KERASCÖET (2018). Todos con Vanesa. Magela Ronda, Barcelona: Beascoa, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-488-4949-8).
Descrición do formato: álbum ilustrado de Kerascoët publicado por primeira vez en Estados Unidos o 31 de xullo de 2018. Esta edición é a primeira en castelán de I walk with Vanesa, recoñecido como o Mellor libro do ano 2018 (NY Public Library). Ten encadernación en cartoné, a cuberta é de tapa dura, con cores que destacan nas personaxes de Vanesa e a compañeira que lle axuda nun ambiente incoloro que apenas se aprecia. No medio, o título do libro aparece en letras vermellas, acompañado dun subtítulo que transmite a mensaxe de "un pequeno xesto pode cambiar o mundo". Todo en maiúsculas. Na parte inferior dereita o nome do autor aparece na mesma cor do título. Excepto para os personaxes, as cores da paisaxe son gris pálido e branco. A portada é a mesma, debuxos de casas (o ambiente da nena) en tons brancos e cincentos. Na páxina anterior á portada (páxina de inicio ou verso) hai unha pequena dedicatoria ‘’FOR R AND F '' (para R y F) xa que esta pequena historia está baseada en feitos reais. Tamén se presenta unha páxina de dereitos na que se informa do título orixinal, edición, ilustrador, editor, deseño gráfico e maquetación, impresión, ISBN e depósito legal. Todo acompañado dun certificado do papel do que está feito o libro, xa que se trata dun papel de fontes responsables. Na contraportada hai un conxunto de casas con árbores, todas con tons cincentos e brancos, o resumo da historia que se presenta, o código de barras, o editor e os sitios web onde se pode atopar o libro ou outros relacionados co editor e autor. Na parte inferior, á dereita está o lema "todos somos únicos" en maiúsculas grosas cun pequeno fondo branco.
Descrición do contido: O contido xira ao redor dunha historia sobre como un simple acto de bondade pode cambiar o mundo. Vanesa volve á casa soa despois da clase, cando un compañeiro a acosa. Este sucedido provoca que toda a clase a apoie e non a deixe soa. A través das imaxes expresivas, preséntase a historia e a situación da nena, salientando pola expresividade dos rostros e os sentimentos que neles afloran. O obxectivo é concienciar da importancia de que un simple xesto pode cambiar a sociedade.
Ilustracións: A relevancia das ilustracións é moita, dado que estamos ante un libro mudo, cuxa narrativa asenta unicamente nas imaxes. O lector (re)crea e intúe a situación en cada escena. A cor do ambiente onde se desenvolven os feitos ten un ton difuminado entre branco e cincento. Pola contra, os personaxes destacan polas cores e os contornos cunha fina liña negra. Tamén se amosa a impotencia doutras persoas que observan a situación e non saben como axudar, destacando como actuar sen dicir nada.
Potencialidades: a lectura visual desta obra obriga a unha maior implicación do lectorado, pois non hai tempos establecidos para ler cada páxina, polo que cada quen se recreará nas imaxes e percorrerá cada páxina de modo libre, buscando elementos que atraian a súa atención e lle axuden reconstruír o sentido da historia narrada. Isto leva tamén a un diálogo constante entre o adulto e o/a neno/a. O contacto con álbums silentes propicia que a infancia poida participar activamente e sentirse máis protagonistas da historia; que desenvolva a súa percepción visual e descubra as estratexias empregadas polos creadores para narrar visualmente. Ademais, con esta lectura propiciarase a reflexión sobre a situación, sobre o acoso escolar, e como axudar ás persoas que se atopan nesa situación. Os principais temas son aceptación, a amabilidade e forza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario