Bauer,
Jutta (2001). Madrechillona. Salamanca: Lóguez Ediciones, 36
pp. (ISBN: 978-84-89804-36-4).
Descrición do formato e contido da obra:
Este libro, de tapa dura, ten unhas dimensións de 20,3 x 16,8 cm e está
composto por 36 páxinas. A idade recomendada de lectura pola editorial é de 3 a
5 anos. Como podemos observar é un libro pequeno, contribuíndo isto a que sexa
máis manexable. Na cuberta atopámonos cunha ilustración na que aparecen os dous
personaxes principais, o pingüín e a súa nai. Estes aparecen ilustrados de
costas (o pingüín mirando cara a atrás) sobre un fondo laranxa. Enriba deles
pódese ver o título do libro, escrito en letras de cor negra, e, por riba del, o
nome da autora dentro dun recadro branco. Na parte inferior está colocado o
nome da editorial. Estes dous últimos elementos tamén os podemos encontrar no
lombo do libro. Na contracuberta mantense o fondo laranxa, pero neste caso,
aparece unicamente unha breve síntese da historia.
No interior deste
libro ilustrado desenvólvese unha composición narrativa acompañada de
ilustracións a cor, que esixe contar cunha pequena experiencia lectora previa,
xa que se empregan frases curtas, unha grafía sinxela, minúscula e de tamaño
mediano. Os nenos e nenas de 4-5 anos poderían empregalo de forma autónoma,
mentres que os máis pequenos precisan da nosa axuda para traballar con el. O
vocabulario é adecuado para a idade á que se dirixe o libro, porque emprega
palabras moi sinxelas, facilmente comprensibles para todos. O título móstranos
un aspecto fundamental e relacionado concretamente coa temática do libro. Este
permite saber que haberá unha personaxe nai, e grazas á ilustración, intuímos
que se traballará a relación nai-fillo. O libro ofrece a posibilidade dunha
lectura narrativa acompañada de diversas ilustracións que van plasmando os aspectos
que se contan, logrando así que os nenos e nenas desenvolvan a capacidade de
relacionar o texto e as imaxes.
O argumento
xira arredor dunha metáfora: un berro moi forte da nai desfaille ao pingüín o
corpo en moitos anacos. Cada anaco voa a un lugar diferente e o pingüín non é
capaz de encontralos todos. Finalmente, a nai axúdao a recuperalos e pídelle
perdón. Hai que destacar que o berro é un elemento moi potente no relato, xa
que é o causante da división do corpo do fillo e, polo tanto, o desencadeante
de toda a narración.
A voz narradora
é a do propio pingüín, que conta en primeira persoa o que lle vai sucedendo. A
narración ten unha estrutura lineal, primeiro a nai bérralle ao fillo, logo o
corpo sae voando en anacos, despois a cabeza vai ao universo, o corpo ao mar,
etc. Tamén podemos observar que a súa estrutura é moi repetitiva, aparecendo
así repeticións e recursos propios da transmisión oral que favorecen o ritmo e
a memorización: “Mi cabeza voló al universo”, “Mi cuerpo cayó al mar”, “Mis
alas se perdieron en la jungla”, etc. Empréganse figuras retóricas como a
metáfora, a elipse, os paralelismos, as anáforas e as personificacións. A nivel
estilístico aparecen diversos campos semánticos como a natureza (mar, illa,
xungla, montañas, lúa, deserto, sol); os animais (pingüín, tigre, loro); o
corpo humano (cabeza, corpo, cu, pés, ollos); o corpo do pingüín (ás, pico); e
as partes do día (mañá, tarde, noite, anoitecer).
Dende o punto de
vista da lectura visual, as ilustracións permiten realizar unha lectura
paralela e complementaria, xa que nelas se poden observar os diversos fragmentos
da narración. Non obstante, en moitos casos, podemos observar tamén outros
aspectos que non se inclúen dentro da narración. As ilustracións son
entendibles e coherentes, pouco minuciosas con respecto aos detalles,
favorecendo así que os nenos e nenas as poidan interpretar mellor. Tamén son
grandes, ocupando ás veces a páxina enteira ou dúas páxinas completas,
colocando desta forma o texto enriba delas.
A técnica que se
emprega é a acuarela e os debuxos son moi sinxelos con trazos borrosos. Abundan
máis as cores cálidas, porén tamén hai cores frías (no universo, no mar, no
xeo…). Algunhas ilustracións son monocromáticas, é dicir, utilízase unha soa
cor para toda a imaxe, como, por exemplo, na cidade. As sensacións que nos
transmiten estas ilustracións son principalmente pena, soidade e desamparo,
debido a que as cores non son vivas e non expresan alegría. Búscase desta forma
que as ilustracións estean en sintonía co relato e creen tensión.
Os únicos personaxes
son dous animais, neste caso, dous pingüíns. Estes dous personaxes, a pesar de
encontrarse ilustrados de forma realista, aparecen humanizados, na súa
personalidade e conduta, durante toda a narración. O recurso que emprega a
autora é o antropomorfismo para a atribución de trazos, emocións e intencións
humanas a entidades non humanas, neste caso, animais, que poden falar,
experimentar emocións e sentimentos.
Potencialidades
educativas: coa lectura deste libro ilustrado pódese traballar un
tema moi cotián como é a relación entre nais e fillos, a educación emocional e
distintos valores. Ademais, fomentarase a imaxinación. O conto axuda a
fortalecer a relación entre nais e fillos, xa que, a pesar de que estas ás
veces teñen condutas inxustas cos seus fillos, sempre saben recapacitar sobre o
seu comportamento e pedir perdón, como ocorre neste caso, empregando como xa
dixen unha metáfora. A través disto traballaremos unha correcta relación e
socialización entre proxenitores e fillos. Podemos tamén experimentar con
diferentes emocións que nos transmitirán os personaxes, como a tristeza, a
soidade, o desamparo, a angustia, e, finalmente, o cariño e o afecto (por medio
do perdón e o abrazo). Desta forma, practicaremos a educación emocional.
Finalmente, mediante as ilustracións, traballaremos o coñecemento de diversos
medios ou ambientes, centrándonos, sobre todo, na natureza e a cidade.
Recursos: En canto aos
recursos educativos, vemos que este libro aparece en diversos blogs e noutras
plataformas como Youtube, como, por exemplo neste enlace https://www.youtube.com/watch?v=Z6tSM2BMfJM (consultado o
17/4/20).
Ningún comentario:
Publicar un comentario