Grejniec,
Michael (2009). A que sabe a
lúa?, ilust. do autor, trad. Carmen Barreiro, Pontevedra: Kalandraka, [36
pp.]. (ISBN: 978-84-8464-564-1).
Descrición do formato e
contido: A qué sabe a Lúa é
un álbum ilustrado composto por 36 páxinas e é recomendado para nenas e
nenos maiores de 3 anos. É un libro de formato rectangular (19,5x29 cm), de
gran tamaño e tapa dura. Na cuberta observamos unha imaxe dunha lúa chea e na
parte inferior un dos animais que aparecen no libro, a xirafa, mentres que na
parte superior está o título, co nome do autor e na inferior, o da editorial.
Na contracuberta aparece a lúa en fase minguante. Na primeira garda do libro
introdúcenos á obra ensinándonos unha gran lúa chea cuns olliños mirando por
debaixo dela; a última remata a obra cun peixe falando. No interior, as páxinas
son grosas e as ilustracións son orixinais, de gran tamaño, mentres que o texto
está sobre un fondo branco, alternando á esquerda e á dereita cunha páxina
ilustrada sobre fondo azul escuro, onde se ven os animais na cima da montaña tentando
chegar á lúa. Isto muda nas últimas páxinas, nas que a ilustración ocupa a dobre
páxina. As ilustracións representan a estrutura acumulativa progresiva do
propio texto, posto que vemos como se suceden as imaxes dos animais subidos un
enriba dos outros, de xeito paralelo á propia narración.
A historia conta como unha
tartaruga que todas as noites observan a lúa decide tentar alcanzala para poder
descubrir a que sabe. Como ela non é capaz pide axuda a outros animais, como o elefante,
a xirafa, a cebra, o león, o raposo, o mono e o rato, quen foi quen de lle
arrincar un anaquiño á lúa e compartilo cos seus amigos para saber a que sabía
a lúa. A cada un sóubolle a aquilo que máis lle gustaba. Observando todo o
esforzo do grupo estaba un peixe, quen se pregunta polo sentido de tanto
traballo, cando hai unha lúa moito máis preto dentro da auga.
Potencialidades: atopámonos
ante unha obra que trata diferentes temas de interese (animais, amizade ou
cooperatividade). A
través desta obra podemos traballar unha gran cantidade de valores e conceptos,
como por exemplo, o sabor dos alimentos e o concepto de doce ou salgado; os
conceptos de arriba e abaixo ou tamén se poden traballar os animais da selva e
a súa alimentación. Como valores podemos destacar a importancia do traballo en
equipo, a cooperación e a amizade; a importancia de esforzarse para conseguir
os obxectivos tanto de forma individual como coa axuda dos demais e, por último,
a importancia de respectar as opinións dos demais, xa que cada un pode ter o
seu punto de vista e a súa opinión dun tema en concreto, como lle pasa aos
animais co sabor da lúa ou a percepción que ten o peixe pola perspectiva da súa
posición. Ademais neste álbum sae unha serie de animais dos que se ofrecen características,
polo que a estrutura acumulativa axuda aos máis pequenos/as a desenvolver a
conciencia narrativa.
Recursos:
Kamishibai: Atal Puche (2017). A que
sabe la luna:
https://www.youtube.com/watch?v=MRnyJA-STQ
(consultado o 21/4/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario