprendizaxe, pois está claro que teñen ir resolvendo incognitas coma estas, pero tamén hai que axudarlles a facelo atendendo ao seu proceso de desenvolvemento e ao seu ritmo de aprendizaxe para procurar non sobrecargalos.
Por todas estas razón é importante que dende a infancia se vaian adquirindo estes coñecementos, pero sempre de forma progresiva, pois é un contido de aprendizaxe básico para a vida e esta obra pode ser un bo recurso para facelo.
Por último, tamén gustaríame dicir que as propias ilustracións constitúen de por sí outra potencialidade, pois poden ser unha boa forma de achegar aos pequerrechos e pequerrechas ao mundo da arte nas súas diferentes representacións a través de diversas técnicas que se comentaron no apartado anterior. É importante destacar isto porque pode fomentar a creatividade e a imaxinación. Tal e como comentan Blanca-Ana, Isabel Soto e Marta Neira  (2011) na publicación O álbum na literatura infantil e xuvenil (2000-2010), “o emprego de álbums  con imaxes de calidade”, como é esta obra, “achega o mundo da arte á infancia e serven para pór ao seu alcance técnicas artísticas moi variadas. Deste xeito, os nenos introdúcense na linguaxe visual e valoran a capacidade narrativa que teñen as imaxes e, posteriormente, poderán desenvolvela nas súas propias expresións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario