venres, 24 de abril de 2020

Corre Corre, cabaciña



MEJUTO, Eva (2006). Corre corre, cabaciña, Ilust. André Letria. Pontevedra: OQO Editora, col.O, [36pp.]. (ISBN:978-84-9871-532-3).


Descrición do formato e contido da obra: Este libro é un álbum ilustrado con texto de Eva Mejuto e ilustracións de André Letria. A súa encadernación é de cartón e ten tapa dura. Neste álbum, podemos observar como a cuberta e a contracuberta gardan relación entre si. Por un lado, a cuberta presenta o título do álbum e a protagonista do conto, a avoa, metida nunha cabaza e por outro lado, a contracuberta, presenta tamén aos tres protagonistas que queren comer e acaban sendo enganados pola avoa. No tocante as gardas, tanto as do comezo como as do final presentan cabazas con diferentes emocións o que fai que teñan relación cun dos elementos que aparece na historia e poñerte en situación co que vai ocorrer. En relación a portada, aparece o título, o nome da autora e da ilustradora, así como a editorial e unha imaxe dunha cabaza que será protagonista da historia.  
As ilustracións deste álbum aparecen en ocasións ocupando a dobre páxina e en outras fragmentadas, aínda que con relación entre si. Os debuxos son máis grandes en comparación coa letra e podemos observar as diferentes emocións que queren transmitir os protagonistas. As ilustracións, son realistas, formadas por cores moi cálidos e dan sensación de profundidade. 
O contido do libro xira ao redor da historia dunha velliña que foi invitada ao casamento da súa neta. De camiño, atopa a un lobo, un oso e un león que a queren comer. A velliña convence aos animais para que esperen á volta do convite e, despois da celebración, a neta argalla algo moi orixinal para burlar as tres feras e que a súa avoa chegue ben a casa. 
O libro conta cun narrador heterodiexético que vai situando ao lector no inicio da obra e dá paso á conversa entre os diferentes protagonista, que conforma o transcurso da historia ata o desenlace final. O texto, nalgunhas partes é rimado o cal acentúa o ritmo e a sonoridade da historia. Ademais, conta cunha canción, o que fai que se vaian acumulando elementos como fórmula para axudar a memorización. 
Este recurso é propio dos materiais de tradición oral e axuda aos nenos/as a que aprendan de memoria a historia lida. 

A edición orixinal de 2006 leva por título Corre corre, calabaza e a tradución á lingua galega e de 2016 co título de Corre corre, cabaciña. 


Potencialidades educativas: A lectura deste conto nunha aula de educación infantil permite traballar diversos temas. Un dos máis destacables é a relación interxeracional que existe entre avoa e neta. Coa lectura deste conto tamén podemos traballar a tradición oral xa que, é dinámico, repetitivo e predomina a musicalidade. Ao ter unha gran variedade de personaxes tamén nos da xogo a traballar os números e as emocións que mostra cada un deles ao longo da historia. Outro dos temas destacables a traballar é a viaxe que fai a avoa dende o comezo ata o final do conto. 


Recursos educativos:
Conto é canción de OQO editorial, ‘Corre, corre, cabaciña’:
Lectura do conto apoiada polas imaxes do álbum: 
Experiencia educativa na Escola Infantil Abelliñas: 
Experiencia educativa no colexio CEIP Seixo: 
https://www.youtube.com/watch?v=ujj0143C5gk (consultado 24/04/2020).

Ningún comentario:

Publicar un comentario