luns, 20 de abril de 2020

Cantiga do Mazarico



Pita, E., & Pintado, I. (2010). Cantiga do Mazarico. A Coruña: Espiral Maior. (ISBN: 978-84-92646-55-5).

Descrición do formato e contido: Cantiga do mazarico é un álbum ilustrado poético no que se recolle a reescrita feita por Emilio Pita deste poema da tradición oral. O volume está composto por 28 páxinas e é recomendado para nenas e nenos maiores de 3 anos. É un libro de formato cadrado (22 x 21) cunha encadernación de tapa dura. A cuberta é de cor azul escura e sobre ela aparece debuxado un Mazarico e unha lúa. Esta mesma ilustración atoparémola tamén dentro do álbum. Na contracuberta aparecen unhas estrelas no mesmo fondo azul, en consonancia co que aparecía na ilustración da cuberta.
Na primeira folla do álbum aparece debuxado un mazarico e na páxina seguinte atopamos o poema “Cantiga do mazarico” enteiro. Nas seguintes páxinas do libro aparece escrito o mesmo poema, pero desta vez dividido en dous ou tres versos por folla, o que facilita a repetición do poema por parte de nenos e nenas. A Cantiga do mazarico destaca pola súa linguaxe, rima e musicalidade, así como o acompañamento de ilustracións que reforzan o texto. As ilustracións destacan pola gama de cores cálidas e suaves. Pódese observar que todas as páxinas están ilustradas co mazarico protagonista en diferentes situacións e os versos teñen forma de diálogo con preguntas a Mazarico sobre quen pica o seu pico e respostas variadas.

Potencialidades: a lectura deste álbum pode ser un dos primeiros que achegue a poesía ás nenas e nenos. É unha poesía sinxela o que facilita a memorización por parte dos máis pequenos e tamén a familiarización coa tradición oral. A esta memorización contribúe o feito de que primeiro se reproduce a cantiga enteira, e nas seguintes páxinas vaise repetindo dividida en versos, o que axuda a repetir e marcar o ritmo poético da composición. Ademais, ler obras coma este axuda a que nenos e nenas se acostumen dende dende cativos a un xénero tan importante como é a poesía, á que responde con entusiasmo cando se traballa adecuadamente, dado que para eles é un xogo, neste caso un xogo coa lingua. Por iso Cantiga do mazarico, entre outros álbums, é un bo recurso para iniciarse neste xénero, tanto a través da lectura, coma do canto, o que o fará máis lúdico e divertido.

Recursos:
Diferentes versións deste poema popular en Orella pendella, recuperado de https://orellapendella.gal/pico-pico-mazarico/ (consultado o 18/4/20).

Otero, Anibal (1977). Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba. Anuario Gallego de Filología. Recuperado de Galicia encantada, en https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=11&id=644
(consultado o 18/4/20).

Ningún comentario:

Publicar un comentario