Campanari, José (2008). Ernesto bo día. Ilust. João Vaz de Carvalho. Pontevedra: Oqo. [40 pp.]. (ISBN: 978-9871-074-8).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de forma cadrada e de encadernación en cartoné, cunhas medidas de 25x23 centímetros. Na cuberta o título do libro na parte central e en cor gris, rodeado por unha nube negra con choiva, a cal tapa a cara de Ernesto, que aparece camiñando na parte inferior. Na contracuberta aparecen Henriqueta, os seus pais, a súa irmá e a súa avoa preparando a merenda e unha mesa. Tanto o fondo da cuberta como o da contracuberta é de cor amarela.
O texto é breve e compleméntase coas ilustracións, situándose en diferentes posicións, pero sempre en estreita relación coa imaxe. Nas primeiras páxinas as ilustracións recrean a casa de Ernesto, na parte central altérnase a casa de Ernesto e a da súa moza Henriqueta para, na parte final, recrear a casa da rapaza.
En relación co contido, nárrase a historia de Ernesto, quen se levantou un día a media me mañá e se puxo a xantar co seu avó, comida á que se uniron outros familiares. Mentres estaban a comer, Ernesto decatouse de que quedara ás seis da tarde (nin un minuto máis, nin un minuto menos) para merendar na casa da súa moza. De súpeto comezou a se preparar con tanta premura que ata os seus primos pequenos se decataron de que ía xunto á súa moza. Mentres ía de camiño, na casa de Henriqueta comezaban a preparar a merenda, xa que era a primeira vez que Ernesto ía á súa casa. O ceo estaba soleado ata que de pronto comezouse a nubrar un pouco, ao que o rapaz non lle deu importancia. Na casa de Henriqueta seguían cos preparativos, pero cando Ernesto ía de camiño comezou a chover e seguiu sen darlle importancia. Estaba a comezar unha tormenta, nubes negras encheron o ceo e fíxose de noite, comezou a caer xeo das nubes e Ernesto seguía sen darlle importancia, a pesar de estar conxelado. Finalmente, conseguiu chegar á casa de Henriqueta. No interior, a rapaza e a súa familia estaban moi preocupados por el, xa que eran as seis e dez. Cando Henriqueta foi mirar á porta viu a Ernesto co dedo apuntando no timbre sen moverse, polo que a rapaza lle tocou e este caeu: Ernesto estaba conxelado. Henriqueta e a súa familia axudaron a Ernesto poñéndoo ao lado de forno e desconxelouse, polo que puideron merendar todos, aínda que ás sete.
Potencialidades educativas: a través deste conto trabállanse valores como a solidariedade, a xenerosidade e a inclusión, xa que Ernesto estaba convidado a merendar á casa de Henriqueta e cando chega ela e a súa familia axúdano a desconxelarse. Ademais o personaxe de Ernesto encarna a perseveranza e o afán de superación, ao se enfrontar a todos os atrancos para cumprir co seu compromiso. Por outra parte a lectura desta obra serve para traballar os diferentes fenómenos atmosféricos e como condicionan as nosas vidas.
Recursos educativos:
Conto en galego, con música e sons de
fondo:
https://www.youtube.com/watch?reload=9&v=oiqFClLiajE (consultado
o 11/04/2020)
Curto de animación feito por nenos e
nenas:
https://www.youtube.com/watch?v=njT2dl6wGkw (consultado
o 11/04/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario