domingo, 19 de abril de 2020

The Very Hungry Caterpillar

The Very Hungry Caterpillar Carle, E. (2000). The very hungry caterpillar. London: Puffin Books, 2 (3), 38-41 pp. ISBN: 0-590-03029-9

Descrición do formato e contido: álbum de tapa dura, en cartoné, con elementos móbiles, escrito e ilustrado por Eric Carle. Na cuberta, sobre un fondo branco, amósase a protagonista da historia, a eiruga comellona. Eric Carle optou por cores moi vivas e rechamantes para as súas ilustracións nesta obra, coma se pode ver na propia eiruga. Está composta de distintas tonalidades de verde e a súa cabeza dun potente vermello.
A eiruga era moi pequeniña, pero tiña unha fame enorme. A medida que vai comendo diferentes alimentos vai avanzando a historia, páxina tras páxina, deixando furados que son as pegadas do que ela come. Finalmente, pasada unha semana, a protagonista, como todas as eirugas, converteuse en bolboreta. A lectura deste álbum é unha viaxe pola vida da eiruga mentres crece e se transforma.
O álbum presenta imaxes a toda páxina, acompañadas dun breve texto. As imaxes permítennos seguir a historia dunha maneira moi visual, ademais de contar co recurso das lapelas que imos atopando ao longo do conto. Estas lapelas teñen a función de facer visuais os días da semana e o que come a eiruguiña en cada un deles. É de salientar o emprego de furados nas diferentes páxinas, o que permite explorar de modo táctil e xogar coas sensacións experimentadas polos máis pequenos.

Potencialidades: a lectura deste álbum con elementos móbiles é un excelente recurso na aula ao motivar á creatividade e á exploración. Con este conto na súa versión orixinal (inglés) pódese traballar vocabulario moi sinxelo sobre a comida, que ademais se apoia nas imaxes, o que favorece a relación concepto- representación. Dende o punto de vista da temática permite explicar o proceso de metamorfose dunha eiruga ata converterse en bolboreta.

Recursos: Versión animada, en: https://www.youtube.com/watch?v=75NQK-Sm1YY (consultado o 13/04/2020) Lectura da obra en: https://www.youtube.com/watch?v=btFCtMhF3iI (consultado o 13/04/2020).
Andrea Fernández López

Ningún comentario:

Publicar un comentario