luns, 27 de abril de 2020

Como todo lo que nace


Brami, Élisabeth (2000). Como todo lo que nace, ilust. Tom Schamp, Madrid: Kókinos. (ISBN: 84-88342-29-2).

Descrición do formato: 
Álbum ilustrado de tapa dura, composto por 33 páxinas, nas que se vai combinando texto e imaxe para achegarse a todos os públicos. Os autores explican a vida e a morte con total naturalidade para concienciar dende idades temperás destes ciclos vitais. A cuberta é unha paisaxe, onde o fume da cheminea dunha casa fai unha espiral que pode aludir ao paso do tempo. A contracuberta está composta por unha representación de carácter surrealista, propia do ilustrador, dunha nena camiñando mentres le, cunha árbore e un peixe do mesmo tamaño. As cores que se usan por fóra do libro son tons máis apagados e fríos (azul, verde e branco), aínda que ao abrir o libro vemos como o ilustrador xoga con cores vivas propias do seu mundo fantasioso. Na garda inicial, unha ilustración dun gran golfiño verde e da casa da cuberta na súa testa, cubre estas dúas páxinas. A garda final, en cambio, simboliza un atardecer nun campo cun xirasol en forma de interrogante, facendo alusión ás preguntas que as persoas nos facemos sobre a morte. A portada e a páxina de dereitos son idénticas, pero cambian as cores utilizadas. Á esquerda vese a ilustración dun lapis en forma de interrogante e unha folla en cores terra (que poden simbolizar a morte) e na portada está a mesma imaxe pero de cores máis claras (podendo simbolizar a vida). 



O interior do libro é unha secuencia de ilustracións de obxectos e animais da vida cotiá con textos repetitivos que comparan a vida destes coa propia do ser humano. Na obra, estáselle a dar maior importancia ás imaxes, xa que o texto queda nun segundo plano en letra máis pequena, facendo que sirva de acompañamento á historia. Deste xeito, os máis pequenos e pequenas quedarán abraiados ante estas representacións, que motivará para a escoita activa da historia.

Descrición do contido: 
Como todo lo que nace é unha obra da literatura infantil que explica o paso do tempo e a morte a través de comparacións con vidas doutros seres do mundo como o peixe, a mazá, a pomba, as follas... Despois faise a pregunta de que é o que pasará cando non esteamos aquí cara ao lector, e finalmente déixase nunha incógnita: iso ninguén o sabe.

Potencialidades: 
A lectura desta obra permite explicarlles aos cativos e cativas o paso do tempo e a morte, un tema que para moitas familias e incluso docentes é un tabú para expoñer ante estes/as. Na miña opinión, a morte, igual que moitos outros temas, debe de tratarse con total normalidade e concienciar o alumnado de que as perdas e as despedidas son propias da realidade. Con obras propias da literatura infantil como pode ser esta, o alumnado podería ver a morte como un tema ordinario coma calquera outro e así evitar posibles problemas de cara ao futuro.

Recursos, traducións e premios:
Representación en kamishibai: Candel Vacas (2014). Como todo lo que nace. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=jCHznvcdQEE (consultado o 26/4/20).

Versión muda, con texto e cunha canción de fondo: Arredondo, Giselle (2015). Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=Tod7qvzdjDA (consultado o 26/4/20).



1 comentario:

  1. Non coñecía esta obra e a temática que propón parece moi interesante para traballar con nenos e nenas de educación infantil, debido a que non é un tema que se adoita tratar con nenos e nenas a esas idades. tamén estou de acordo co que di Raquel, o tema da morte debe poder tratarse con total normalidade tanto dentro da aula como fóra dela e que con recursos como este pódese ensinar ao alumnado que as perdidas son algo propio da vida.

    ResponderEliminar