·
Referencia
bibliográfica:
Browne,
Anthony (2006).O libro dos porcos,
traduc. Xosé Manuel Barreiro González. Pontevedra: Kalandraka, col. Egalité, [40 pp.].
(ISBN: 978-84-8464-571-9).
Breve
descrición do formato e do contido:
Álbum ilustrado escrito e ilustrado por
Anthony Browne e traducido ao galego por Xosé Manuel González Barreiro. O libro
é cadrado e de tapa dura e conta cun total de 40 páxinas. Na cuberta atópase
unha foto da familia protagonista da historia composta por unha nai, un pai e
dous nenos varóns. É unha capa sinxela co título
en letra grosa na parte superior e o nome do
autor e a editorial na parte inferior, ambos datos centrados enriba e debaixo
da foto. Na contracuberta atópase o debuxo dun
pezuño dun porco suxeitando unha nota que pon
“Sodes uns porcos”. Na parte superior dereita aparece escrito “Tras os montes”
destacando a palabra “montes” en grosa e cursiva
e, por último, no estremo inferior dereito encóntrase
o código de barras. Dentro do libro, na primeira páxina, o autor escribe unha
dedicatoria “Para Julia” con dous porcos con ás voando.
As ilustracións deste
álbum son figurativas e predominan na primeira páxina
as cores vivas, un cromatismo que vai mudando
cando se comeza a falar da nai cara a unha cor
amarela e de ton apagado. En cambio, cando
aparecen todos os homes volven as cores máis vivas.
Ao principio do conto os protagonistas teñen
cara de ser humano pero despois de que a nai deixara a nota na que puña “sodes
uns porcos” o pai e mais os fillos transfórmanse en porcos.
A historia é narrada en terceira persoa aínda
que existen diálogos e nela cóntase a vida dunha
familia na que a nai é a que realiza todos os labores da casa e traballa tamén fóra, mentres que o pai e os fillos lle
protestan dende o sofá. Un día, cansa da situación, decide marchar. A partir de entón os homes da familia descobren que non saben
facer nada: non saben como cociñar, como
limpar e só facían preguntar pola nai e rogar que volvera. Un día a nai volveu á casa e eles pedíronlle perdón e rogaron que nunca máis se fora, ademais de comprometerse a que a partir dese día todos
farían os labores do fogar.
Potencialidades
educativas:
Coa lectura deste
álbum podemos traballar cos nenos e coas nenas
as relacións familiares, os roles de xénero e as
relacións de dependencia afectivo-emocional nas familias. O simbolismo das imaxes na obra contribúe á toma de
consciencia sobre actitudes machistas, asentadas en estruturas patriarcais nas
que os homes non axudan na casa e é a muller a encargada de todo. Abordar estas relacións desequilibradas permite tamén
reflexionar sobre a autonomía de cada membro da familia e a importancia de colaborar. Tamén podemos traballar o respecto, a empatía e o afecto, pois non se percibe maldade nos protagonistas homes, senón
actitudes acomodaticias e pouco empáticas cara á persoa que o fai todo, a nai,
carga de traballo e dependencia da que toman consciencia cando ela marcha.
Fomentar unha visión coeducativa e de roles de xénero máis equitativos permite
desterrar prexuízos sobre as tarefas que deben
ou non facer cada un dos xéneros.
Recursos
educativos:
Conto narrado polos alumnos e alumnas de 6º
do CEIP Cabanas-Salcedo. https://www.youtube.com/watch?v=EZyzLw7ASMc. Publicado o 27 de
novembro do 2015 (consultado o 1 de abril do 2020)
Moi boa obra para traballar os roles de xénero e a coeducación!Sen dúbida algunha representa moi ben a realidade que se está a vivir en moitos fogares por desgraza. Gustoume moito o desenvolvemento, pero o mellor o desenlace final que esperemos que faga efecto nos pequenos e pequenas, aínda que esperemos que tamén sirva de exemplo para o resto da sociedade e se den de conta da situación que se vive en moitos fogares. Destacar que non coñecía esta obra, así que grazas por ensinarnola!Traballa moi ben a súa temática.
ResponderEliminar