Ficha bibliográfica
MATHIEU, Renada (1992). A derradeira cincenta. Ilust. Francesc Salvá. Vigo: Ir Indo Edicións, col. O Parrulo, [26 pp.]. (ISBN 84-7680-094-0).
Descrición do formato e do contido: Libro ilustrado con texto de Renada Mathieu e ilustracións de Francesc Salvá. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta presenta a súa protagonista facendo algunhas tarefas do fogar. A contracuberta non é significativa da historia, senón que presenta un cadro con todas as obras literarias incluídas na colección “O Parrulo”. As gardas son completamente brancas sen ningunha imaxe. As ilustracións son moi sinxelas e con formas algo irregulares.
En canto ao contido xira arredor de Iria, a pequena de seis irmáns. Na historia Iria conta como día a día ten que facer todas as tarefas do fogar e mais coidar de todo aquilo relacionado cos seus irmáns: limpar os zapatos de Pepe, facerlle os deberes a Paulo, pasar o ferro as camisas, preparar o almorzo, saír a comprar o periódico etc. Todo isto ata que un día Iria cansa e todo comeza a cambiar.
A obra ten un narrador en primeira persoa, xa que e a propia protagonista a que vai narrando o transcurso da historia.
Potencialidades educativas: Con esta obra da literatura infantil pódese traballar os estereotipos relacionados cos roles de xénero dende o punto de vista dunha nena, encargada de coidar e facer todo a seus irmáns. O seu relato serve para reivindicar a necesidade dun reparto equitativo e equilibrado das tarefas no seu do fogar. Iria representa a experiencia de moitas xeracións de mulleres, educadas na responsabilidade e coidado dos outros dende moi pequenas. Coñecer estas historias permite analizar con ollada crítica a realidade e cuestionarnos sobre as actitudes, os usos e costumes máis arraigados na sociedade tradicional. Coñecer é o primeiro paso para erradicar e con lecturas coma esta podemos facer que os nenos interioricen dende idades temperás que os labores do fogar non son propios dunha muller, senón que todos e todas temos que colaborar neles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario