luns, 27 de abril de 2020

Miedo a la oscuridad



Zabalbeascoa, Anatxu (2009). Miedo a la oscuridad. Ilust. Ximena Maier, Barcelona: Ediciones Beascoa, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-488-2841-7).


Descrición do contido e formato: este álbum ilustrado foi escrito por Anatxu Zabalbeascoa e ilustrado por Ximena Maier, vai dirixido a nenos/as de entre 5 e 6 anos. A historia ten como protagonista a Ariadna, unha nena que ten medo á escuridade e non entende porqué se ten que facer de noite en lugar de ser sempre de día. Para poder axudala, os seus pais deciden chamar ao doutor Quitamiedos. Este, coa axuda do seu curmán, o mago Quitamiedos, crea un invento que consegue que se faga de día cando é de noite. Desta forma logran que entenda que se sempre fose de día a vida sería moi complicada Por exemplo, os panadeiros non terían pan, xa que non lles daría tempo a cociñalo.
Este volume de capa dura presenta na cuberta a Ariadna, que cunha man agarra unha lámpada e olla asustada a noite pola ventá, mentres que na contracuberta aparece a nena metida na cama de noite, cun sorriso na cara. Ambas presentan un fondo branco con letras negras e debuxos con cores claras. Tanto nas gardas iniciais coma nas finais aparece o mesmo debuxo, un fondo azul cuns triángulos da mesma cor debuxados e unha raia vermella debaixo. Ademais, nas gardas finais aparece un diploma sen cubrir, que se pode empregar para entregar ao lectorado da obra. Na portada empréganse letras grandes e de cor negra, e aparece o doutor de costas coas lentes agarradas nas mans. Antes da portada, aparece unha páxina de créditos cos agradecementos das autoras do álbum ilustrado.
O texto presenta un narrador omnisciente en terceira persoa, que comeza presentándonos a Ariadna e vai narrando como pasa o tempo ata que ela perde o seu medo á escuridade. A estrutura é lineal e, a medida que transcorre a historia, vainos introducindo máis no complexo proceso de perder os medos. As frases son curtas e o vocabulario axeitado á idade á que vai dirixida a obra. O contido céntrase no medo á noite e á escuridade e nel trátase de ensinar ao lectorado a importancia que ten esta para o correcto transcurso do día. Este contido pódese seguir grazas ás diferentes ilustracións, as cales son un complemento da historia e permítennos entendela con facilidade. Empréganse cores claras nos personaxes e nas escenas onde se pretende crear un ambiente de día, nas demais as cores son escuras, simulando a noite. Aínda que algunhas das imaxes se presentan a páxina completa, non todas son así. Algunhas presentan dúas imaxes distintas pero complementarias ao texto que aparece nesa páxina. Nalgúns fragmentos do texto faise referencia aos animais, falando de como viven os paxaros de día e o que fan pola noite. Podemos apreciar como os diferentes personaxes aparecen perfilados de negro para diferencialos con facilidade do fondo.

Potencialidades: A lectura deste álbum permite traballar a existencia do paso do tempo, a organización en días e noites e as razóns de que exista o tempo sen luz. A reflexión sobre a noite como espazo temporal e como descanso permite abordar o medo e inseguridade que produce a escuridade. Aprender que os nosos ollos son capaces de adaptarse á falta de luz ou que os outros sentidos se poñen alerta e podemos percibir cuestións que ignorabamos é unha forma de aprendizaxe do mundo e da realidade. Coñecer outras formas de se enfrontar aos medos a través da ficción permiten superar as inseguridades propias da infancia e fomentan o autocoñecemento, así como a vivenciar a contorna na que nos desenvolvemos a través de todos os sentidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario