domingo, 12 de abril de 2020

Familias

Oh! Mami Blue (2018). Familias. Barcelona: Somos Libros. [48 pp.]. (ISBN: 978-84-948081-5-9).

Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado de tapa dura, cun formato de 18 x 26,5 cm e formado por 48 páxinas. Na cuberta aparece unha cama ben feita, escenario principal ao longo das páxinas e que representa a familia e o fogar. Na contracuberta aparece a mesma cama, pero esta vez desfeita. O único texto que aparece na contracuberta é unha frase onde se resume a intención de toda a obra: “Existen tantas familias como formas de amar. Una familia no necesita ser explicada, sólo vivida. Y tu familia, ¿Cómo es?”. Nas gardas segue aparecendo a cama debuxada dun xeito máis sinxelo. A portada conta co título da obra, os nomes das autoras, o nome da ilustradora e o da editorial. Ao longo da páxinas preséntanselle ao lectorado 16 viñetas, nas páxinas dereitas, onde se amosan diferentes tipos de familias, cuxo escenario principal é a cama. Estas ilustracións están acompañadas de textos rimados nas páxinas pares, os cales teñen un título que introduce que tipo de familia imos coñecer. As ilustracións, ao igual que todo o libro, están feitas con cores pasteis e as personaxes represéntanse núas durmindo, dun xeito moi andróxino, para axudar a non asumir o xénero dos personaxes tan só polos seus xenitais.

Dende o punto de vista do contido, a obra xira arredor da normalización da diversidade familiar e as autoras presentan as familias como un espazo de amor e coidado, que xira arredor da cama, escenario que representa o fogar. Como o propio título di, o importante é ver familias sen reparar en quen as conforma. Os textos rimados están feito con certo sentido do humor e tenrura que engancha ao lectorado, dende o máis pequeno aos maiores. Os tipos de familias representadas son variadas, como por exemplo: un neno con dous pais, unha nai solteira, unha moza solteira que vive soa, un rapaz con pais divorciados, familia multirracial, etc. A forma de representar todas estas familias envolven o libro dun aire de paz e amor, propiciando a empatía do lectorado con todas as familias.

Potencialidades: Este álbum está indicado para nenos e nenas a partir de 2 anos, é un libro co que se podería traballar na casa e na escola para que dende pequenos os nenos e nenas comprendan que existen moitos tipos de familias e que todas son unidades de afecto respectables. Tamén permite reflexionar sobre valores como o respecto e a tolerancia, o cal é necesario dende idades temperás, para que no futuro sexan cidadáns que se desenvolven e promoven a liberdade e diversidade. Na aula existen moitos tipos de familias diferentes, polo que cada neno e nena viven a realidade deses contextos con naturalidade e iso debe reflectirse tamén na comunidade educativa, na que debe estar presente a diversidade familiar, cultural, sexual etc. Por todo iso consideramos este libro unha lectura moi acaída.

2 comentarios:

  1. A literatura infantil sen tabús!

    ResponderEliminar
  2. Me gusta mucho esta obra y sobre todo el tema que trabaja. Creo que es algo que se debe normalizar y que mejor que a través de un libro.
    Sobre esta misma temática me gustaría recomendar el cuento Un puñado de botones de la editorial Createspace. Esta obra nos cuenta de una manera muy sencilla que existen diferentes familias mediante un puñado de botones. Además este libro llama la atención de los mas pequeños/as por el colorido de las ilustraciones.

    ResponderEliminar