Love, Jessica (2018). Sirenas, ilust. da autora. Madrid: Kókinos (a partir dos 5 anos)
Descrición do formato: álbum escrito e ilustrado por Jessica Love. Composto na lingua inglesa e traducido a castelán en 2018, cun total de 38 páxinas. A cuberta fórmaa unha ilustración do protagonista Julián na que aparece vestido cunha manta suxeita á súa cadeira en forma de saia moi longa que lle arrastra polo chan, xunto cunha coroa con flores. Nesta ilustración pódese observar a comodidade e a liberdade que sente este neno ao vestirse desa forma e que polo tanto está feliz. Esta ilustración está sobre un fondo rosa e azul, con predominio de tons pastel e delicados. Tamén aparece o título en letras grandes, acompañado do nome da autora e ilustradora, así como o da editorial. Na contracuberta, sobre un fondo laranxa pastel, aparece unha breve introdución na que se alude ao dilema do protagonista e se incita á lectura. Esa introdución ven acompañada pola pregunta: “Pero ¿qué diría la abuela?” e máis abaixo aparece representada a avoa xunto con Julián lendo un libro, o que pode significar que nese momento lle está a contar a súa historia. Por detrás, na ilustración aparecen unha serie de mulleres moi fermosas. As gardas, en tons pastel, presentan unhas ilustracións en relación coa lectura. Estas ilustracións forman unha soa imaxe, na que aparecen representadas algunhas mulleres acompañadas de Julián nunha piscina. Nas gardas do final estas mulleres son sereas debaixo do mar e Julián é unha serea tamén. A seguinte páxina e a portada forman unha única imaxe na que están tres mulleres moi fermosas seguindo a Julián e á súa avoa pola rúa. Nestas dúas páxinas aparecen a dedicatoria, os datos de edición, e na portada o título e o nome da autora.
Contido: O título, Sirenas, revélanos que o argumento do libro xira ao redor deses seres míticos e a conformación da identidade do neno protagonista. O texto é moi breve e as ilustracións desvelan o máis esencial para entender o argumento, que xira ao redor do que lle aconteceu a Julián un día que falara coa súa avoa acerca das sereas, as cales lle gustaban moito. Este decidiu vestirse como unha delas e a súa avoa axudoulle e acompañouno nesa decisión, o que alegrou a ese neno, dándolle coraxe para amosar os seus gustos non só á súa avoa senón tamén á sociedade. Deste modo visibilízase a forza que tivo ese neno para ser el mesmo e superar os prexuízos sociais, amparado polo apoio que recibe dun ser querido ante esa decisión. O texto, moi breve, está en terceira persoa, combinándose con partes dialogadas entre Julián e a súa avoa. Ten unha estrutura lineal, pois nun principio o neno confesa os seu gusto polas sereas e que el tamén se sente unha, para máis adiante asumir ese papel e vestirse como tal ante ante a aprobación da avoa.
Con respecto ás ilustracións, algunhas páxinas conforman una soa imaxe, mentres que hai outras que son ilustracións independentes. En case todas aparece o protagonista Julián e cabe destacar que nalgunhas páxinas se utiliza un efecto colaxe para xuntar varios debuxos da mesma personaxe realizando unha actividade, a modo de secuenciación. En canto á técnica que utiliza é semellante a colorear con acuarelas e detallar cun trazo fino de lapis. É un estilo de debuxar moi delicado e dado que utiliza cores pastel ou moi suaves, acentúase a sensibilidade das imaxes, que na parte final adquiren moita máis viveza con cores rechamantes. As expresións dos personaxes son moi detalladas, o que se acentúa coas expresións corporais e a sensación de movemento, sobre todo Julián e as sereas. O movemento márcase tanto nas personaxes coma na representación do vento nas ventás coas cortinas, na roupa das sereas e nas plantas que o neno utiliza como coroa.
Potencialidades: a lectura visual deste libro permite seguir a historia narrada. Salienta polo movemento, o dinamismo e a expresividade. Ademais a temática abordada foi durante moito tempo tabú nos libros infantís, nos que non se abordaba o dilema que pode ter un neno ou nena con respecto ao seu xénero, e isto non evita que o sintan, senón que se lle priva do apoio que necesitan para expresarse, así como da información útil para o seu futuro como unha persoa totalmente libre e plena na aceptación de si mesma e do seu corpo. Considero fundamental a súa lectura para que non só eses nenos e nenas que se senten así poidan encontrar un referente na personaxe, senón que tamén coa súa lectura outros nenos e nenas coñezan esa visión de empatía e poidan normalizar a liberdade de expresión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario