martes, 28 de abril de 2020

Topito terremoto



Llenas Ana (2017). Topito Terremoto. Barcelona: Beascoa.

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con texto e imaxes de Ana LLenas. Ten un formato cadrado e un tamaño un pouco máis grande do habitual, pero é de fácil manexo para todos/as os usuarios/as. A tapa é dura e na cuberta aparece a ilustración do protagonista, Topito Terremoto, o título do conto e o nome de autora, ocupando grande espazo. Na contracuberta encóntrase o título, o ISBN, o código de barras, a editorial, a páxina web, un pequeno resumo da historia e unhas ilustracións nas que aparece Topito cargado de etiquetas que a xente lle pon. No interior, todas as ilustración teñen moito más peso ca o texto, son imaxes moi visuais, rechamantes e xeralmente, coloristas, sobre todo cando aparece Berta, a Maga do Bosque.
O contido de Topito Terremeto céntrase na historia de Topito, un neno movido que se distrae con facilidade. É un neno incomprendido, tanto pola familia como na escola, xa que todos/as lle atribúen etiquetas negativas: hiperactivo, TDAH, inquieto… Ninguén lle pregunta que lle pasa ou como se sente, ata que a familia chama á Maga do Bosque, Berta, unha terapeuta resolutiva con terapias creativas. Berta confía en Topito desde o primeiro momento, deixa que se exprese libremente para así chegar a el e coñecelo máis. A maga busca a forma de descubrir as súas potencialidades como: cociñar, practicar artes plásticas, deportes, costura… Topito ao sentirse comprendido e valorado cambia a súa forma de ver as cousas e tamén a maneira de expresarse. A motivación crecera dentro del e non podía deixar escapar a presentación do traballo de fin de curso. Os/as compañeiros/as inicialmente non tiñan ningunha esperanza en que Topito levara algo, mais cando viron o resultado final todos e todas quedaron abraiados/as. Topito por fin, sentíase apreciado e valorado.

Potencialidades: a partir da lectura deste conto podemos fomentar e mellorar, valores como o autoconcepto, a aceptación dun mesmo/a e grupal, a autoestima, o respecto polos/as demais e a diversidade, sempre dunha maneira positiva e construtiva. Destacando a importancia de romper coas etiquetas impostas, ben sexa mediante as nosas palabras ou os nosos actos cara aos nenos e nenas. Ademais, esta historia pode convidar á reflexión aos docentes e a tomar consciencia sobre a efectividade da nosa práctica, é dicir, pensar e deliberar se realmente estamos aportando grans de area aos nosos/as alumnos, se os estamos deixando ser libres, respectándoos e adaptando as súas necesidades. Por outro lado, esta reflexión tamén podería ser feita polas propias familias e meditar sobre as ferramentas que necesitan para chegar aos seus fillos e fillas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario