domingo, 19 de abril de 2020

Monstro Rosa


De Dios, O. (2018). Monstro rosa, trad. Mónica Lourido Santiso. Zaragoza: Apila Ediciones. [36 pp.]. (ISBN: 978-84-17028-07-7).

Descrición do formato e contido da obra: este álbum ilustrado ten unhas medidas de 25x33 cm, conta con 36 páxinas feitas de papel ecolóxico e está encadernado con tapa dura feita de cartón. A cuberta preséntanos ao protagonista da historia, o Monstro Rosa na cidade onde vive, onde predomina a cor rosa e a ocre, propia da nube que hai na súa cidade. Está a suxeitar a casa onde vive, a cal é máis pequena ca el e, ao seu carón, están no chan os lentes que levan todos os compañeiros que viven no mesmo lugar. Ademais, está acompañado do título da obra en letras grandes de cor rosa, onde a letra “O” simboliza o ovo no que estaba Monstro Rosa antes de nacer, así como o nome da autora da obra e os premios que gañou este conto. Na contracuberta aparece a mesma paisaxe que na cuberta chea de casas e a nube propia da cidade, pero esta vez xa non está a protagonista, o que nos está indicando como pode acabar a historia. Ademais, tamén está presente o código de barras co seu respectivo ISBN, xunto cunha frase que nos indica que este conto trata a diversidade. Tanto na cuberta como na contracuberta aparece un arco da vella na esquina superior. No lombo do álbum aparece o título da obra, o nome da autora e o logotipo da editorial. A cor das gardas está inspirada na cor da cidade de Monstro Rosa. Na garda da cuberta aparece unha dedicatoria e na garda da contracuberta aparecen os compañeiros da primeira cidade do protagonista, a cal tamén é a páxina final. Na portada está representada a nube da que se falou anteriormente cun arco da vella, así como o título e o nome da autora dentro de dita nube e o premio que recibiu. Á esquerda está a información do libro, así como outra dedicatoria.
No interior, ata un pouco máis da metade do conto, os fondos son de cor ocre e o tipo de letra que se utiliza é sempre a mesma, a excepción do nome do protagonista, que aparece en maiúsculas e cor rosa, así como algunha palabra máis que a autora quere destacar, como arco da vella, lugar… Cara ao final da historia, as páxinas vólvense máis coloridas e cheas de detalles. En todas as páxinas, os textos son curtos e están acompañados dunhas ilustracións sinxelas e expresivas. Na gran maioría das páxinas aparece Monstro Rosa. Tamén hai que dicir que nunha das súas páxinas hai unha pregunta que se lle pode facer aos alumnos e noutra aparece unha anotación para que os nenos debuxen os seus propios personaxes nela.
En canto á historia, trata sobre Monstro Rosa, o cal, xa antes de nacer, era diferente ao resto. Os seus compañeiros eran todos máis pequenos ca el e de cor branca, mentres que el era o único de cor. Vivía nun lugar onde todo era de cor branca e co ceo cuberto sempre por unha nube. Todos os seus compañeiros subíanse ás árbores e durmían dentro das súas casas, mentres que el non podía, xa que era tan grande que non cabía nela, polo que durmía abrazado ao seu fogar. Un día, Monstro Rosa decide marchar en busca doutro lugar e, durante moitos días e coa axuda da súa bicicleta e un barco, chegou a un lugar onde ás veces saía o sol, outras chovía, e mesmo viu o arco da vella. Aí coñeceu a unha chea de novos amigos, os cales eran todos diferentes entre si e cheos de cor. Con eles saltaba, corría, divertíase e, cando chegaba a noite, durmían nas súas casas, adecuadas ás súas necesidades. Ao acabar a historia vese aos seus antigos compañeiros indo a ese novo lugar onde Monstro Rosa se instalou.

Potencialidades: a lectura deste álbum permite reflexionar sobre a diversidade e/ou a integración. Ademais, tamén podemos falar da empatía, debido a que sempre hai que incluír aos demais e ser capaces de poñernos no lugar do outro. Este álbum aborda a diferenza dende unha perspectiva positiva, con naturalidade e alegría, tal como reflicte sempre a expresión de Monstro Rosa. De modo transversal tamén nos permite reflexionar sobre o coidado do medio, a contaminación e a nosa relación coa natureza. 

Recursos:
https://www.pinterest.es/pin/418905202834007488/ (poden facer a súa propia versión de Monstro Rosa) (consultado o 17/4/20).
https://www.youtube.com/watch?v=hxscT6_JZjk (exemplo de como se pode contar esta historia con material caseiro) (consultado o 17/4/20).
https://www.youtube.com/watch?v=nOFYYzsIRFY (canción inventada pola Aula Tea de Los Soles) (consultado o 17/4/20).

Ningún comentario:

Publicar un comentario