xoves, 30 de abril de 2020

A horta de Simón




ALEJANDRO, Rocío (2017). A horta de Simón. Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado. Pontevedra: Editorial Kalandraka (ISBN: 978-84-8464-348-7).

Álbum ilustrado de Rocío Alejandro que foi recoñecido co Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado en 2017 e co Premio Fundación Cuatrogatos en 2019. De tapa dura e dimensións de 22.5 x 25 cm, presenta unha cuberta de cor laranxa nun ton máis clariño ca outras partes do libro. Na parte superior concéntrase o texto indicando nel o título con letras negras e de gran tamaño e xusto debaixo, cunha letra máis pequena e de cor laranxa, indícase o nome da autora. A parte inferior consta dunha ilustración que representa a Simón, o coello protagonista, agochado detrás do valado da súa horta.

Na contracuberta, tamén de cor laranxa e ocupando toda a superficie, aparecen pequenas cenorias nunha tonalidade máis clara. Na parte superior podemos ver o logotipo do departamento de Educación e Ciudadanía de Santiago de Compostela e na parte inferior temos un código de barras co ISBN do libro e a páxina web da editorial Kalandraka.

Xa no interior, tanto as gardas iniciais coma as finais son de cor laranxa clara e presentan pequenos puntiños por toda a superficie. A páxina de dereitos achega información relevante como o ISBN ou o número do depósito legal, así como os datos da editorial. Ocupando unha boa parte da páxina temos un agradecemento da autora e un texto referido ao galardón recibido pola obra e os membros do xurado. Na parte inferior temos unha ilustración dunha canasta chea de cenorias e o selo que nos di que o papel utilizado para as páxinas procede de fontes responsables.
portada é de cor branca e neste caso a ilustración ten algo máis de protagonismo ca o texto. O título e a autora aparecen coas mesmas características ca na cuberta pero a ilustración mostra a Simón realizando unha  acción que nos pon en coñecemento a temática da historia.

A disposición de cada dobre páxina é co texto centrado na páxina do lado esquerdo, de cor negra e sobre un fondo laranxa, mesturándose a voz dun narrador en terceira persoa cos diálogos dos personaxes. A ilustración, a toda páxina, representan as accións mencionadas no texto. E vai amosando os elementos que introduce no texto, como por exemplo os vexetais e hortalizas que plantan na horta. Nun principio, a páxina que contén a ilustración conta cun marco formado polo valado da horta de Simón. Pouco a pouco, segundo avanza a historia, o tamaño da ilustración aumenta, pasando a aparecer tamén no lado esquerdo e facendo que o texto pase a un segundo plano.

Desde o punto de vista do argumento, este álbum ilustrado achégalle ao lectorado a historia de Simón, un coello que, como cada primavera, decide plantar as súas cenorias. Mentres recollía as cenorias da súa horta, os veciños achegábanse e propuñan plantar novas hortalizas e verduras. Ao principio a Simón non lle pareceu boa idea pero finalmente decide aceptar e facer un cartel no que pon que a horta é de todos e convídaos a merendar. 
O texto conta cun narrador heterodiexétio en terceira persoa, mentres que as intervencións recollen os diálogos dos personaxes cos que se atopa Simón. Estes personaxes son: 
a.                  Polo: un ratiño que lle propón a Simón plantar unhas poucas leitugas.
b.                  Cora: unha galiña que se achega e quere plantar tomates.
c.                  Isidoro: o chivo ao que lle gustaría sementar berenxenas.
d.                  Iago: o porquiño que quería sementar millo.
e.                  Maruxa: unha raposa que devecía polos amorodos.
f.                   Pepe: o parrulo que se deu conta de que Simón xa non estaba na horta.

Destaca o feito de que os animais protagonistas amósanse personificados, é dicir, realizan actividades propias das persoas empregan ferramentas, falan e levan roupa. Ademais, cando se presenta un novo personaxe, mencionase o seu nome pero non se define que animal é, temos que ver as imaxes para sabelo.

Potencialidades educativas: 

1) Dende a dimensión lúdica mostra a posibilidade de realizar actividades nas que as nenas e os nenos manipulen a terra, ferramentas de traballo, sementes…
2) É un recurso para a educación ecolóxica, o respecto á natureza e reflexionar sobre a importancia que o medio ten para a nosa subsistencia.
      3) Facilita a asociación de debuxos con accións.
4) A través da historia podemos coñecer os diferentes pasos para sementar algúns alimentos (preparar a terra, espallar as sementes, coidar e regar e por último recoller os alimentos)5) É un libro moi visual, facilitando así a súa comprensión a través da lectura visual das imaxes, especialmente pola súa capacidade de suxestión e interpretación.
6) Axúdanos a traballar temas como a amizade e a necesidade de axudar e compartir, pero sobre todo para reflexionar sobre o traballo colaborativo.  

1 comentario:

  1. Este conto paréceme moi interesante para traballar cós nenos e nenas de Eduacación Infantil polo feito de que sexan respectuosos coa natureza, pero tamén para ensinarlles a ter unha alimentación saudable comendo verduras e horalizas. Se os nenos e nenas teñen a posibilidade de ter unha horta na escola sería unha boa forma de traballar con eles/as este tema da alimentación, debido a que así verían como van crecendo os alimentos que se plantaron.

    ResponderEliminar