Amosando publicacións coa etiqueta roles de xénero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta roles de xénero. Amosar todas as publicacións

mércores, 29 de abril de 2020

A princesa Sabela


Ficha bibliográfica
FUNKE, Cornelia (1997). A Princesa Sabela, Ilust. Kerstin Meyer, trad. Mª Xesus Bello Rivas. Vigo: Edicións Xerais Galicia.[ 32 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-212-8). 
Descrición do formato e contido: Álbum ilustrado narrativo con texto orixinal en alemán de Cornelia Funke, traducido ao galego por María Xesus Bello Rivas e ilustrado por Kerstin Meyer. A súa encadernación é de cartón. A cuberta presenta á princesa Sabela feliz, as súas irmáns asombradas, ao rei enfadado por algo e a algúns traballadores da corte do rei. Na contracuberta presenta a sinopse da historia con Sabela triste mirando a lúa e un porquiño sorprendido. As gardas son sinxelas posto que son raiadas cunhas coroas no medio. As ilustracións son moi coloridas, cuns trazos rechamantes e detallados. A historia é maiormente dialogada, aínda que en ocasións intervén un narrador heterodiexético, o cal explica pequenos detalles que acontecen na obra.
En canto ao contido, transcorre nun castelo, nunha época distante, na cal se nos narra a historia de Sabela, unha das tres fillas do rei. Sabela, leva a vida de calquera princesa, viste con fermosos vestidos e coroa e fanlle todo canto ela queira. Pero Sabela non está contenta coa súa vida, Abúrrese sendo princesa! Polo que tira coa súa coroa e o pai castígaa facendo as tarefas do castelo, dándolle de comer aos porcos, facendo o xantar, fregando a louza, por fin Sabela é feliz e descobre moitas cousas que non coñecía, por exemplo como se fai a marmelada e moitas outras cousas. O rei enfádase moito con Sabela, pois non quere que ande tan desastrada, pero finalmente acaba entendendo que a felicidade da súa pequena Sabela é descubrir cousas novas.
Potencialidades educativas: A lectura desta obra permite traballar temáticas como os roles de xénero, os arquetipos literarios das princesas e o seu cuestionamento, ao ofrecer unha subversión dos roles atribuídos a estes personaxes e actualizalos.
Recursos educativos:
Experiencia con Contacontos no CEIP Lamas de Abade http://bibliotecalamas2.blogspot.com/2012/03/princesa-sabela.html (consultado o 22/4/20)

A derradeira Cincenta


Ficha bibliográfica
MATHIEU, Renada (1992). A derradeira cincenta. Ilust. Francesc Salvá. Vigo: Ir Indo Edicións, col. O Parrulo, [26 pp.]. (ISBN 84-7680-094-0).
Descrición do formato e do contido: Libro ilustrado con texto de Renada Mathieu e ilustracións de Francesc Salvá. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta presenta a súa protagonista facendo algunhas tarefas do fogar. A contracuberta non é significativa da historia, senón que presenta un cadro con todas as obras literarias incluídas na colección “O Parrulo”. As gardas son completamente brancas sen ningunha imaxe. As ilustracións son moi sinxelas e con formas algo irregulares.
En canto ao contido xira arredor de Iria, a pequena de seis irmáns. Na historia Iria conta como día a día ten que facer todas as tarefas do fogar e mais coidar de todo aquilo relacionado cos seus irmáns: limpar os zapatos de Pepe, facerlle os deberes a Paulo, pasar o ferro as camisas, preparar o almorzo, saír a comprar o periódico etc. Todo isto ata que un día Iria cansa e todo comeza a cambiar.
A obra ten un narrador en primeira persoa, xa que e a propia protagonista a que vai narrando o transcurso da historia.
Potencialidades educativas: Con esta obra da literatura infantil pódese traballar os estereotipos relacionados cos roles de xénero dende o punto de vista dunha nena, encargada de coidar e facer todo a seus irmáns. O seu relato serve para reivindicar a necesidade dun reparto equitativo e equilibrado das tarefas no seu do fogar. Iria representa a experiencia de moitas xeracións de mulleres, educadas na responsabilidade e coidado dos outros dende moi pequenas. Coñecer estas historias permite analizar con ollada crítica a realidade e cuestionarnos sobre as actitudes, os usos e costumes máis arraigados na sociedade tradicional. Coñecer é o primeiro paso para erradicar e con lecturas coma esta podemos facer que os nenos interioricen dende idades temperás que os labores do fogar non son propios dunha muller, senón que todos e todas temos que colaborar neles.

luns, 27 de abril de 2020

Una princesa de diferente color



LÓPEZ, S. y HERRERUELA, P. (2019). Una princesa de diferente color. España: Excellence Editorial, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-120105-4-1).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con tapas duras feitas de cartoné, consta de 28 páxinas e conta cun tamaño de 21x21 centímetros. Este conto é recomendado para idades a partir dos 3 anos. Na cuberta aparece unha nena, que é a protagonista e narradora da obra, vestida cun vestido rosa e cunha coroa encima do seu cabelo castaño, simulando un vestido de princesa, sobre un fondo azul celeste. Na contracuberta aparece a sinopse da obra sobre un fondo azul celeste igual ao da cuberta. Tanto a cuberta coma o título dannos información sobre o tema da obra. En canto ao contido da obra podemos apreciar que as ilustracións se cinguen a cada páxina individual, que son de estilo figurativo, con todo tipo de cores, aínda que a predominante é a cor rosa. Pódense destacar as expresións faciais dos personaxes, pero sobre todo da protagonista e do seu pai, que ademais, están presentes en todas as páxinas da obra.
O texto é sinxelo e con frases doadas para a comprensión do alumnado. Os roles de xénero compoñen o tema central da obra, na cal, segundo o pai da protagonista, todas as princesas teñen que vestir cun vestido rosa e ver filmes de príncipes encantadores, feito que a súa avoa nega. Polo tanto a protagonista cómpralle uns lentes “diferentes” ao seu pai e comeza a vela como realmente é. Así, a protagonista consegue vestir e facer o que máis lle gusta, como debería facer todo o mundo, independentemente do sexo de cada un.


Potencialidades: a lectura desta obra permite traballar cos nenos e nenas máis pequenos e pequenas os roles de xénero, para eliminar actitudes e estereotipos vinculados ao sexo, e que seguen vixentes na sociedade actual, sobre todo na vestimenta durante a infancia. Tamén se poden traballar outras temáticas como os xogos, as habilidades, as actividades de ocio, así como as profesións e as aspiracións de cada un ou o aspecto físico.

Recursos:
Aprenderconellos (2020). Una princesa de diferente color. Recuperado de: https://www.instagram.com/tv/B-wHsQ-pusr/?utm_source=ig_web_copy_link (consultado o 26/4/2020).


xoves, 23 de abril de 2020

Unha feliz catástrofe





TURIN, Adela (2014). Unha feliz catástrofe, Ilus. Nella Bosnia. Pontevedra: Kalandraka Editora, [40pp.]. (ISBN: 978-84-8464-888-8).

Formato e contido da obra:
Este libro é un álbum ilustrado narrativo con texto de Adela Turin e ilustracións de Nella Bosnia. A súa encadernación é de cartón. A cuberta e a contracuberta presentan unha relación entre ambas xa que nos mostran a unha familia de ratos, os cales van enriba dunha mesa que está dada a volta e enfróntanse todos xuntos a un naufraxio. Na contracuberta ofrécese un breve texto orixe deste texto e o obxectivo de fomentar a coeducación e a igualdade entre homes e mulleres. As gardas tanto as comezo como as do fin son iguais, mostran a oito ratos todos colocados en fila uns detrás doutros, mentres que a portada acolle os mesmos datos cá cuberta, o título, o nome da autora e da ilustradora, así como a editorial, acompañados dunha imaxe de dúas ratiñas, unha está escribindo nunha libreta e a outra debuxando nun folio. A maior parte das ilustracións ocupan a dobre páxina. Son de carácter realista e mostran como era a vida desta familia de ratos e a catástrofe á que se tiveron que enfrontar.
O contido do libro xira ao redor dunha familia de ratos ós cales lles sucede unha catástrofe no tobo no que viven. O pai cando chega do traballo o único que desexa e tirar no sofá, ler o xornal tranquilo e escoitar e radio, mentres que a nai fai a cea durante toda a tarde xa que o seu marido tiña un padal refinado e sempre tiña algunha queixa que poñerlle. Un bo día un mar de auga entrou polo tobo, a nai rata é a que rescata a todos os seus fillos e agóchanse nun caixón que encontran. A nai mais ou seus fillos comezan a experimentar novas aventuras para descubrir un tobo para vivir e este cambio carrexa tamén un cambio nos roles familiares, pois a partir de entón o pai adopta unha actitude máis colaborativa no fogar.
A historia conta na maior parte do seu transcurso cun narrador heterodiexético, o cal vai situando ao lector nos diferentes escenarios do libro e tamén podemos atopar algún diálogo. Este álbum ilustrado foi traducido á lingua portuguesa co título de Uma feliz catástrofe, á lingua vasca co título de Zorioneko hondamendia, á lingua catalá co título de Una catàstrofe afortunada e á lingua castelá co título de Una feliz catástrofe pero o título orixinal deste álbum ilustrado é Una fortunata catastrofe.

Potencialidades educativas
A lectura deste álbum ilustrado nunha aula de educación infantil permite reflexionar sobre as situacións familiares que se poden chegar a vivir. Axuda a ensinarlles aos máis pequenos a importancia dos valores como son a coeducación e a igualdade de xénero entre os homes e as mulleres. Tamén axuda a que nenos e nenas entendan que a implicación familiar ten que ser equilibrada entre todos os membros que a conforman.

Recursos educativos
Adaptación del conto de Adela Turin, Una feliz catástrofe, ilustrado por los alumnos/as de 1º de primaria del CEIP Nosa Señora das Dores (Forcarey) - https://www.youtube.com/watch?v=YxgBdh6KRYo (consultado o 22/4/20)
Cuento corto para niños Una feliz catástrofe - https://www.youtube.com/watch?v=phKnXI01Dz0  (consultado o 22/4/20)

mércores, 22 de abril de 2020

Maruxa



  • Referencia bibliográfica:

Mejuto, Eva (2014). Maruxa, ilust. Mafalda Milhões. Pontevedra: OQO, col. Egalité, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-490-6)

  • Breve descrición do formato e do contido: 

Album ilustrado escrito por Eva Mejuto e ilustrado por Mafalda Milhões. Orixinalmente, este álbum, está baseado nunha canción popular polaca chamada “Maryna gotuj pierogi”. O libro é cadrado e de tapa dura de cartoné, tamén conta cun total de 28 páxinas. Na cuberta atópase a figura representativa de Maruxa con distintos materiais para elaborar pan como fariña, culleres, sal, báscula etc. Destaca o título do álbum, que remite á protagonista, en letras de cor vermella maiúsculas, enriba do que aparecen os nomes da autora e da ilustradora, mentres que na parte central está o nome da editorial. Na contracuberta atópase o debuxo de Maruxa e o seu marido Pepiño xunto co can de ambos, sentados nunha manta no campo comendo pan.
O conto está narrado en terceira persoa e escrito en versos de seis sílabas porque busca manter o ritmo orixinal da canción. As ilustracións son figurativas, véselle na cara aos protagonistas as emocións que senten. Maruxa é una muller que aparece modernizada para a súa idade porque atopamos dispositivos electrónicos nas ilustracións. Xoga cos tons da paisaxe, dende o ceo á mañá cedo como á noitiña. Maruxa é unha señora que decide darlle unha lección ao seu marido. El pasaba o día na cama e facendo o folgazán e ela era quen cociñaba, cosía e facía os labores da casa, ata que un día todo cambiou: Pepiño pediulle a Maruxa que lle fixera o almorzo e ela, con retranca, decidiu darlle unha lección. Ao final Pepiño rematou axudando a súa muller a facer o pan.

  • Potencialidades educativas: 

A lectura deste álbum permítenos traballar os roles de xénero, de como a muller traballa na casa e fóra dela. Así como tamén a distribución das tarefas da casa no ámbito da familia, vendo que é a muller a que se encarga de todas as tarefas e como o home lle esixe dende o sofá que faga o pan. Destácase tamén o traballo en grupo ou neste caso en parellas, vendo que se cada membro aporta o seu traballo se pode atopar un equilibrio entre os membros da familia. Esta obra tamén permite traballar a linguaxe, especialmente pola forma rimada e as reiteracións, recurso moi eficaz para a aproximación lúdica á lectura dos máis cativos.

  • Recursos educativos:

“Stop motion” do CEIP Do Carballal de Marín https://www.youtube.com/watch?v=VuX6KG472qc. Publicado o 9 de maio de 2019 (consultado o 4 de abril do 2020)

luns, 13 de abril de 2020

Unha feliz catástrofe


Turin, A. & Bosnia, N. (2014). Unha feliz catástrofe. Pontevedra: Kalandraka (ISBN: 978-84-8464-888-8).

Descrición do formato e do contido: Unha feliz catástrofe é un álbum ilustrado con tapas duras feito de cartoné. O texto é de Adela Turin e as ilustracións de Nella Bosnia. Ten un tamaño de 21x27cm. É un conto recomendado para nenas e nenos a partir dos 5 anos. A cuberta e contracuberta forman unha única imaxe, vista desde perspectivas diferentes e complementarias, cuxos protagonistas son os membros dunha familia de ratos enriba dunha mesa que frota na auga que orixinou a catástrofe. Na parte superior da cuberta aparecen os nomes da autora e ilustradora, así como o título en letras brancas e claras, mentres que na contracuberta se ofrece unha breve sinopse da historia narrada.

O álbum narra a historia dunha familia de ratos na que a nai desempeña o rol de ama de casa, mentres que o pai vai ao traballo e cando chega á casa non colabora nas tarefas do fogar. Un día a casa inúndase e a nai encárgase de pór a salvo aos seus fillos, xa que o pai estaba traballando. Cando o pai chega segue as súas pisadas e atópaos dentro dun caixón durmindo. A partir de aí todo cambia. Agora é a nai a que sae en busca dun novo fogar, o pai faise cargo das tarefas da casa e os fillos parecen ser máis felices. As ilustracións a toda páxina caracterízanse por ser moi detalladas e ampliar a información do texto, de modo que propician unha lectura visual activa.
Este conto ensínanos a importancia de colaborar nas tarefas do fogar toda a familia e que os máis pequenos medren observando modelos de conduta máis equitativos, nos que se poña en valor a igualdade. O texto é sinxelo e cunha estrutura lineal, breve e cun vocabulario moi sinxelo. O tema central é o cambio dunha vida monótona a outra chea de aventuras, provocadas en boa medida polo cambio de roles na familia. O que comeza sendo unha catástrofe acaba converténdose nunha nova experiencia vital.

Potencialidades do conto: a lectura deste álbum ilustrado propicia a reflexión sobre os roles de xénero e tamén sobre a importancia da familia na nosa educación. Coñecer experiencias coma esta permite analizar o papel que cada membro da familia asume no ámbito doméstico, comparar coa realidade que nos rodea e cuestionar aquelas actitudes que deben ser melloradas. Outro aspecto importante da obra é que nos pon fronte aos imprevistos que poden xurdir nas nosas vidas e provocar cambios profundos. Neste sentido, a obra permite valorar o que temos, ser conscientes do que é realmente importante e tamén pensar que todo pode mudar por moitas circunstancias, o que ten que desenvolver a empatía, a solidariedade e a comprensión cara a quen padece estas circunstancias. 

Traducións/premios: a obra está traducida á lingua galega por Xosé Ballesteros. Forma parte da serie escrita por Adela Turin co título xenérico de “A favor das nenas”. Esta colección converteuse nunha referencia para a coeducación e a igualdade.

Recursos
Bibliofranza (2014). Unha feliz catástrofe. Lectura dramatizada por parte do alumnado do conto de Adela Turin. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=GJzR69l-73I (consultado o 9/3/20). 

O libro dos porcos




·         Referencia bibliográfica:

Browne, Anthony (2006).O libro dos porcos, traduc. Xosé Manuel Barreiro González. Pontevedra: Kalandraka, col. Egalité, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-571-9).

Breve descrición do formato e do contido:

Álbum ilustrado escrito e ilustrado por Anthony Browne e traducido ao galego por Xosé Manuel González Barreiro. O libro é cadrado e de tapa dura e conta cun total de 40 páxinas. Na cuberta atópase unha foto da familia protagonista da historia composta por unha nai, un pai e dous nenos varóns. É unha capa sinxela co título en letra grosa na parte superior e o nome do autor e a editorial na parte inferior, ambos datos centrados enriba e debaixo da foto. Na contracuberta atópase o debuxo dun pezuño dun porco suxeitando unha nota que pon “Sodes uns porcos”. Na parte superior dereita aparece escrito “Tras os montes” destacando a palabra “montes” en grosa e cursiva e, por último, no estremo inferior dereito encóntrase o código de barras. Dentro do libro, na primeira páxina, o autor escribe unha dedicatoria “Para Julia” con dous porcos con ás voando.
As ilustracións deste álbum son figurativas e predominan na primeira páxina as cores vivas, un cromatismo que vai mudando cando se comeza a falar da nai cara a unha cor amarela e de ton apagado. En cambio, cando aparecen todos os homes volven as cores máis vivas.
Ao principio do conto os protagonistas teñen cara de ser humano pero despois de que a nai deixara a nota na que puña “sodes uns porcos” o pai e mais os fillos transfórmanse en porcos.
A historia é narrada en terceira persoa aínda que existen diálogos e nela cóntase a vida dunha familia na que a nai é a que realiza todos os labores da casa e traballa tamén fóra, mentres que o pai e os fillos lle protestan dende o sofá. Un día, cansa da situación, decide marchar. A partir de entón os homes da familia descobren que non saben facer nada: non saben como cociñar, como limpar e só facían preguntar pola nai e rogar que volvera. Un día a nai volveu á casa e eles pedíronlle perdón e rogaron que nunca máis se fora, ademais de comprometerse a que a partir dese día todos farían os labores do fogar.

Potencialidades educativas:

Coa lectura deste álbum podemos traballar cos nenos e coas nenas as relacións familiares, os roles de xénero e as relacións de dependencia afectivo-emocional nas familias. O simbolismo das imaxes na obra contribúe á toma de consciencia sobre actitudes machistas, asentadas en estruturas patriarcais nas que os homes non axudan na casa e é a muller a encargada de todo. Abordar estas relacións desequilibradas permite tamén reflexionar sobre a autonomía de cada membro da familia e a importancia de colaborar. Tamén podemos traballar o respecto, a empatía e o afecto, pois non se percibe maldade nos protagonistas homes, senón actitudes acomodaticias e pouco empáticas cara á persoa que o fai todo, a nai, carga de traballo e dependencia da que toman consciencia cando ela marcha. Fomentar unha visión coeducativa e de roles de xénero máis equitativos permite desterrar prexuízos sobre as tarefas que deben ou non facer cada un dos xéneros.

Recursos educativos:

Conto narrado polos alumnos e alumnas de 6º do CEIP Cabanas-Salcedo. https://www.youtube.com/watch?v=EZyzLw7ASMc. Publicado o 27 de novembro do 2015 (consultado o 1 de abril do 2020)


sábado, 11 de abril de 2020

El Libro Violeta más allá del Rosa y el Azul



Romero, Cristina (2017). El Libro Violeta más allá del Rosa y el Azul, ilust. Francis Marín. Tenerife: OB STARE, col. Letritas de amor, 22, 56 p. (ISBN: 978-84-946907-6-1).

Descrición do formato: Cristina Romero Millares é unha escritora catalá. As súas obras máis vendidas son as pertencentes á colección “Cuentos en Tribu”, e o libro violeta pertence a esta. As ilustracións foron o resultado do traballo de Francis Marín. Atopámonos ante un álbum ilustrado fabricado en cartoné e composto por 56 páxinas. A lingua na que foi escrito é a castelá e está recomendado para nenas e nenos que teñan máis de tres anos. 
As cubertas caracterízanse por estar tinxidas de violeta, como todo o libro, pero en diferentes tons. Na cuberta atopamos, na parte posterior, o título en branco e en minúsculas. A caligrafía lembra a textos antigos, xa que as letras son estreitas e alongadas. Debaixo destas, está o nome da autora e do ilustrador. Un debuxo ocupa a maioría do espazo. Na parte central, atopamos un mandala con motivos xeométricos, que podería pertencer a algunha tribo. O bordo do mesmo está composto por moitas bolboretas, que forman un círculo. Nos dous laterais están trazadas dúas figuras, que recordan aos incas ou aos indios. Probablemente representen aos últimos, xa que o contido do libro está relacionado con eles. A parte central do mandala está oculta xa que a figura dunha persoa non deixa que a desvelemos. Este ser humano podería ser un home ou unha muller, pero polos xenitais, parece do sexo feminino. Podería ser unha nena polos seus trazos e polas proporcións do seu corpo. Esta persoa está espida, tan só leva pendurada unha capa violeta, un diadema de plumas e un bastón (que semella ser de mando), ambos da mesma cor. A nena ten debuxada unha expresión alegre e calmada, transmite paz e confianza. Na parte inferior da cuberta atopamos o nome da editorial que deu vida ao conto e o seu logotipo. 
Se lle damos a volta ao libro, na parte superior, atopamos o nome da colección á que pertence e un anaco do texto, cuxas letras son brancas e minúsculas. Cun fino trazado negro, retratáronse a cinco persoas de diferente sexo, idade, altura e trazos. No centro está a nena da cuberta e está rodeada por persoas que tamén transmiten sosego e confianza. Todas se apoian unhas nas outras, o que simboliza o compañeirismo e ese sentimento de tribo. Catro destas figuras levan plumas na cabeza, xa que son indios e indias. Pero son persoas moi diferentes, como quere reflectir este libro. As súas pernas e os seus pés semellan estar en harmonía coa herba que se mestura cos seus corpos, xa que outro trazo que acompaña a esta cultura é o contacto e respecto pola natureza. Na parte inferior da contracuberta tamén atopamos a páxina web da editorial co seu logo. 
As gardas do libro son case iguais. Sobre un fondo lila, debúxanse espirais, ramas, flores, estrelas e follas. Todos os elementos conforman unha ilustración que as cubre. No centro das páxinas, atópase unha bolboreta de gran tamaño, cuxas ás se integran co estampado. Este animal está asociado á beleza e á liberdade. Como veremos, ese último substantivo é a meta á que quere chegar a autora con este conto. Ao amor e á liberdade. O mesmo pasa nas gardas do final, nas que a maiores atopamos os libros que nese momento conformaban a colección “Cuentos en Tribu” co seu respectivo resumo. Tamén a rede social, neste caso Facebook, do propio libro e a foto dunha axenda realizada pola autora, baseada en “El libro Rojo de las Niñas”.
Se pasamos a páxina das gardas do principio, atopámonos cunha mensaxe que deixan a autora e o ilustrador. Trátase dunha dedicatoria que marca o sentido da obra: “A la diferencia, a la diversidad, que tejen este mundo. Al amor”. Esta frase, escrita en letras malvas, está sobre un fondo branco cuxa textura se difumina cun leve ton lila. Ademais, tamén debuxaron vexetación. A portada é moi similar á cuberta, só que cambian as cores. A gama cromática segue sendo violeta, pero desta vez o fondo componse por ese branco que describín antes. O título escribiuse en negro menos a palabra “rosa” e “azul”, que están tinguidas coas súas respectivas cores. Á esquerda, atópanse os datos bibliográficos do libro e a información de que está impreso en papel ecolóxico. A obra en si, segue esta gama cromática e o mesmo estilo de ilustración. O texto está escrito en minúsculas, cuxo tamaño non é demasiado grande.

Contido: Como se di no libro, gran parte do noso destino estará sesgado polo simple feito de nacer cun tipo de xenitais ou outro. De feito, incluso antes do parto isto xa comezará a afectarnos. A roupa que nos merca (se pode) a nosa familia, os xoguetes, a decoración da habitación… rosa ou azul. O título reflicte que debemos ir máis alá dos convencionalismos. Deixar atrás os estereotipos de xénero. Presenta ao violeta case coma esa cor redentora. Este ton representa o feminismo, que loita pola supresión das cadeas das mulleres, porque somos as máis afectadas do tecido patriarcal. 
O conto di que os indios, que representan unha tribo equilibrada, libre e amorosa, escollían a roupa dos seus bebés para que fose neutral e cada un, independentemente do seu sexo, se puidese desenvolver como persoa. Condena os “moldes” aos que estamos sometidas e sometidos, pero lanza a mensaxe esperanzadora do amor. “El amor no necesita que te definas. Ni que te cubras de ninguna etiqueta”. Convida a que o busques alá onde te sintas ben, onde non escondas quen es. Onde non te maltraten. Contra a opresión dos estereotipos, Cristina promulga a diversidade como algo positivo e necesario, sen necesidade de aplicarse unha etiqueta que nos condicione.
O texto é claro, as frases que emprega son curtas. Non hai diálogos, tan só unha narración que se dirixe á lectora/lector en diferentes persoas, ás veces en primeira do plural (“desde que nacemos…”) e outras en segunda persoa do singular (“la vida quiere que la pintes…”). Isto fai que o texto sexa máis próximo e emotivo, xa que apela directamente ao lector. Non conta unha historia en si, senón que describe unha situación, a do noso mundo. Emprega metáforas como “Que la transformes (á vida) con la fecunda sintonía de tu propio camino”. Este tipo de  afirmacións gardan un coidado simbolismo. 
As ilustracións acompañan ao texto dun xeito exquisito. Todas están debuxadas sobre un fondo violeta, máis ou menos escuro. Esta cor é a única presente, pero en diferentes tonalidades, feito claramente simbólico. Atopamos moitos tipos de planos: enteiro, cenital, medio, detalle… A maioría de debuxos ocupan só unha, pero hainos que están a dobre páxina. O trazado dos contornos é fino, coma se un lapis desvarara por eles. As persoas que se representan son moi diversas, aínda que coa mesma cor da pel (lila). Na gran maioría das ocasións están núas, simbolizando así o seu estado de natureza máis primitivo e o seu amor pola terra. Estas persoas son indias, como podemos observar pola plumaxe dalgunhas cabezas, polo contacto permanente coa natureza, polo espírito de tribo que transmiten… As facianas delas son bastante calmadas, sen excesivos trazos, pero moi eficaces na transmisión de estados. Eu diría que paz, calma e benestar. Hai imaxes simbólicas como unha na que se pode observar un bebé humano como xermolo dun mundo novo, ao carón dunha toupa que por fin sae do toco. 

Potencialidades: Con este conto pódense tratar moitos temas. Para comezar, o principal son os estereotipos. Poderíamos estar ante unha proposta de abolición do xénero, xa que como dixo Simone de Beauvoir, o xénero é unha construción social, polo tanto está nas nosas mans mudar eses moldes. No conto dise que non nos podemos deixar coartar nin influenciar por estas etiquetas. Cada persoa, independentemente de se ten vaxina ou pene, debería poder vestir, xogar, relacionarse como queira (sempre sen atentar contra os dereitos da outra). Isto debemos transmitirllo ás novas xeracións para que pouco a pouco nos libremos desta lastra e poidamos ser máis libres e, polo tanto, máis felices. A autoestima é outro punto a tratar xunto coa aceptación de nós mesmas. Dende Educación Infantil é moi importante que traballemos o autoconcepto para que as crianzas se desenvolvan do mellor xeito posible, cousa que afectará ao ámbito académico e á súa privacidade. Unha boa saúde mental comeza estando en paz con nós mesmos. O libro lanza mensaxes como “eres extraordinario (...) eres un milagro”, as cales nos dan pé para traballar o anteriormente mencionado. Por último, incluso poderíamos tratar a violencia de xénero ou en xeral, depende de como o enfoquemos. O conto anima a buscar un lugar onde poidamos ser nós e que non nos quedemos onde doe ou onde nos amen sen condicións. Debemos transmitir esta mensaxe a nenas e nenos, o amor non doe. A túa parella non che pode facer dano, outra cousa é que a vida nos presente moitos paradigmas, tanto bos coma malos, pero “quien bien te quiere, NO te hará llorar”. Se lle inculcamos o contrario ás crianzas, crearán nas súas cabezas unha imaxe de amor tóxico, chegando no peor dos casos a normalizar a violencia no ámbito da parella.


xoves, 9 de abril de 2020

A Familia C





BRUNO, Pep (2010). A Familia C, III Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados en 2010, Ilust. Mariona Cabassa. Pontevedra: Kalandraka Editora [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-740-9).

Formato e contido da obra:
Este libro é un álbum ilustrado con texto de Pep Bruno e ilustracións de Mariona Cabassa. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta observamos as extremidades inferiores de tres persoas, un gato negro con botas nas súas patas e unha muller con un sombreiro vermello agarrando un globo onde aparece a letra C, a cal podemos identificar con diferentes palabras que coñezamos, como poden ser circo, cor, conto ou outras máis. En cambio, na contracuberta o único que se observa son cinco cuncas de café unha enriba das outras. As gardas deste libro tanto as do comezo como as do fin son de cor vermella, o que se pode relacionar co sombreiro da muller que aparece na cuberta. En canto á portada cabe mencionar que aparecen o título do álbum ilustrado, o nome do autor e do ilustrador, así como a editorial e un dos premios que ganou.
As ilustracións deste álbum ocupan a páxina completa. A maioría das ilustracións son de carácter fantástico xa que vemos nunha delas como saen persoas voando como se fosen heroes. Mostran as diferentes actividades que van ir facendo os protagonistas ao longo da historia.
O contido do libro xira ao redor dunha familia formada por un pai, unha nai e o seu fillo aos cales lles gusta moi o circo. Conta como é o seu día tódalas mañás, o pai é o que fai o almorzo, mentres que a nai le o xornal. A nai traballa nun hospital e o pai é modisto e cando rematan de traballar van buscar ao seu fillo ao colexio para saír rápido e acudir ao seu espectáculo preferido, o circo. De aí que apareza a letra C como referencia a esta familia, de gran espírito circense. A historia conta en todo o seu transcurso cun narrador en primeira persoa, o cal vai situando aos lectores nos diferentes escenarios do libro. O texto deste álbum é fácil de ler e de entender para todos os nenos e nenas a partir de 2 anos.
Este álbum recibiu o III Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados en 2010. Foi traducido á lingua castelá co título de La Familia C, á lingua portuguesa co título de A Familia C, á lingua catalá co título de La Família C, á lingua inglesa co título de The C Family, á lingua vasca co título de Z Familia e á lingua italiana co título de La Famiglia C.

Potencialidades educativas
A lectura deste álbum ilustrado nunha aula de educación infantil permite reflexionar sobre os roles de xénero, plasmados neste pai e a nai teñen roles de xénero dentro do seu fogar diferentes ás tradicionais. A lectura visual e textual da obra tamén nos axuda a ensinarlles aos máis pequenos os diferentes tipos de profesións que hai e como tanto homes como mulleres poden desenvolver cada unha desas profesións, como é o caso desta familia na que a nai traballa nun hospital e o pai é modisto.

Recursos educativos
Fernández Etreros, C. (2010). La familia C. Recensión da obra. En https://www.culturamas.es/2010/12/22/la-familia-c/ (consultado o 9/4/20).
Nicolás, R. (2010). “A familia C’ de Pep Bruno e Mariona Cabassa”, Caderno da

xoves, 2 de abril de 2020

Los pendientes que perdí



Alonso, Sandra (2019). Los pendientes que perdí, ilust. Cintado G. Cristina: Barcelona: Carambuco, col. Egalité, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-17766-11-5).

Breve descrición do formato e do contido:
Álbum ilustrado escrito por Sandra Alonso e ilustrado por Cristina G. Cintado de tapa branda, que conta con 28 páxinas. O seu formato é rectangular. Tanto a cuberta como a contracuberta son de plástico brando. Na cuberta aparece  título destacando con letra máis grande as palabras “pendientes” e “perdí” así como a ilustración dos dous protagonistas da historia, onde o neno aparece cunha coroa e a nena cun parche de pirata e varios xoguetes polo chan. Debaixo do título atopamos o nome da autora e da ilustradora e un pouco máis abaixo, á dereita, o nome da editorial. Na contracuberta encóntrase un debuxo dunha ventá onde por riba desta aparece escrito “Emma y Jorge son amigos y a los dos les encantan los pendentes”, destacando a palabra “amigos” en cor rosa e a palabra “pendientes” en cor azul. Por debaixo do debuxo da ventá, á dereita, está escrito “Un cuento que habla de amistad e igualdad” e máis abaixo os datos do libro co nome da autora e ilustradora, ano de edición, editorial, ISBN e contacto da editorial.
As ilustracións deste álbum son figurativas e caracterízanse pola variedade de cores. Cando se está a falar da nena e de como é predomina a cor rosa e cando fala do neno predomina a cor azul, isto vese reflectido nas habitacións de cada un. A habitación de Jorge é azul e ten xoguetes de coches e un cadro dun superheroe, en cambio, na habitación de Emma predomina o rosa e no seu cadro aparece unha princesa e os seus xoguetes son bonecas e cociñas. Cando ambos aparecen na páxina abundan todas as cores, incluso o rosa ou o azul. A tipografía empregada é unha letra clara sen nada que destaque. A historia está narrada en primeira persoa, a narradora deste conto é Emma, unha das protagonistas. Ela conta como a Jorge lle encantan os seus pendentes pero os pais deste non aceptan que ao seu fillo lles gusten. Cando coinciden no parque, Emma sempre lle presta un dos seus pendentes a Jorge para que poida ser quen queira ser. Co paso do tempo a amizade entre Emma e Jorge segue sendo como cando eran pequenos.

Potencialidades educativas:

Con esta historia podemos traballar a igualdade de xénero e a amizade incondicional entre un neno e unha nena. Reflexionar sobre os condicionamentos de xénero, os estereotipos e prexuízos sociais que cuestionan a liberdade das persoas e de nenas e nenos en particular por parte dos maiores. Tamén é unha boa lectura para analizar a importancia da amizade e da influencia das familias nas nosas vidas, das que emana a fortaleza e autoestima. É de sinalar tamén que con esta obra se poden analizar os gustos persoais e as afeccións, especialmente a través dos complementos que portan os individuos en diferentes culturas, fixándose nos seus significados e como estes foron mudando ao longo da historia.

Recursos educativos:

Videoreseña da propia autora Sandra Alonso “Los pendientes que perdí”, en https://www.youtube.com/watch?v=5yziqhIp62s publicado o 23 de outubro do 2019 (consultado o 27/03/2020).

mércores, 1 de abril de 2020

Mi Princesito




KILODAVIS, Cheryl (2015), Mi princesito, Ilust. Suzzane Desimone. Trad. Raquel Platero. Barcelona: Bellaterra Ediciones. [32 pp.] (ISBN 978-84-7290-701-0)
Descripción del formato y contenido: álbum ilustrado con el texto original en inglés de Cheryl Kilodavis, traducido al castellano por Raquel Platero e ilustrado por Suzzane Desimone. Su encuadernación es de cartón. En la cubierta presenta al protagonista de la historia con su corona, su vestido y una varita mágica, todo sobre un fondo rosa. En la contracubierta se nos muestra una pequeña explicación del origen de esta lectura junto a la foto de una cuarta parte de la cara de una crianza. Las guardas no son más que un fondo rosa tanto por delante como por detrás. Las ilustraciones son a toda página y un tanto peculiares, ya que presentan a los personajes sin rostro, esto permite al lector el poder identificarse con cada uno de los personajes que aparecen en la historia.
En cuanto al contenido, está basado en una historia real y gira alrededor de un niño al que su mamá llama cariñosamente “mi princesito” de cuatro años, al que le gusta jugar a ponerse vestidos, le encanta el color rosa y bailar como una bailarina. Su hermano juega al fútbol y a béisbol, pero también baila con él. Su padre también acepta que a princesito le gusten los vestidos y le anima diciéndole que está muy guapo con ellos. Pero no todo el mundo lo ve con normalidad, pues en ocasiones algunas personas se ríen de princesito por llevar vestidos y corona.
La historia tiene un narrador heterodiegético, que presenta al protagonista al comienzo de la historia, y según va avanzando va contando todo aquello que pasa alrededor del protagonista hasta llegar al final de la obra con una reflexión sobre los prejuicios de la sociedad. En alguna ocasión hay un pequeño diálogo en forma de pregunta por parte del protagonista, al que contesta el propio narrador. 
Potencialidades educativas: Gracias a esta obra literaria infantil podemos trabajar de forma muy significativa los estereotipos sobre roles de género en educación infantil. Con la lectura de “Mi princesito” podemos reflexionar con los niños que cada uno y una es libre de expresar sus gustos y preferencias y que nadie tiene derecho a burlarse o ser insultado por ello. Este libro también da pie a trabajar la empatía en las aulas, puesto que es fundamental desarrollar esta capacidad desde edades tempranas, ya que forma parte del correcto desarrollo de la regulación emocional. También nos pone sobre la mesa el amor incondicional de las familias. Por otro lado, podemos trabajar temas propios de los centros de interés de los más pequeños y pequeñas, como es la adopción de roles diferentes, el gusto por disfrazarse y adoptar otras personalidades.

Recursos educativos
  • Libro en formato digital.


  • Lectura del cuento realizada por una niña de 7 años.


  • Blog sobre la experiencia tras leer la obra.


martes, 31 de marzo de 2020

Con Tango son tres





RICHARDSON, Justin e PARNELL, Peter (2016). Con Tango son tres, Ilust. Henry Cole. Pontevedra: Kalandraka Editora, col.Tras os montes, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-985-4).

Formato e contido da obra:
Este libro é un álbum ilustrado con texto de Justin Richardson e Peter Parnell e ilustración de Henry Cole. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta preséntase aos protagonistas do libro, os pingüíns Roi, Silo e mais Tango, os cales se mostran felices enrolando os seus pescozos un ao redor do outro pola chegada do seu fillo Tango. Na contracuberta podemos observar como é o lugar onde viven os pingüíns e cantos hai. As gardas deste libro tanto as do comezo como as do fin son de cor azul auga, o que nos pode levar a relacionalo co estanque onde se mergullan os pingüíns para bañarse. En canto a portada cabe mencionar que aparecen o título, o nome dos autores e do ilustrador, así como a editorial, acompañados dunha pequena imaxe de Roi e Silo contentos e cariñosos entre eles.
As maior parte das ilustracións ocupan a páxina completa, aínda que nalgunhas preséntanse diferentes escenas na mesma páxina. Son de carácter realistas e mostran as diferentes emocións que teñen os protagonistas ao longo da historia. O lugar no que se sitúan é o Zoo de Nova York.
O contido do libro xira ao redor de Silo e Roi, dous pingüíns machos que namoran no Zoo de Central Park en Nova York. Eles comportábanse como calquera parella de pingüíns que había nese zoo, imitaban todo o que as demais parellas facían incluso preparan un niño para incubar un ovo, que resulta ser unha pedra, na tentativa de seren pais. Cando o coidador do zoo se dá conta de que Silo e Roi están a incubar un pedra decide poñerlles un ovo abandonado no seu niño para que o crien. O resultado é o nacemento dunha pequena pingüín, á cal o coidador do zoo decide chamar Tango, por facer a  comparación co baile tradicional da Arxentina xa que para bailalo fan falta dúas persoas.
A historia conta en todo o seu transcurso cun narrador heterodiexético que vai situando ao lector nos diferentes escenarios do libro. Ten parágrafos curtos e de fácil comprensión para os nenos e nenas a partir de 4 anos que é a quen vai dirixido o libro. Este álbum recibiu varios premios como o Premio Henry Bergh (Sociedade Americana para a prevención da crueldade contra os animais) en 2005 e o Premio a Libro Infantil Distinguido (Asociación Americana de Bibliotecas), o Premio ó Mellor Libro Familiar (Nickelodeon Magazine), o Premio ao Mellor Libro do ano (Premios Bank College of Education), todos eles en 2006, e foi finalista do Premio Lambda neste mesmo ano. Foi traducido á lingua castelá co título de Con Tango son tres, á lingua catalá co título Amb la Tango són tres, á lingua vasca co título de Tango iritsita, hiru dira e á lingua portuguesa co título de Três com Tango pero o título orixinal deste álbum ilustrado é And Tango makes three.

Potencialidades educativas
A lectura deste álbum nunha aula de educación infantil permite reflexionar sobre os tipos de familias que hai en todo o mundo. Axuda a ensinarlles aos mais pequenos que non sempre ten que tratarse dunha familia tradicional, integrada por un pai e unha nai, senón que existen máis tipos de familias, como é o caso da de Tango. 
As referencias ao baile do tango permítenos abordar a experimentación con diferentes manifestacións artísticos e realizar diferentes bailes das culturas que existen en todo o mundo para que nenos e nenas os recoñezan, aprendan e respecten como mostras de identidade dos pobos.

Recursos educativos
Lectura do conto apoiada de imaxes: https://www.youtube.com/watch?v=JLteRP7s2Jw

luns, 30 de marzo de 2020

Maruxa




MEJUTO, Eva (2014). Maruxa, Ilust. Mafalda Milhões. Pontevedra: OQO Editora, col.O, [28pp.]. (ISBN: 978-84-9871-490-6).

Este libro é un álbum ilustrado con texto de Eva Mejuto e ilustración de Mafalda Milhões. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta presenta a protagonista do libro, Maruxa, facendo o pan e pódese observar como lle caen gotas de suor pola fronte. En cambio, na contracuberta pódese observar aos protagonistas celebrando unha merenda xuntos e contentos. As gardas adoptan un deseño similar ás viñetas dos cómics, nas que se pode observar que Maruxa é a que fai todas os labores do fogar, mentres que Pepiño dorme, xoga co can e le o xornal. Esta situación muda nas gardas finais, nas que se pode observar como os dous protagonistas do libro colaboran xuntos nas tarefas do fogar.
As ilustracións ocupan a páxina completa. Son moi realistas e permiten observar as expresións faciais dos protagonistas, que transmiten diferentes emocións. Os protagonistas parecen que están feitos con pan, o cal rebunda na transmisión de significados da historia narrada, ademais de que lle imprime relevo ás figuras e aos elementos do contexto, tanto dentro como fóra da casa. 
O contido do libro xira ao redor da historia de dúas persoas maiores, Pepiño e Maruxa. Maruxa sempre é a que ten que facer todas os labores da casa mentres que Pepiño non fai nada. Un bo día Pepiño pídelle a Maruxa que lle faga pan para almorzar e ela dálle múltiples escusas para non facerllo. Finalmente é Pepiño quen acaba facendo a pan mentres Maruxa marcha a durmir. 
A historia conta cun narrador heterodiexético que sitúa ao lector no inicio da obra e dá paso á conversa entre os protagonistas, que conforma todo o avance da historia ata o desenlace final. O texto é rimado, o cal acentúa o ritmo e sonoridade da historia. Ademais emprégase a acumulación de elementos como fórmula para axudar á memorización e retención de todos e cada un dos elementos que se vai citando. Este recurso é propio dos materiais da tradición oral e axuda aos nenos e nenas a que aprendan de memoria a historia lida. Este álbum recibiu no ano 2014 o Premio de Cookbook Gourmand e foi traducida á lingua castelá co título de María.

Potencialidades educativas
A lectura deste álbum nunha aula de educación infantil permite reflexionar sobre os roles de xénero nas familias, tomar conciencia dos traballos que realizan homes e mulleres e a desproporcionada carga de traballo entre eles. Axuda tamén a que nenos/as entendan que a implicación familiar ten que ser equilibrada e que todos estamos obrigados a colaborar nas tarefas do fogar.
Ao tratarse dun texto rimado facilita traballar á conciencia fonolóxica, pois as palabras que acaban igual e marcan a rima axudan a entender como funciona a lingua.
A repetición de diálogos axuda a traballar a memoria a hora de recitar algún dos diálogos. Do mesmo xeito ocorre coa lectura e memorización da obra tamén se poden traballar conceptos matemáticos a través do xogo coas medidas e cantidades que hai que empregar para facer pan cos nenos/as. Así mesmo é unha boa oportunidade para reflexionar sobre a recitan do pan e de onde proveñen os alimentos necesarios para elaborala.

Recursos educativos
Lectura do conto apolada polas imaxes do álbum: https://www.youtube.com/watch?v=gmyiTAmjY0o