Tickle, Jack (2016). El León Remolón, adapt. Carmen Gil. Barcelona: Combel Editorial, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-9101-027-2).
Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado pop up, tridimensional, de Jack Tickle (2005) cunha encuadernación de cartoné, adaptado por Carmen Gil, cuxo título orixinal é The very Lazy Lion, publicado por primeira vez polo selo Little Tiger Press, en Gran Bretaña en 2005. A encadernación é de cartoné. A cuberta do libro resulta ser moi atractiva e identificativa para os nenos/as de curta idade. Nela aparecen animais da selva, dos que vai tratar o libro, que destacan sobre un fondo laranxa. Especialmente resalta a figura grande do león, en amarelo. Tamén contén o título en maiúsculas grandes de cor azul, o nome do autor, da adaptadora e da editorial. Os animais continúan na contracuberta co mesmo fondo laranxa, nesta parte hai unha pequena introdución sobre os animais da selva, xunto cos dereitos do libro. Nos dereitos infórmase sobre o título orixinal, a edición, o ilustrador, a editorial, o deseño gráfico, a maquetación, datos sobre a imprenta, o ISBN e o depósito legal. Ao lado destes datos destaca un pequeno fondo branco no que se mostra unha precaución do libro (non apto para menores de 3 anos) polas pezas que contén, o ISBN e o C€.
Ilustracións: o texto e as ilustracións teñen relación, xa que en cada páxina se describe a un animal. A letra é grande e aparece a un lado das ilustracións sen superporse entre elas. Destacan as onomatopeas, en letra grosa, dos sons de cada animal, que se presenta no seu hábitat. As cores son moi vivas, tanto do ambiente coma dos seres vivos. Nas ilustracións
de cada animal resáltanse os seus atributos máis característicos con efecto pop up, é dicir, son emerxentes e móvense cando pasamos as páxinas, con exemplos como a boca do león, a trompa do elefante, o pescozo da xirafa etc. Estas imaxes móbiles ocupan case a totalidade das dobres páxinas, sendo a letra un complemento. A arquitectura textual é de carácter expositivo-descritiva en forma de pequenos poemas rimados, un para cada animal.
Potencialidades: a lectura deste álbum achega aos máis pequenos ao mundo animal, o xogo de interacción con el, ademais de fomentar o recoñecendo de formas, figuras, elementos… Tamén axuda a traballar o valor da diferenza e reflexionar sobre a convivencia, pois todos os animais son diferentes e conviven xuntos. O percorrido polas diferentes páxinas permite traballar os sons mediante as onomatopeas, a imitación de sons dos distintos animais e os elementos que aparecen nos seus respectivos hábitats. Isto incide na adquisición e mellora da linguaxe infantil dende o xogo, a diversión e o entretemento. Tamén podemos motivar aos máis pequenos á lectura dunha maneira atractiva e divertida coa canción, que é un material pedagóxico esencial en Educación Infantil.
Recursos de interese: Susa Herrera realizou unha adaptación deste libro que se pode ver en: https://www.youtube.com/watch?v=5whKuOUaS2I (consultado 12/04/2020).
Este conto chamoume a atención pola forza que reflicte xa na súa portada. Parece que resultaría divertido transmitirllo aos nenos e nenas, pois contén numerosas personaxes diferentes. Tamén traballaríamos numerosos conceptos divertidos como os animais ou os hábitats, xunto coa convivencia destes. Ademáis parece unha obra na que se poida improvisar e desenvolver a imaxinación con máis personaxes e entornos.
ResponderEliminar